Usuario:Wikiportas/Manuel Buceta del Villar/copiaseguridad

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Wikiportas/Manuel Buceta del Villar/copiaseguridad

Manuel Buceta del Villar, nado o 8 de abril de 1808 en Portas, Pontevedra e finado o 3 de febreiro de 1882 en Málaga, foi un Brigadier español que ocupou os cargos de Gobernador Militar de Málaga e Melilla, tamén estivo na Guerra de Santo Domingo e a Primeira Guerra Carlista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nova sobre Manuel Buceta del Villar en Galicia. Revista semanal ilustrada, número 10. A Habana, 28 de setembro de 1902.

Fillo natural de María Buceta del Villar, ingresou como cabo primeiro nas Milicias populares e participou na Primeira Guerra Carlista como sarxento primeiro, destacándose desde un principio polo seu talante liberal. Na revolución de 1846 foi comandante da Garda Civil e en compañía do xeneral Solís marchou cara á Coruña formando parte da primeira división, integrada polos rexementos provinciais de Xixón e Segovia, un batallón de Infantaría de Zamora, unha compañía de "Guías da Liberdade", 120 carabineiros, 20 cabalos e dúas pezas de artillaría. Pero o levantamento fracasou e Miguel Solís Cuetos foi fusilado con outros en Carral o 26 de abril, e Buceta fuxiu disfrazado de muller a Portugal.[1]

Ao ano seguinte, apareceu en Madrid participando nos movementos liberais populares que preparaban a revolución de 1848, que dirixiu, pero é detido e ten que escoller o camiño do exilio ata que en 1850 é amnistiado e retorna de novo ao servizo activo. Tivo parte moi activa no pronunciamento militar de xullo de 1854 que determinou o triunfo do Partido Progresista e o regreso de Espartero a España. Buceta é nomeado coronel e é destinado ao cargo de Gobernador Militar da praza de Melilla.[2] Logrou éxitos importantes combatendo aos rifeños, que o coñecían polo sobrenome de "Farruco".

Ascende a brigadier e até 1857 permanece como Gobernador Militar de Melilla, loitando á beira do xeneral O'Donnell. Posteriormente pasa a Cuba e logo, como Gobernador de Samaná na illa Española de Santo Domingo, onde realizou un moi importante labor entre a poboación indíxena. Alí fundou a poboación "Flechas de Colón", contribuíndo a pacificar a provincia de Santiago dos Cabaleiros que estaba insurreccionada durante a Guerra de Santo Domingo, desempeñando máis tarde o posto de Cabo segundo da Provincia de Santo Domingo.[3]

En 1866, regresa a Madrid e, ao producirse a Revolución de 1868, Buceta está encarcerado en Peñíscola. Unha vez en liberdade é de novo destinado a Cuba, participando en varios feitos de armas para daquela ser nomeado Gobernador militar de Málaga. Cando se achaba destinado en Xirona en 1873, foi arrestado polo Capitán xeral de Cataluña e posto en liberdade a comezos do ano seguinte. En 1879, estando de comandante xeral do Campo de Xibraltar e destinado á reserva, tres veces foi proposto para tenente xeral, pero dada a perseveranza e ardor con que sempre mantiña os seus ideais liberais, o seu nome foi rexeitado.

Manuel Buceta del Villar faleceu en Málaga, lonxe da súa Galicia natal, o 3 de febreiro de 1882.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Camargo, Manuel (marzo 2016). "La revolución gallega de 1846". fundaciondomingofontan.es (en castelán). Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  2. Esquembri, Carlos (18 de maio de 2013). "El pasado revolucionario del brigadier Buceta". surdealboran.blogspot.com (en castelán). Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  3. Tineo, Héctor (14 de agosto de 2014). "El último recorrido del brigadier Buceta por impedir la Restauración de la República". diariodominicano.com (en castelán). Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  4. "Manuel Buceta del Villar". historiadeportas.wordpress.com (en castelán). Consultado o 21 de novembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gran Enciclopedia Galega.