Venus paleolíticas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Venus prehistóricas»)
Venus de Willendorf.

As venus paleolíticas son figuras femininas de óso, corno, marfil, pedra, terracota, madeira ou lama, datadas no Paleolítico superior, dentro do cal constitúen a principal categoría de arte móbel ou mobiliar, superando o centenar de exemplares, no caso das figuras de vulto redondo, e os dous centenares se se inclúen representacións parietais. Estas esculturas teñen tamaños modestos, até diminutos, oscilando entre os 4 e os 25 centímetros.

O primeiro descubrimento foi a Venus de Brassempouy, en 1893, por Édouard Piette. Catro anos máis tarde, Salomon Reinach daba a coñecer as figuras de esteatita das covas de Grimaldi. En 1908 foi exhumada a famosísima Venus de Willendorf, nun campo de loess do val do Danubio, en Austria. Esta escultura, que se converteu nunha icona, anunciaba o descubrimento de numerosas esculturas femininas que se estendían dende os Pireneos franceses até as chairas siberianas do lago Baikal. Foron bautizadas co nome de Venus ó estenderse a noción de que constituían un ideal de beleza prehistórica, e, aínda que a idea foi rexeitada, a denominación de venus persiste.

Descrición[editar | editar a fonte]

Todas elas parecen responder a representacións convencionais da muller da época (algunhas chegan a ser claramente estilizacións ou esquemas), o que non impide apreciar a mestría dos artesáns prehistóricos. Hai un grupo de venus, denominado esteatopixias, con certas partes da anatomía esaxeradamente desenvolvidas: son obesas, co abdome, a vulva, as nádegas e as mamas extremadamente grandes. Pero tamén é común que o resto das partes do corpo aparezan esvaecidas: os brazos son moi pequenos, os pés apenas se lles ven e a cara adoita ser, polo xeral, inexistente. Pódense diferenciar un rombo interior, onde se centran as características que os homes querían resaltar e un rombo exterior que comprende as extremidades.

A cuestión da esteatopixia de certas Venus foi obxecto de numerosas controversias: o primeiro en abordar o tema foi Piette, descubridor da Dama de Brassempouy e doutras venus nos Pireneos. Doutra banda, algúns etnólogos comparárona cos bosquimáns da África austral, e outros quixeron ver símbolos da fertilidade e a abundancia. Posteriormente determinouse que non todas as figuras eran obesas, nin todas tiñan os atributos femininos esaxerados, nin todas carecían de trazos faciais: a idea desta clase de efixies comezaba a desdebuxarse. Por iso, varios especialistas tentaron distinguir diferentes variedades de venus. A publicación de referencia sobre o estudo deste tipo de obras de arte débese a Henri Delporte, en cuxo exhaustivo traballo chegou a determinar cinco variantes de figuras atendendo, sobre todo, á súa procedencia xeográfica[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Delporte, Henri. La imagen de la mujer en el arte Prehistórico. Ediciones Istmo, Madrid. ISBN 84-7090-123-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]