Venus de Brassempouy
Venus de Brassempouy | |
Vista de fronte e de perfil. | |
Tipo | Venus paleolítica |
Data | c. -25000 |
Características | |
Materiais | Marfil de mamut |
Descuberta | |
Localización | Brassempouy, Francia |
Data | 1894 |
Conservación | |
Localización | Musée des Antiquités Nationales |
A Venus de Brassempouy, tamén denominada Dama de Brassempouy e Dama da Caparucha, é un pequeno busto esculpido en marfil, que representa a cabeza dunha muller, datábel no Paleolítico Superior e que vén sendo clasificada entre as denominadas Venus paleolíticas, aínda que estritamente falando afástase do prototipo destas estatuas.
Historia do descubrimento
[editar | editar a fonte]A Dama de Brassempouy foi atopada polo prehistoriador Edouard Piette (1827-1906) no ano 1894, na cova do Papa, preto de Brassempouy (Landes), Francia, que fora descuberta en 1880.
No mesmo sitio, en momentos diferentes e por distintos escavadores, aínda que a maioría atopounas Piette, foron descubertas varias estatuíñas, algunhas delas englobábeis nos modelos habituais das Venus paleolíticas, como a denominada La Poire, O Esbozo ("L'Ebauche"), o Mango de Puñal ("Manche de Poignard"), a Figuriña do Cinto ("Figurine a la Ceinture"), o Torso "Le Torse"), a Rapaciña ("La Fillette") ou o Esbozo de Boneca ("L'Ebauche de Poupée"). Para as dúas últimas insinuouse que poderían ser xoguetes. Varias só se recuperaron como fragmentos.
Todas estas figuras foron depositadas no Musée des Antiquités Nationales en Saint-Germain-en Laye. A Venus de Brassempouy está ali catalogada, pero non se expón habitualmente, para preservala de deterioracións.
Descrición
[editar | editar a fonte]A estatuíña, realizada en marfil de mamut, ten unha altura de apenas 36,5 mm e 19 mm de ancho. Esculpiuse como unha cabeciña, que arrinca desde a base do pescozo. A disposición frontal da cara é lixeiramente ovalada; carece de boca, o nariz é recto; os ollos rasgados; a fronte baixa; presenta unha leve papada; o couquizo ou cocorota preséntase lixeiramente elevado. Vista de perfil o queixo mostra algo de prognatismo. Destaca o que se tomou como un toucado, de aí o nome de Dama da Caparucha, e aínda Caparuchiña, aínda que tamén se pensa que pode ser un peiteado especial; está formada por incisións profundas entrecruzadas ortogonalmente, dispostas na parte superior da cabeza, e que baixan por ambos lados e pola parte posterior; unha disposición semellante presenta unha das venus de Laussel.
Aínda que se ten aludido a esta figura como un exemplo de retrato paleolítico, tense tamén demostrado que os seus índices cefálicos non se corresponden cos habituais nos seres humanos, polo que en realidade é unha figura imaxinaria.
Datación
[editar | editar a fonte]Unha datación precisa, a partir da estratigrafía da estatuíña é imposíbel, ao non precisarse no seu momento de xeito adecuado o nivel correspondente. Véñenselle asignando datas entre 26.000 e 22.000 anos a. de C., no Perigordense superior[1].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Leroi-Gourhan, André, "El arte mueble del paleolítico Superior en sus relaciones europeas", in Símbolos, artes y creencias de la Prehistoria. Madrid. 1984, orixinal francés de 1976.