Voo 574 de Adam Air

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 574 de Adam Air
Un 737 de Adam Air con librea distinta
Resumo
Data  1 de xaneiro de 2007
Causa  fallo no sistema inercial
de navegación
Lugar  estreito de Makassar
Coordenadas  Coordenadas: 3°40′44″S 118°09′04″L / -3.6788888888889, 118.15111111111
Orixe  aeroporto Soekarno-Hatta
Derradeira escala  aeroporto Juanda
Destino  aeroporto Sam Ratulangi
Finados  102
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 737-4Q8
Operador  Adam Air
Rexistro  PK-KKW
Pasaxeiros  96
Tripulación  6
Superviventes  0

O voo 574 de Adam Air era un servizo regular doméstico de pasaxeiros entre as cidades indonesias de Surabaia e Manado.[1] O día 1 de xaneiro de 2007 o Boeing 737-4Q8 que operaba a ruta rompeuse no aire e esnafrouse no estreito de Makassar preto de Polewali, en Sulawesi.[2] As 102 persoas a bordo morreron, sendo o accidente de aviación con máis vítimas dun Boeing 737-400. Tras o accidente iniciouse unha investigación nacional. O informe final, publicado o 25 de marzo de 2008, concluíu que os pilotos perderon o control do avión despois de que se preocupasen por problemas no sistema inercial de navegación e desconectasen sen decatarse o piloto automático.[3] Foi o único accidente con vítimas mortais de Adam Air nos seus cinco anos de historia.

O sinistro foi un dos varios accidentes de transportes, incluído o posterior voo 172, que deron lugar a que os Estados Unidos rebaixasen a súa clasificación de seguridade da aviación indonesia, aí como a grandes reformas na seguridade do transporte en Indonesia. A todas as compañías aéreas indonesias prohibíuselles á vez voar na Unión Europea varios meses despois do accidente. Posteriormente o goberno indonesio prohibiu voar a Adam Air, e a compañía declarouse en bancarrota.

Avión[editar | editar a fonte]

O aparello implicado era un Boeing 737-4Q8, con número de serie 24070 e rexistro PK-KKW, fabricado en 1989.[4][5] Antes de voar con Adam Air, o avión, propiedade de ILFC, fora arrendado a sete aeroliñas: Dan-Air, British Airways, GB Airways, Transaero, WFBN, Air One e Jat Airways.[6] Equipado con dous motores CFM56-3C1, o aparello tiña ao redor de 50 000 horas de voo e fora avaliado e declarado en condición de voar por última vez o 25 de decembro de 2005 polo ministerio de transporte de Indonesia. Tiña que ser revisado novamente a finais de xaneiro de 2007.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Plane Carrying 102 Missing in Indonesia". Forbes. 2007-01-03. Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2007. Consultado o 2019-01-19. 
  2. "indahnesia.com - Events - Adam Air plane missing - Discover Indonesia Online". indahnesia.com. Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2018. Consultado o 2019-01-19. 
  3. Ionides, Nicholas (2008-03-25). "Final report: Adam Air 737 plunged into sea after pilots lost control". Flightglobal.com (en inglés). Consultado o 2019-01-19. 
  4. "Nasib 96 Penumpang, Pilot dan Kru Tidak Diketahui". Kompas Cyber Media. 2007-01-04. Archived from the original on 04/01/2007. Consultado o 2019-03-12. 
  5. "Accident AdamAir Flight 574 B737 PK-KKW | Airfleets aviation". www.airfleets.net. Consultado o 2019-03-12. 
  6. "AdamAir PK-KKW (Boeing 737 - MSN 24070) (Ex EI-CXH G-BNNL N112TR ) | Airfleets aviation". www.airfleets.net. Consultado o 2019-03-12.