Saltar ao contido

Voo 3704 de Iran Aseman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 3704 de Iran Aseman
O avión do accidente en 2006
Resumo
Data  18 de febreiro de 2018
Causa  baixo investigación
Lugar  Dena Massif, montes Zagros
preto de Semirom, Irán
Coordenadas 
Orixe  aeroporto de Mehrabad
Destino  aeroporto de Yasuj
Finados  65
Feridos  0
Aeronave
Tipo de aeronave ATR 72-200
Operador  Iran Aseman Airlines
Rexistro  EP-ATS
Pasaxeiros  59
Tripulación  6
Superviventes  0

O voo 3704 de Iran Aseman foi un voo doméstico regular iraniano de pasaxeiros dende Teherán ata Yasuj operado pola aeroliña Iran Aseman Airlines. O 18 de febreiro de 2018, o avión que realizaba o voo, un ATR 72-200, esnafrouse contra o monte Dena, nos montes Zagros, preto da vila de Noqol na provincia de Esfahan.[1] A totalidade dos 59 pasaxeiros e 6 tripulantes a bordo morreron.[2][3][4][5] Rescatadores a bordo de helicópteros da Forza Aérea dos Corpos da Garda Revolucionaria Islámica atoparon os restos do avión dous días despois do accidente.[6]

O aparello involucrado no accidente era un ATR 72-212 con número de serie 391. Tiña o rexistro EP-ATS e fora entregado a Iran Aseman Airlines no ano 1993. Nos seus 24 anos de servizo coa aeroliña a avión non rexistrara ningún incidente serio.[5][7]

Unha fonte iraniana informou de que o avión reiniciara recentemente as súas operacións despois de estar fóra de servizo durante sete anos debido á falta de pezas de reposto, e que tivera problemas técnicos nun voo semanas antes do accidente. Afirmouse tamén que unha publicación de Instagram da aeroliña dous meses antes do accidente anunciaba a volta ao servizo do aparello, pero esta foi borrada tras o accidente.[2]

No momento do accidente Iran Aseman tiña seis avións ATR na súa frota, dos cales tres estaban realizando operacións.[2]

Este accidente é o sexto con vítimas mortais do ATR 72 nunha década que deixaron un total de 306 mortos.[8]

Accidente

[editar | editar a fonte]

O avión estaba operando un voo doméstico regular de pasaxeiros dende o aeroporto de Mehrabad en Teherán ata o aeroporto de Yasuj.[9] Engalou de Teherán ao redor das 04:30 UTC e esnafrouse no monte Dena sobre unha hora despois.[4] Os seus 65 ocupantes, 59 pasaxeiros e 6 tripulantes, presumiblemente morreron.[2] Segundo a páxina web de seguimentos de voos Flightradar24, o derradeiro sinal do avión foi recibido xusto antes das 05:56 UTC, cando se atopaba a unha altura de 16 975 pés (5 174 m) e estaba descendendo.[10] O derradeiro contacto de radio que o control de tráfico aéreo (ATC) tivo coa tripulación foi poucos minutos antes, ás 09:22 hora local (05:52 UTC), cando o ATC autorizou ao avión a descender de nivel de voo dende unha altura de 21 000 pés a 17 000.[5]

Habitantes da zona informaron que escoitaron ao avión chocando contra a montaña, pero debido á neboa os helicópteros de rescate non puideron chegar ao lugar do accidente nos montes Zagros. O monte Dena, onde se esnafrou o avión, é realmente unha cordilleira dentro dos montes Zagros; ten 80 qulómetros de longo con varios picos, o máis alto deles de 4 409 metros.[5] As condicións meteorolóxicas no lugar do accidente, incluída neve e fortes ventos, obstaculizaron aos servizos de busca e rescate.[5]

Rescatadores a bordo de halicópteros dos Corpos da Garda Revolucionaria Islámica atoparon os restos do avión dous días despois do accidente,[6] o 20 de febreiro, a 30 metros baixo o pico das montañas ao sur de Noqol a unha altura duns 4 000 metros.[6]

O día 3 de marzo funcionarios iranianos anunciaron que atoparan a gravadora de datos de voo.[11]

  1. NBC News (ed.). "Iran plane crash: 66 people killed after passenger aircraft goes down". Consultado o 12 de marzo de 2018. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 The Guardian (ed.). "Iran plane crash in south of country 'kills all 65 onboard'". Consultado o 12 de marzo de 2018. 
  3. Mehr News Agency (ed.). "Iran passenger plane crash kills 65, wreckage still missing". Consultado o 12 de marzo de 2018. 
  4. 4,0 4,1 BBC (ed.). "Iran plane crash: All 66 people on board feared dead". Consultado o 12 de marzo de 2018. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Aviation Safety Network (ed.). "Accident description". Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2019. Consultado o 12 de marzo de 2018. 
  6. 6,0 6,1 6,2 The Aviation Herald (ed.). "Crash: Iran Aseman AT72 near Semirom on Feb 18th 2018, impacted terrain". Consultado o 13 de marzo de 2018. 
  7. Planespotters (ed.). "EP-ATS Iran Aseman Airlines ATR 72". Consultado o 13 de marzo de 2018. 
  8. Aviation Safety Network (ed.). "Accident list: Aérospatiale/Aeritalia ATR-72". Consultado o 13 de marzo de 2018. 
  9. eTurboNews (ed.). "Iran Aseman Flight 3704 crashed in Semirom, Isfahan Province Iran". Consultado o 14 de marzo de 2018. 
  10. Flightradar24 (ed.). "Crash of Iran Aseman Airlines Flight 3704". Consultado o 14 de marzo de 2018. 
  11. "Black box from Tehran-Yasuj crashed plane retrieved". Mehr News Agency (en inglés). 2018-03-03. Consultado o 2018-12-31.