Voo 6 de Pan Am

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 6 de Pan Am
O voo 6 momentos antes de amarar
Resumo
Data  16 de outubro de 1956
Causa  fallo de motor
Lugar  océano Pacífico,
ao nordés de Hawai
Coordenadas  Coordenadas: 30°01′30″N 140°09′00″O / 30.025, -140.15
Finados  0
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 377 Stratocruiser
Operador  Pan Am
Rexistro  N90943
Pasaxeiros  24
Tripulación  7
Superviventes  31

O voo 6 de Pan Am era un servizo ao redor do mundo que amarou no océano Pacífico o día 16 de outubro de 1956 despois de que fallasen dous dos seus catro motores. O voo 6 saíra de Filadelfia nun Douglas DC-6B e voou cara ao leste ata Europa e Asia nunha viaxe con múltiples paradas. Na tarde do 15 de outubro de 1956 o voo deixou Honolulu nun Boeing 377 Stratocruiser chamado Sovereign of the Skies, con rexistro N90943. O filme de 1958 Crash Landing baseouse no accidente.

Accidente[editar | editar a fonte]

O engalou de Honolulu ás 8:26 p.m. HST na última parte do voo ata San Francisco. O voo recibiu permiso para subir a unha altura de 21 000 pés (6 400 m). Cando chegou a esa altitude, ao redor das 1:20 a.m., o motor número 1 comezou a pasarse de velocidade cando se reduciu a potencia. O primeiro oficial, George Haaker, que estaba pilotando o avión, baixou inmediatamente a velocidade do aparello reducindo aínda máis a potencia e extendendo os flaps, e intentou poñer a hélice en bandeira. A hélice non se puxo en bandeira e o motor continuou xirando a excesivas revolucións. O capitán Richard Ogg decidiu cortar a subministración de combustible ao motor. Finalmente as revolucións baixaron e o motor detívose. A hélice continuou xirando pola corrente de aire causando unha resistencia excesiva que incrementou o consumo de combustible. Como resultado o avión viuse forzado a voar moito máis lento, por debaixo dos 280 km/h, e perdía altura a un ritmo de 1 000 pés por minuto. Aumentouse a potencia dos outros tres motores para reducir o ritmo de descenso. O motor 4 posteriormente comezou a fallar[1] e pouco despois só proporcionaba potencia parcial co acelerador a tope. Ás 2:45 a.m. o motor 4 comezou a petardear, forzando á tripulación a apagalo e a poñer a hélice en bandeira.[2]

A tripulación calculou que a resistencia engadida deixábaos sen suficiente combustible para chegar a San Francisco ou regresar a Honolulu. O capitán Ogg radiou unha mensaxe: "PanAm 90943, voo 6, declarando unha emerxencia sobre o Pacífico".[3] Nos anos 50 a Garda Costeira dos Estados Unidos mantiña un cúter na Estación Oceánica November entre Hawai e a costa de California. Este barco era capaz de proporcionar información meteorolóxica e transmitir mensaxes de radio a aeronaves nas proximidades. Estaba situado no "punto de non retorno" e destinado a proporcionar asistencia a avións en problemas. Nesa noite o barco era o USCGC Pontchartrain. A mensaxe do capitán Ogg foi transmitido ao Pontchartrain[3] e o avión voou ao onde se atopaba o cúter, nivelado a 2 000 pés (610 m), e voando sobre el en círculos de oito millas cos dous motores restantes ata a chegada da luz do día.[4]

O capitán Ogg decidira agardar pola luz do día, xa que era importante manter as ás niveladas co océano durante a amaraxe. Iso sería máis doado de conseguir coa luz do sol, mellorando as posibilidades de que os pasaxeiros puidesen ser rescatados, pero estaba preocupado de que as ondas medrasen. Cando o avión sobrevoaba en círculos o cúter da Garda Costeira foi capaz de trepar dos 2 000 pés ata os 5 000 (610 a 1 520 m). A esa altura fixéronse varias prácticas de aproximación para ver que o avión podía ser controlable a baixa velocidade (o obxectivo era ter a menor velocidade posible xusto antes de tocar a auga). Atrasar a amaraxe tamén aseguraba máis combustible consumido, facendo o avión máis lixeiro polo que podería flotar máis tempo e minimizando o risco de incendio no caso dunha aterraxe accidentada.[1]

Os ocupantes abandonando o avión

Consciente do accidente do voo 845/26 de Pan Am o ano anterior, no cal a sección de cola dun Boeing 377 rompeu durante unha amaraxe, o capitán díxolle á sobrecargo que evacuase aos pasaxeiros pola parte traseira do avión.[1] A tripulación retirou obxectos frouxos da cabina e preparou aos pasaxeiros para a amaraxe. Como noutros voos da época, os nenos pequenos podía ir no colo dos seus pais, sen asentos separados ou cintos de seguridade.[5]

Ás 5:40 o capitán Ogg notificou ao Pontchartrain que se estaba preparando para a amaraxe. O cúter trazou un camiño de escuma para un mellor rumbo de amaraxe de 315 graos, e así axudar ao capitar a xulgar a súa altura sobre a auga. Despois dunha proba o avión tocou a auga ás 6:15 a 170 km/h cos flaps totalmente despregados e o tren recollido, á vista do Pontchartrain.[2] Tras tocar a auga o avión moveuse pola súa superficie varios centos de metros. Unha á chocou contra unha onda facendo que o avión virase case 180 graos cara babor, danando a sección do nariz e rompendo a cola.[1] As 31 persoas a bordo sobreviviron. A tripulación e os pasaxeiros asignados previamente para axudar despregaron tres balsas salvavidas. Unha balsa non se inflou correctamente, pero as barcas de rescate do cúter chegaron rapidamente para transferir aos pasaxeiros desa balsa. Todos foron rescatados pola Garda Costeira antes de que o avión se afundise ás 6:35 a.m. A tripulación do cúter filmou a aterraxe e o rescate.[6] Posteriormente produciuse unha película de 10 minutos que incluía as conversas de radio entre o piloto e a Garda Costeira.[4]

Os pasaxeiros foron aloxados nos camarotes dos oficiais do barco e regresaron a San Francisco varios días despois.[5] Algúns dos pasaxeiros tiveron feridas leves, incluída unha nena de 18 meses que golpeou a cabeza durante o impacto e quedou inconsciente. 44 caixas con canarios vivos na bodega de carga perdéronse cando o aparello se afundiu.[5]

Causa probable[editar | editar a fonte]

Un informe posterior de investigación resumiu o incidente deste xeito: "Un fallo mecánico inicial que impedía poñer en bandeira a hélice 1 e un fallo mecánico posterior que resultou nunha completa perda de potencia do motor 4, cuxo efecto precisou a necesidade dunha amaraxe".[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "This is it. > Vintage Wings of Canada". www.vintagewings.ca. Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2018. Consultado o 2018-12-23. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Boeing 377 Stratocruiser 10-29 N90943 San Francisco, CA, USA". aviation-safety.net. Consultado o 2018-12-23. 
  3. 3,0 3,1 News, Metropolitan Airport (2017-11-02). "Pan Am Clipper Makes Pacific Landing - Metro Airport News". Metropolitan Airport News (en inglés). Consultado o 2018-12-23. 
  4. 4,0 4,1 Negroni, Christine (2017-11-08). "1956 Version of Landing an Airplane on Water". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2018-12-23. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Stannard, Matthew B.; Writer, Chronicle Staff (2009-01-24). "Danville pilot has historical predecessor". SFGate. Consultado o 2018-12-24. 
  6. Garda Costeira dos Estados Unidos. PanAm Flight 6 Ditching - crash Fleet number 943 Registration N90943 (YouTube).