Waswanipi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaWaswanipi

Localización
Mapa
 49°42′N 76°00′O / 49.7, -76Coordenadas: 49°42′N 76°00′O / 49.7, -76
EstadoCanadá
ProvinciaQuebec
Região Administrativa (pt) TraducirNord-du-Québec (pt) Traducir
Equivalent territory (en) TraducirEeyou Istchee (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación1.777 (2011) Editar o valor em Wikidata (5,35 hab./km²)
Xeografía
Superficie33.200 ha Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Waswanipi (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Waswanipi (en cree: ᐙᔂᓂᐲ/ Wâswânipî ) é unha entidade cree situada no territorio equivalente Eeyou Istchee no centro do Quebec, e que constitúe unha das comunidades asociadas ao Gran Consello dos Crees. Como a maioría das entidades autóctonas do Quebec, Waswanipi, componse dun territorio reservado cree de categoría IA, onde se atopa a contorna urbanizada onde viven os membros da nación cree de Waswanipi e que é de xurisdición federal, e mais dun municipio vilego cree de categoría IB, deshabitado e de xurisdición provincial[1]. Administrativamente, dentro do Quebec, intégrase na rexión do Nord-du-Québec.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O territorio da terra reservada cree de Waswanipi é irregular e ha de se distinguir do territorio da municipipalidade vilega cree homónima e está constituída por unha primeira sección situada no leste da Ruta 113 entre o río Waswanipi e o quilómetro 259 desa estrada; esta sección limita ao sueste co río Chibougamau e tamén inclúe o núcleo urbanizado de Waswanipi Un sesgundo tramo localízase ao norte da Ruta 113, principalmente entre o lago Renault e o quilómetro 274 da estrada, mais tamén inclúe a contorna do lago Inconnu [2]. Un terceiro tramo está situado ao leste da converxencia dos ríos Chibougamau e Opawica na banda de terra antes de os dous ríos diverxiren, de maneira considerable cara ao norte para o primeiro e ao sur para o segundo. Unha cuarta sección consiste nunha banda de terra, relativamente pequena, na beira sur do río Waswanipi que se estende case ata a entrada do río no lago Waswanipi.

En canto á municipalidade vilega cree de Waswanipi, limita co territorio da terra reservada cree na cara oeste da primeira sección, co recanto suroeste da segunda sección e coa cara norte da cuarta sección. Un territorio non organizado, rexión que non forma parte de municipalidade local ningunha aínda que si fai parte dunha municipalidade rexional de condado, e ao que as autoridades competentes aínda non lle asignaron un topónimo, rodea practicamente a totalidade dos territorios da terra reservada e da municipalidade vilega, agás unha pequena sección ao leste.

Historia[editar | editar a fonte]

Waswanipi estaba unha zona de caza e pesca de verán dos crees e a Compañía do Noroeste instalouse na zona en 1799, e a Compañía da Baía de Hudson en 1819. O posto situábase nunha illa do lago Waswanipi a uns 30 km[3] augas abaixo do lugar actual pero sempre permaneceu como un lugar de visita temporal para os crees, agás para uns poucos vellos que permanecían a carón do posto todo o ano. A partir da década de 1950 toda a rexión Waswanipi abriuse á explotación mineira e os cree convertéronse en minoría no seu propio territorio, algunhas familias emigraron aos novos asentamentos e a poboación cree esparexeuse por Matagami, Senneterre, Miquelon, Desmaraisville, o río Waswanipi e Chapais. Cando a Compañía da Baía de Hudson pechou o seu posto en 1965 apenas tiña actividade e os poucos crees, de avanzada idade, que vivían alí dispersáronse. Finalmente, os crees lograron do goberno federal a construción en 1976 dunha vila propia no lugar onde a estrada Chibougamau-Senneterre cruzaba o río Waswanipi. A municipalidade vilega de Waswanipi creouse o 19 de xullo de 1978 [4] .

Demografía[editar | editar a fonte]

Serie de poboación histórica de Waswanipi
Ano20012006201120162021
Poboación1261147317771759459

Linguas[editar | editar a fonte]

Segundo o censo de 2016[5] o cree é a lingua materna de 1420 habitantes da localidade, a segunda lingua é o inglés con 240 falantes e o francés a terceira con 70. Ademais 5 persoas afirman que a súa lingua materna é o inglés e unha lingua non oficial. Por coñecemento das dúas linguas oficiais 1190 persoas afirman que falan inglés como primeira lingua oficial, para 75 é o francés a súa primeira lingua oficial, un total de 425 falan inglés e francés e hai 70 persoas que non falan ningunha das dúas linguas oficiais. Son un total de 1685 persoas os que afirman que poden falar cree. A maioría da poboación identifícase como indios norteamericanos, con só 20 non nativos. Hai 30 persoas que se identifican como inuit pero non hai falantes de ningunha lingua inuit.

Relixión[editar | editar a fonte]

A maioría dos habitantes de Wawanipi son cristiáns. Sacerdotes católicos comezaron a visitar a rexións os veráns a partir de 1852 e algúns anos despois tamén os anglicanos tamén tentaron a conversión dos cree e ao remate do século XIX a maioría convertérase ao catolicismo. Non obstante, nas primeiras décadas do século XX unha parte importante dos católicos renunciara ao catolicismo para ingresar no anglicanismo e a partir da década de 1920 a maioría era anglicana. Así e todo, a comunidade mantivo crenzas mixtas, e así era habitual ata a década de 1950 que cando un pastor anglicano visitaba a comunidade acudisen tanto anglicanos como católicos ao servizo relixioso e o mesmo acontecía cando un sacerdote católico celebraba misa[6]. A igrexa de San Bernabé, construída en 2001, é a igrexa parroquial anglicana de Waswanipi e dependen da diocese de Moosonee da Igrexa Anglicana do Canadá que agrupa os anglicanos locais. Tamén existe unha comunidade pentecostal activa coa súa propia igrexa. Malia non existir lugar de culto católico no censo de 2001 eran 100 os habitantes da localidade que se identificaban como católicos[7].

Educación[editar | editar a fonte]

A Comisión Escolar Cree ofrece os servizos de ensino primario e secundario públicos en Eeyou Istchee. En Waswanipi opera a escola preescolar Jolina Gull Blacksmith (ᒍᓖᓈ ᑲᓪ ᐱᓛᑲᓯᒥᕪ ᒋᔅᑯᑕᒫᒉᐅᑲᒥᒄ) con clases só en cree, a escola elemental Rainbow (ᐲᓯᒧᔮᐲ ᒋᔅᑯᑕᒫᒉᐅᑲᒥᒄ) e o escola de secundaria Willie J. Happyjack Memorial (ᐧᐃᓖᐧᐃᓖ ᐦᐋᐲᒑᒃ ᒋᔅᑯᑕᒫᒉᐅᑲᒥᒄ) con ensino en cree, inglés e francés e que en conxunto tiñan 560 alumnos en 2019 [8].

Notas[editar | editar a fonte]