Vincentas Sladkevičius

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Vincentas Sladkevičius
LT-2005-50litų-Sladkevičius-b.png
Cardeal da Igrexa católica
Biografía
Nacemento20 de agosto de 1920 en Žasliai (Lituania)
Pasamento28 de maio de 2000
Ordes
Ordenación sacerdotal25 de marzo de 1944
Arcebispo de Kaunas
1989 - 1996
PredecesorJuozapas Skvireckas
SucesorSigitas Tamkevičius

Vincentas Sladkevičius, nado o 20 de agosto de 1920 en Žasliai e finado o 28 de maio de 2000 en Kaunas, foi un eclesiástico católico latino lituano, arcebispo de Kaunas entre 1989 e 1996, e cardeal dende 1988.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Vincentas Sladkevičius naceu en Žasliai (Kaišiadorys) o 20 de agosto de 1920,[1] sendo o menor dos cinco fillos que tiveron Mykolas Sladkevičius e a súa dona Uršule Kavaliauskaite (os outros foron Ona, Emilija, Jonas e Marija). Logo de estudar no seminario de Kaunas e na Facultade de Teoloxía da Universidade Vytautas Magnus, foi ordenado sacerdote o 25 de marzo de 1944.[1] A continuación, exerceu o seu ministerio pastoral en Kaišiadorys até 1959, ademais de exercer de profesor e director de estudos no seminario de Kaunas.

O 14 de novembro de 1957 Sladkevičius foi nomeado bispo auxiliar sedi datus de Kaišiadorys e bispo titular de Abora.[1] Recibiu a súa consagración episcopal no seguinte 25 de decembro de mans do bispo Teofilius Matulionis.[1] Porén, o goberno comunista do seu país impediulle exercer o seu ministerio, e pasou a residir en Nemunėlio Radviliskis baixo virtual arresto domiciliario entre 1963 e 1982.[1] En 1975 ingresou na Congregación dos Padres Marianos.[1] O 15 de xullo de 1982 foi nomeado administrador apostólico ad nutum Sanctae sedis de Kaišiadorys,[1] e converteuse en presidente da Conferencia Episcopal Lituana o 27 de abril de 1988.[1]

O papa Xoán Paulo II creouno cardeal no consistorio do 28 de xuño de 1988, co título de cardeal-presbítero de Spirito Santo alla Ferratella.[1] O mesmo papa nomeouno o 10 de marzo de 1989 arcebispo de Kaunas, permanecendo no cargo até a súa renuncia o 4 de maio de 1996.[1]

En 1998 foi condecorado coa Orde de Vytautas o Grande. Finou en Kaunas o 28 de maio de 2000, e está enterrado na catedral local.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Bräuer, Martin (2014). Handbuch der Kardinäle: 1846-2012. Walter de Gruyter. pp. 534–535. ISBN 9783110269475.