Walter Windfuhr

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Walter Windfuhr, nado en Hamburgo o 6 de maio do 1878 e finado na mesma cidade o 22 de maio do 1970, foi un teólogo e experto en xudaísmo de orixe alemá.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Walter Windfuhr naceu en Hamburgo nunha familia de comerciantes. Durante a súa mocidade, traballou como grumete nun barco e viaxou até Chile nun veleiro. Tras rematar a secundaria no Matthias-Claudius-Gymnasium, en 1899, estudou Teoloxía Evanxélica e Linguas Semíticas. Aprobou os exames de teoloxía en 1903 e 1905, e en 1907 foi nomeado párroco da igrexa de Santa Catarina en Hamburgo.

No ano 1914, Windfuhr viaxou a Asia para ampliar os seus estudos. Comezou a ensinar teoloxía veterotestamentaria a partir de 1920 na Universidade de Heidelberg, onde recibiu o seu doutoramento no 1924. En 1925, ingresou na Universidade de Hamburgo, onde traballaría até 1941. Como rexeitaba a relación da Igrexa co nazismo, solicitou abandonar o seu posto como pastor no 1933.

Obra[editar | editar a fonte]

No ámbito académico, profundou no xudaísmo e no Antigo Testamento, alcanzando rapidamente fama como experto en rabinismo, historia xudía medieval e o Talmud. Windfuhr estaba moi interesado no eido da filoloxía, polo que escribiu comentarios e edicións críticas de textos. Tamén traduciu varios tratados da Misná.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Biographie, Deutsche. "Windfuhr, Walter - Deutsche Biographie". www.deutsche-biographie.de (en alemán). Consultado o 2023-12-16. 
  2. "Walter Windfuhr". Key Documents of German-Jewish History (en inglés). Consultado o 2023-12-16. 
  3. Die Mischna : Text, Übersetzung und ausführliche Erklärung. Giessen : A. Töpelmann. 1912. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]