Voltigeur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Voltigeur (esquerda) e Tirailleur (dereita).

Os voltigeurs (en galego: saltadores) foron unidades de infantaría lixeira do exército francés, creadas por Napoleón en 1804.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe dos voltigeur atópase nos corpos precedentes de cazadores e éclaireurs (exploradores) que cumprían a mesma función dentro do Exército Real prerrevolucionario.

Os voltigeurs foron ideados como unha especie de dragóns, en tanto que acudirían ao combate a lombos de cabalo, sentados detrás do xinete, para despois saltar a terra e abrir fogo cos seus mosquetes. Esta idea foi prontamente abandonada para colocar aos voltigeurs nun rol máis parecido ao da infantaría lixeira tradicional, sendo a súa función básica levar a cabo accións de escaramuza co fin de fustrigar ao inimigo antes de producirse o enfrontamento entre a infantaría de liña de ambos os exércitos.

Eran un dos moitos tipos de infantaría lixeira francesa, entre os que se atopaban os tirailleurs (tiradores), os chasseurs (cazadores) e os éclaireurs (exploradores). Considerábase que cada unha delas estaba especializada nalgunha tarefa en concreto, aínda que na práctica as súas funcións eran moi similares.

Desde o 20 de setembro de 1804 estabeleceuse que cada rexemento francés de infantaría debía constar de catro batallóns ao que se sumaría outro de reserva. Cada batallón estaría formado á súa vez por seis compañías, cada unha de 120 homes. Delas, catro serían de fusileiros, unha de granadeiros e unha de voltigeurs. Isto daba a cada rexemento un número de soldados próximo aos 4000 homes, dos cales uns 480 serían voltigeurs.

En batalla cada batallón enviaría á súa compañía de voltigeurs varios centos de pasos por diante, ao pas de course (en orde pechada). Entón dúas terceiras partes da compañía (uns 80 homes), quedándose o resto en reserva, avanzarían aínda máis, en deployez en tirailleur (en orde aberta), até estabelecer contacto co inimigo. A vangarda formaría dúas filas, mantendo varios pasos de distancia entre os soldados, e producíase un avance por filas no que mentres a primeira fila disparaba, a segunda recargaba para a continuación tomar a substitución e excedendo á primeira fila disparar. Deste xeito a fronte ía avanzando aos poucos, mantendo unha cortina de lume constante mediante a substitución por filas e enviando á reserva homes para cubrir as baixas causadas polo lume inimigo. Segundo o Réglement a liña debía manterse en perfecta orde. Con todo, era habitual buscar a cobertura de árbores e rochas mentres se producía o avance.

O maior perigo para os voltigeurs, e para a infantaría lixeira en xeral, consistía nas cargas de cabalaría. Nesta situación tocábase o ralliement e os homes debían retroceder á reserva e formar de novo. Se non había tempo, formábanse grupos ao redor dos xefes de pelotón ou se puñan a cuberto valéndose do terreo.

Equipamento[editar | editar a fonte]

Corneta e oficial dos Voltigeur 1812.

Os voltigeurs ían armados con mosquete de dragón modelo An IX ou ben un fusil de infantaría modelo An IX nos que se podía calar unha baioneta. Tamén portaban un sabre briquet, normalmente reservado a tropas de elite.

Granadeiro (esquerda) e voltigeur (dereita) 1808.

O seu uniforme, como o do resto do exército, variou ao longo das guerras napoleónicas.

Os corpos de infantaría lixeira previos portaban casacas de infantaría de cor verde escuro con botóns metálicos que mostraban o número do batallón. Posuían solapas verdes, con vivas cores específicas da unidade. Aínda que cara a 1793 introduciuse no exército francés un uniforme azul baseado no uniforme que portara a Garda Nacional, que por entón aínda portaba bicorne.

Este uniforme azul foi co que se equipou os voltigeurs, aínda que para entón os bicornes foran substituídos polo máis popular chacó. No entanto, en 1806 Napoleón decidiu cambiar o azul dos uniformes de infantaría por un totalmente branco, adoptando a cor que portara tradicionalmente o Exército Real. Foi unha decisión impopular e ao ano seguinte os voltigeurs, do mesmo xeito que o resto do exército francés, volveron vestir un uniforme azul. Aínda que por mor das necesidades económicas optouse por un uniforme menos elaborado.

Será con este uniforme azul co que acudirán ás campañas máis importantes das guerras napoleónicas, como a guerra de independencia española, a invasión de Rusia e finalmente á súa última batalla, Waterloo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Chris McNab (2011). Ejércitos de las guerras Napoleónicas. Alcobendas. LIBSA.
  • Blond, Georges (1997). La Grande Armée. Londres: Arms & Armour Press.

Outros artigos[editar | editar a fonte]