Un estudo en escarlata[1] (en inglés:A Study in Scarlet) é unha novela de 1887 escrita polo autor escocés Arthur Conan Doyle. Esta historias supón a primeira aparición de Sherlock Holmes e do Dr. Watson, que se converterían na parella de detectives máis famosa da ficción. O título do libro deriva dun discurso que Holmes, un detective consultor, lle fai ó seu amigo e cronista Watson sobre a natureza do seu traballo, no cal describe a investigación da historia dun asasinato como o seu "estudo en escarlata": "Existe o fío escarlata do asasinato que atravesa a madeixa incolora da vida, e o noso deber é desentrañar, illar e expoñer cada centímetro del.."[2]
A historia e os seus personaxes atraeron pouco interese por parte do público na súa primeira aparición. Só se conservan 11 copias completas da revista na que apareceu a historia por vez primeira, Beeton's Christmas Annual, publicada en 1887, as cales teñen un valor considerable.[3] Malia que Conan Doyle escribiu 56 historias curtas sobre Holmes, Un estudo en escarlata é unha das catro novelas no canon orixinal. A novela foi seguida por O signo dos catro, publicada en 1890. Un estudo en escarlata foi a primeira obra de ficción con detectives que incorporou a lupa como ferramenta de investigación.[4]
Foi traducida ó galego por Elena Baillie e Xavier Alcalá e publicada pola Edicións Xerais no ano 1986 baixo o título Estudio en escarlata. Foi traducida por Bieito Iglesias e Manuel Vázquez e publicada pola Editorial Galaxia no ano 1995 baixo o título Un estudio en escarlata.[5] No ano 2005, foi publicado de novo cunha tradución de Iglesias e Vázquez dentro da colección Biblioteca Galega de Clásicos Universais, baixo o título Un estudo en escarlata.[1]
↑Sweeney, Susan Elizabeth (2003). "The Magnifying Glass: Spectacular Distance in Poe's "Man of the Crowd" and Beyond". Poe Studies/Dark Romanticism36 (1–2): 3.