Varfolomei Remov
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de outubro de 1888 Moscova, Rusia |
Morte | 26 de xuño de 1935 (46 anos) Moscova, Rusia |
Causa da morte | morte non natural |
Bispo ortodoxo | |
10 de agosto de 1921 – | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica, Igrexa católica bizantina rusa e Igrexa ortodoxa rusa |
Educación | Moscow Theological Academy (en) |
Actividade | |
Ocupación | bispo católico (1932–), sacerdote católico (1912–), diácono (1911–) |
Consagración | Tikhon I de Moscou (pt) |
Varfolomei (en ruso: Варфоломей), nado como Nikolai Fedorovich Remov (en ruso: Николай Фёдорович Ремов), nado o 3 de outubroxul./ 15 de outubro de 1888greg. en Moscova e fusilado o 10 de xullo de 1935 en Moscova, foi un bispo ortodoxo ruso converso ao catolicismo, bispo de Sergiev e vigairo da eparquía de Moscova entre 1921 e 1928 e vigairo para os greco-católicos do administrador apostólico de Moscova Pie Eugène Neveu.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Fillo dun sacerdote ortodoxo, naceu como Nikola Fedorovich Remov o 3 de outubroxul./ 15 de outubro de 1888greg. en Moscova.[1][2] Graduouse pola Escola Teolóxica do Santo Lienzo en 1902, e polo Seminario Teolóxico de Moscova en 1908.[2] En 1912 graduouse en Teoloxía pola Academia Teolóxica de Moscova.[1][2]
Monxe e estudoso
[editar | editar a fonte]O 11 de xuño de 1911 foi tonsurado monxe,[1][2] facendo os votos perpetuos no cenobio de San Zósimo e a Icona da Nai de Deus de Smolensk en Arsaki, ante o reitor da Academia Feodor Pozdeevskii.[2] O 23 de xuño de 1911 ordenado hierodiácono,[2] e o 18 de febreiro de 1912 foi ordenado sacerdote.[1]
O 11 de novembro de 1913 defendeu a súa tese «Книга пророка Аввакума: Введение и толкование» (O Libro de Habacuc: introdución e interpretación).[1][2] A tese baseouse nunha análise detallada dos textos hebreos e grego do profeta Habacuc, tendo en conta tamén manuscritos eslavos. O autor centrouse na crítica textual e na interpretación histórica do libro.
En 1920 predicou un sermón contra a exhumación das reliquias de san Serxio de Radonezh, polo que foi arrestado o 6 de setembro.[2] Seis meses máis tarde, o 28 de febreiro de 1921, foi liberado por razóns de saúde.[1][3][2]
Bispo ortodoxo
[editar | editar a fonte]O 28 de xullo de 1921 o patriarca Tikhon consagrouno bispo de Sergiev, vigairo da eparquía de Moscova.[1][2] Logo do peche do mosteiro da Trindade de San Serxio, entre 1923 e 1929 foi abade do mosteiro alto de San Pedro, en Moscova.[1][2]
Organizador de comunidades monásticas segredas, en 1928 foi arrestado, acusado de "ocultar a un espía" (dito "espía" era o bispo católico Neveu).[3][2] Mentres estaba detido, asinou a obriga de cooperar coa OGPU, logo do cal foi liberado.[3][2] Porén, como axente non proporcionou á OGPU a información que eles buscaban, aproveitando o seu posto formal como axente para protexer e agochar o monasticismo segredo das autoridades.[3]
Entre 1929 e 1935 foi reitor da igrexa da Natividade da Nai de Deus;[1][2] os cregos que serviran xunto a el e moitos fregueses achegáronse a esta igrexa logo do peche do mosteiro.[4] Foi moi respectado polos crentes polo seu ascetismo, pola súa vida de oración, como confesor e como ancián.[1] Continuou a estar baixo a autoridade do locum tenens do patriarcado, o metropolita Sergei Stragorodskii, aínda que foi crítico coa súa postura política.[4] O 9 de xullo de 1934 foi elevado ao rango de arcebispo.[1][2]
Bispo católico en segredo
[editar | editar a fonte]En 1928 reunírase co administrador apostólico en Moscova, o bispo Pie Eugène Neveu, co que se comunicou constantemente.[2] O OGPU esperaba que Remov informara ás autoridades das actividades de Neveu, mais Varfolomei aproveitou esta aproximación aos católicos como unha oportunidade de aliviar a situación dos ortodoxos rusos, e transmitiu a Neveu información sobre as persecucións contra a Igrexa, coa intención de que chegase á comunidade internacional.[3] O 1 de outubro de 1927 Remov ordenara sacerdote a Aleksandr Pavlovich Vasilev, quen se converteu ao catolicismo no Nadal de 1928;[4] Remov gradualmente comezou a amosar simpatía polo catolicismo, e comezou a pregar polo papa na liturxia.[4] En novembro de 1932 se converteu en segredo, creando unha pequena comunidade greco-católica entre os fregueses da súa igrexa.[3][2]
O 3 de xullo de 1933 recibiu documentos oficiais da comisión papal Pro Russia, asinados por Michel d'Herbigny, referidos ao estabelecemento da sé titular de Sergiev baixo xurisdición papal, e nomeando para dita sé a Remov, xa investido coa dignidade episcopal, facéndoo auxiliar do bispo Neveu:[2]
Como anteriormente Súa Santidade noso Señor pola Divina Providencia o Papa Pío XI erixira o 25 de febreiro deste ano a igrexa de Serguievo e conferira este título a S.E.R. P.D. Bartolomeu (Nicolas Theodorovitch Remov) e que o administrador apostólico de Moscova pedira que se lle dera un auxiliar, Súa Santidade, polo presente decreto nomea ao bispo Bartolomeu auxiliar de S.E.R. Mons. Eugène Neveu, administrador apostólico de Moscova, ad nutum S. Sedis, e só para os fieis de rito oriental.[5]
Derradeiro arresto e fusilamento
[editar | editar a fonte]O 21 de febreiro de 1935 Remov foi novamente arrestado,[1][6] acusado de non informar ao NKVD. No canto de proporcionar información aos servizos segredos, proporcionara a Neveu información sobre as persecucións á Igrexa.[3] Foi enviado á prisión de Butyrka, e o 17 de xuño foi condenado a morte e posteriormente executado o 26 de xuño.[1][3][2][6] Da súa morte dixo o bispo Neveu:
Non hai dúbida de que o odium fidei foi a causa do arresto do bispo Remov e de que até o final permaneceu fiel á Igrexa católica e ao Santo Pai, a quen amaba e cuxas ordes estaba disposto a cumprir a calquera custo.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 Голубцов, Сергей (1999). Профессура МДА в сетях Гулага и ЧеКа. Изд-во Православного братства Споручницы грешных. p. 11.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 Воробьёв, Владимир (2002). "ВАРФОЛОМЕЙ (Ремов Николай Федорович)". Православная энциклопедия 6. Moscova: Церковно-научный центр «Православная энциклопедия». pp. 716–717. ISBN 9785895720103.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Kuromiya, Hiroaki (2007). The Voices of the Dead: Stalin's Great Terror in the 1930s. Yale University Press. pp. 58-60. ISBN 9780300123890.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Wenger, Antoine (1987). Rome et Moscou: 1900-1950. Desclée de Brouwer. p. 319. ISBN 9782220026237.
- ↑ Wenger, Antoine (1987). Rome et Moscou: 1900-1950 (en francés). Desclée de Brouwer. p. 328. ISBN 9782220026237.
Comme précédemment Sa Sainteté notre Seigneur par la Divine Providence Pape Pie XI a érigé le 25 février de cette année l'église de Serguievo en titre épiscopal et a conféré ce titre à S.E.R. P.D. Barthélemy (Nicolas Theodorovitch Remov) et que l'administrateur apostolique de Moscou a demandé que lui soit donné un auxiliaire, Sa Sainteté, par le présent décret nomme l'évêque Barthélemy auxiliaire de S.E.R. Mgr Eugène Neveu, administrateur apostolique de Moscou, ad nutum S Sedis, et seulement pour les fidèles de rite oriental.
- ↑ 6,0 6,1 Dunn, Dennis J. (2016). The Catholic Church and Soviet Russia, 1917-39. Taylor & Francis. p. 114. ISBN 9781315408859.
- ↑ Dunn, Dennis J. (2016). The Catholic Church and Soviet Russia, 1917-39. Taylor & Francis. p. 114. ISBN 9781315408859.
There is no doubt that odium fidei was the cause of Bishop Remov's arrest and that to the end he remained faithful to the Catholic Church and to the Holy Father, whom he loved and whose commands he was ready to fulfill at any cost.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Osipova, Irina (1998). Si el mundo os odia...: Mártires por la fe en el régimen soviético. Encuentro. ISBN 9788474905007.
- Vasil'eva, Ol'ga; Parravicini, Giovanna (2002). Tre vie: Arsenij Žadanovskij, Ilarion Troickij, Varfolomej Remov (en italiano). La Casa di Matriona. ISBN 9788887240238.
- Wenger, Antoine (1987). Rome et Moscou: 1900-1950. Desclée de Brouwer. ISBN 9782220026237.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- РЕМОВ Николай Федорович Arquivado 03 de novembro de 2018 en Wayback Machine., perfil en Catholic.ru (en ruso).
- Nados en 1888
- Nados en Moscova
- Finados en 1935
- Asasinados polo réxime soviético
- Monxes católicos
- Relixiosos católicos de Rusia
- Monxes ortodoxos
- Bispos da Igrexa ortodoxa rusa
- Bispos da Igrexa católica bizantina rusa
- Bispos ortodoxos de Rusia
- Bispos católicos de Rusia
- Bispos ortodoxos do século XX
- Bispos católicos do século XX