Voo 5672 de Air France

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 5672 de Air France
O avión semanas antes do accidente
Resumo
Data  22 de xuño de 2003
Causa  erro do piloto
Lugar  comuna de Saint-Divy
Coordenadas  Coordenadas: 48°27′18″N 4°22′06″O / 48.455, -4.36843
Orixe  aeroporto de Nantes Atlantique
Destino  aeroporto de Brest-Guipavas
Finados  1
Feridos  9
Aeronave
Tipo de aeronave Bombardier CRJ100ER
Operador  Brit Air para Air France
Rexistro  F-GRJS
Pasaxeiros  21
Tripulación  3
Superviventes  23

O voo 5672 de Air France era un servizo doméstico de pasaxeiros dende o aeroporto de Nantes Atlantique ata o aeroporto de Brest-Guipavas. O día 22 de xuño de 2003 o Bombardier CRJ100ER que realizaba a ruta, operado pola compañía rexional subsidiaria de Air France Brit Air, esnafrouse durante a fase de aterraxe. O avión golpeou múltiples obstáculos e chocou nunha estrada estoupando e incendiándose.[1] Os ocupantes foron evacuados inmediatamente. O piloto morreu, mentres que os restantes 23 ocupantes sobreviviron.[2][3]

A investigación levada a cabo pola Oficina de Investigación e Análise para a Seguridade da Aviación Civil (BEA), revelou que a tripulación do voo 5672 se descoidou ao seleccionar omodo de aproximación no piloto automático.[4] Como resultado non se capturou a senda de planeo. O avión desviouse significativamente do seu curso de voo e o problema empeorou cando a tripulación fallou ao monitorizar a altura da aeronave. O Sistema de Alerta de Proximidade ao Terreo activouse,[5] e o avión esnafrouse e estoupou en chamas. O accidente foi a terceira perda dun Bombardier CRJ100.[2]

Voo[editar | editar a fonte]

O avión estaba operando un servizo regular de pasaxeiros entre Nantes e Brest cun plan de voo baixo regras de voo instrumental (IFR). Levaba 21 pasaxeiros, dous tripulantes de voo (un capitán e un primeiro oficial) e un asistente de voo. O avión engalou ás 21:16 hora local, 50 minutos máis tarde do programado.[2]

Durante a etapa de cruceiro comezaron a xestarse tormentas na zona. Informouse de que había cumulonimbus cunha base de nubes de 200 pés. A tripulación tivo que desviarse lixeiramente da ruta planeada para evitar un sistema tormentoso preto do aeroporto de Brest-Guipavas. A información do tempo en Brest indicaba que a visibilidade era de 800 metros e que había néboa.[2]

Ás 21:39 o control de tráfico aéreo autorizou a tripulación a descender a unha altura de 7 000 pés (2 100 m) e despois a entrar nun patrón de espera debido a que o tempo empeorara en Brest. Ás 21:47, uns 90 segundos despois de iniciar o patrón de espera, o controlador autorizou a tripulación a descender aos 2 000 pés (610 m) e a continuar a aproximación. Pouco despois o piloto automático capturou o localizador ILS, que é un sistema de aterraxe instrumental usado para guiar o avión ao longo do eixo da pista, e a tripulación preparouse para a aterraxe. O controlador dixo que autorizaría a aterraxe despois de que a tripulación informase da súa posición.[2]

Accidente[editar | editar a fonte]

Ás 21:48 o primeiro oficial estendeu os flaps e o avión estabilizouse a 2 000 pés. Mentres o avión estaba estabilizado, o vento que sopraba do noroeste cambiou e comezou a empuxar o avión á esquerda, algo que a tripulación non foi capaz de notar. Ás 21:49 a tripulación baixou os flaps á súa posición final de aterraxe e realizou a lista de comprobación antes de aterrar.[2]

Ás 21:51, mentres estaba a unha altitude duns 500 pés (150 m) durante a aproximación, o Sistema de Aviso de Proximidade ao Terreo (GPWS) fixo soar a alarma "sink rate" (taxa de afundimento). O capitán entón desconectou o piloto automático e o avión continuou o seu descenso. A 100 pés o GPWS avisou a tripulación de que levantase o avión. O capitán pediu un go-around e os pilotos aumentaron potencia aos motores.[2] Porén, debido á pouca velocidade do avión nese momento non foi capaz de ascender.

Ás 21:51:22 o avión tocou o chan nun campo de herba preto do aeroporto a baixa velocidade. O Bombardier CRJ100 envarou e esnafrouse contra un terraplén boscoso. Golpeou varias árbores facendo que a punta da á esquerda se separase. Inmediatamente iniciouse un lume na á esquerda. Despois o aparello golpeou un muro de formigón que causou que a á dereita e unha das portas se separasen.[6] A aeronave finalmente parou despois de golpear un poste.[2]

Evacuación[editar | editar a fonte]

Despois de que o avión parase o lume comezou a estenderse. Un intenso lume se desenvolveu no interior do aparello, principalmente no lado esquerdo. Os pasaxeiros viron como as lapas se estendían a través das paredes. A asistente de voo abriu a porta da cabina de mando e viu enormes brechas no casco desa zona. Ela ordenou aos pasaxeiros evacuar o avión a través da porta da dereita perdida durante o accidente.[2]

Durante a evacuación, varios pasaxeiros non puideron atopar o camiño de saída. Dous pasaxeiros correron cara á parte de popa da cabina. Outro pasaxeiro díxolles despois que non había saída de emerxencia atrás. Un pasaxeiros habitual do voo 5672, que estaba sentado no centro do avión, abriu a porta de emerxencia esquerda. Decatouse de que había un intenso lume na á esquerda e decidiu saír pola porta. As lapas entraron entón no avión a través da porta de emexencia aberta. O copiloto saíu do avión a través do burato que se formara na cabina de mando durante o impacto.[6] A asistenta de voo saíu do avión e axudou na evacuación dende o exterior.[2] O aparello foi evacuado en menos dun minuto.[6]

Operación de rescate[editar | editar a fonte]

O persoal da torre de control informou os bombeiros do aeroporto de que perderan o contacto co voo 5672 e estes comezaron a buscar o lugar do accidente. Ás 21:56 os bombeiros do aeroporto contactaron cos da cidade de Brest. Posteriormente recibiron chamadas dos pasaxeiros e tripulantes do avión indicándolles que se esnafraran preto do aeroporto.[2] Os bombeiros chegaron ao lugar do accidente ás 22:18. O copiloto e un pasaxeiro foron levados a un hospital próximo, mentres o resto foi levado á terminal do aeroporto. Tras ser examinados polos médicos, algúns pasaxeiros foron posteriormente levados ao hospital para ser tratados.[2]

O capitán foi a única vítima mortal do accidente. Nove persoas resultaron feridas.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Pilot killed in small plane crash in France". The Irish Times (en inglés). Consultado o 2019-01-20. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 "Informe do accidente" (PDF). BEA. Consultado o 2019-1-20. 
  3. "Local flight plane crashes near Brest" (en inglés). 2003-06-23. 
  4. Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Canadair CL-600-2B19 Regional Jet CRJ-100ER F-GRJS Brest-Guipavas Airport (BES)". www.aviation-safety.net. Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2019. Consultado o 2019-01-20. 
  5. Lombardo, David A. "Preliminary Report: GPWS warning preceded approach crash". Aviation International News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2019. Consultado o 2019-01-20. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "Les miraculés du Nantes-Brest". ladepeche.fr (en francés). Consultado o 2019-01-21. 
  7. "Le pilote aurait été victime d'un malaise". leparisien.fr (en francés). 2003-06-24CEST00:00:00+02:00. Consultado o 2019-01-21.