Saltar ao contido

Warhammer 40,000

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Warhammer 40,000
Partida de varios xogadores.
EditorialGames Workshop
Data de publicación1987 - presente
Xogadores2+
Preparación5-20 minutos
Duración60-180 minutos

Warhammer 40,000 (ás veces chamado coloquialmente Warhammer 40K ou 40k ) é un xogo de miniaturas producido por Games Workshop. É o xogo de miniaturas máis popular do mundo,[1][2][3] e é particularmente popular no Reino Unido.[4] A primeira edición do libro de regras publicouse en setembro de 1987, e a décima e actual edición publicouse en xuño de 2023.

Como noutros xogos de guerra de miniaturas, os xogadores protagonizan batallas usando modelos en miniatura de guerreiros e vehículos armados. A área de xogo é unha mesa representando un campo de batalla, que inclúe modelos de edificios, outeiros, árbores e outras características do terreo. Cada xogador, por quendas, move os seus guerreiros polo campo e loita contra os guerreiros do seu opoñente. Estas loitas resólvense usando dados e aritmética sinxela.

Warhammer 40.000 destaca pola súa ambientación de ciencia ficción nun futuro afastado, onde unha civilización humana estancada é acosada por alieníxenas hostís e criaturas sobrenaturais. Os modelos do xogo son unha mestura de humanos, extraterrestres e monstros sobrenaturais con armamento futurista e poderes sobrenaturais. O escenario ficticio do xogo desenvolveuse a través dun gran conxunto de novelas publicadas por Black Library (a división de publicacións de Games Workshop). Warhammer 40,000 foi concibido inicialmente como unha contraparte de ciencia ficción de Warhammer Fantasy Battle, un xogo de guerra de fantasía medieval tamén producido por Games Workshop co que 40,000 comparte unha serie de conceptos comúns a pesar de non estar ambientado no mesmo universo. O xogo recibiu eloxios xeneralizados polo ton e a profundidade da súa ambientación, e considérase a obra fundamental do xénero grimdark da ficción especulativa.

Warhammer 40,000 xerou moitos medios derivados. Games Workshop produciu outros xogos de mesa relacionados coa marca, incluíndo extrapolacións da mecánica e escala do xogo base para simular situacións únicas, como Space Hulk ou Kill Team, e xogos de guerra que simulan escalas e aspectos moi diferentes da guerra dentro do mesmo escenario ficticio, como sucede con Battlefleet Gothic, Adeptus Titanicus ou Warhammer Epic. Tamén se lanzaron spin-off de videoxogos, como as sagas de Dawn of War e Space Marine.

  1. "Top 5 Non-Collectible Miniature Games—Spring 2020". icv2.com. Arquivado dende o orixinal o 2021. Consultado o 2020. 
  2. ""Top Non-Collectible Miniatures Lines – Fall 2022". icv2.com. Consultado o 2023. 
  3. "Top Miniatures Lines – Fall 2023". icv2.com. Consultado o 2024. 
  4. "On a Mission". edisongroup.com. Arquivado dende o orixinal o 2022. Consultado o 2019.