Turnix olivii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Turnix olivii é unha especie de ave turniciforme da familia Turnicidae endémica do extremo nororiental de Australia. É o máis grande dos Turnix e posiblemente o máis escaso.

Descrición[editar | editar a fonte]

Mide entre 18 e 23 cm de longo e adoita pesar ao redor de 110 g. Ten as ás e a cola curtas. As súas costas e ás son de cor castaña con certas pintas brancas e negras. A súa cabeza é gris, agás os laterais do seu rostro que tamén son castaños. O seu peito é de cor canela. Aseméllase moito tanto ao Turnix varius como ao Coturnix ypsilophora. É máis grande e de patas máis longas que estes, e de anatomía bastante diferente á perdiz que ademais é máis escura. Turnix varius está case totalmente cuberto de pintas, brancas sobre o peito gris, non canela. A especie máis similar é o Turnix castanotus cuxas áreas de distribución non coinciden.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Atópase basicamente pola Península de Cabo York, no norte de Queensland, o extremo nororiental de Australia, desde Coen a Mareeba, ao oeste de Cairns.

Esta especie prefire as terras baixas e os bosques e pradarías costeiras, aínda que tamén pode atoparse en altitudes de 400 msnm. A especie depende dos bosques cubertos de herba compostos por especies dos xéneros Melaleuca, Acacia, Alphitonia e Tristania. Tamén pode observarse en zonas de matogueira densa e en zonas rochosas case sen cuberta de matogueira.

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

É unha especie en perigo de extinción, cunha poboación estimada duns 500 individuos, e unha área de distribución histórica de só uns 2070 km². Ademais desapareceron de gran parte da súa área de distribución orixinal, posiblemente debido á sobreexplotación do pasto que realiza o gando, pola ocupación humana e polos incendios.

Áreas importantes[editar | editar a fonte]

Os lugares identificados por BirdLife International como importantes para a conservación desta especie son os montes de Iron Range e McIlwraith, así como o río Morehead.[2]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Moi poucas persoas observaron esta especie debido á súa reducida área de distribución e o seu carácter esquivo. Adoita andar por lugares onde está ben camuflada, e non se bota a voar salvo que sexa absolutamente necesario. Xeralmente é sedentaria, aínda que rexistráronse algúns desprazamentos, probablemente debidos aos cambios estacionais do hábitat.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Descoñécense os detalles sobre a súa dieta, pero como o resto dos Turnix probablemente coma insectos e sementes.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Sábese que estas aves crían en solitario. A súa época de cría vai de xaneiro a marzo. O seu niño consiste nunha pequena depresión no terreo cuberta cunha cúpula de herba cunha entrada lateral, cuxo interior está forrado de follas e herbas. Xeralmente o seu niño está escondido entre a vexetación. Pon de dous a catro ovos (xeralmente tres). Os seus ovos son brancos con pencas marróns, grises azuladas ou negras. O macho asume a tarefa de incubación e coidado dos pitos, como no resto dos conxéneres. Os seus pitos son precoces e nidífugos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "Turnix olivii". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 24 de xullo de 2014. 
  2. "Buff-breasted Buttonquail". Important Bird Areas. BirdLife International. 2012. Consultado o 1 de novembro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]