Traxedia de caza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bisonte embestindo un home, Roc-de-Sers, relevo

Co nome de traxedia de caza desígnase unha escena figurada que, con pequenos cambios, aparece identificada en catro lugares diferentes do Paleolítico Superior, tres en paredes e unha sobre un obxecto mobiliar, todos localizados na Francia actual. En esencia a escena representa a un home embestido por un bóvido, aínda que o momento exacto da figuración pode ser diferente, dado que nalgún dos casos o home aínda está vivo e noutros plásmase xa claramente morto ou, polo menos, “inconsciente”. Tamén o bovídeo aparece con detalles diferentes.

A relación entre todas esas escenas foi realizada por André Leroi-Gourhan.

Localización e datación[editar | editar a fonte]

As catro representacións corresponden á tamén denominada “Escena do Pozo” na cova de Lascaux (Dordogne) datada inicialmente entre 13000 e 10000 a.C., entre o Magdaleniano Antigo e o Magdaleniano Medio; unha segunda, pero máis antiga, é un relevo procedente do abrigo de Roc-de-Sers (Charente) e dátase no Solutreano Superior, aproximadamente no ano 15 000 a.C.; a terceira de Villars (tamén en Dordogne), ten unha datación intermedia entre as dúas anteriores; a cuarta, gravada sobre hasta de reno, procede da gruta de Laugerie-Basse (Dordogne), e pertence ao Magdaleniano Medio.[1]

A orde aquí dada, non cronolóxica, deriva da importancia historiográfica.

A Escena do Pozo[editar | editar a fonte]

A Escena do Pozo, Lascaux

A denominada “Escena do Pozo” foi a que desde moi cedo requeríu a atención dos prehistoriadores e críticos de arte en xeral. Reprodúcese en numerosos libros, especializados ou non. Está situada no fondo da gruta de Lascaux, nun pozo de 6,90 m de profundidade con relación ao nivel normal da caverna. Foi bautizada como a “Traxedia de caza”.[2]

A traxedia representa un bisonte co ventre desgarrado do que lle saen as tripas, que ao tempo está embestindo, apuntando a súa cornamenta contra un home tendido e representado esquematicamente e con cabeza aviforme, que está xa morto (a teor de interpretacións que coidan que está figurado con rixidez) e mostrado itifálico; o bisonte está atravesado por unha lanza ou azagaia[3]. A esquerda da figura humana e máis baixa, hai unha especie de vara, na punta da cal figura unha especie de ave enhastada; entre esta vara e o home hai outra lanza, partida en tres anacos e como tirada no chan; e na mesma parte esquerda e máis separado vese un rinoceronte que, aparentemente, está a fuxir da escena[4].

Este lance deu lugar a moi diversas interpretacións. O abade Breuil coidaba que a pintura conmemoraba a morte durante unha batida dun cazador ilustre, e cría que o sepulcro estaba embaixo do fresco. O achado por el mesmo no pozo dunha especie de caixa na que había gardadas lámpadas de pedra con trazas de ter sido usadas, pedazos de hastas de cervo e coitelos de sílex, aínda que non se atoparon restos do suposto defunto, reafirmouno na teoría[5].

En 1952, H. Kirchner deu unha interpretación diferente, relacionada con ritos xamánicos. O home sería un xamán con máscara de paxaro e en éstado de éxtase ante un bisonte sacrificado: a ave sobre da pértega sería o espírito tutelar do xamán que parte cara o ceo. Kirchner utilizou elementos do xamanismo circumpolar que extrapolou para explicar o asunto da escena de Lascaux[6]. A pértega coa ave figurada ten sido tamén interpretada como un poste totémico[7].

O rinoceronte da esquerda está fóra do contexto orixinal da obra, pois a súa datación e o exame da súa elaboración pictórica demostran que se pintou con moita posterioridade á escena da turrada. A pértega con ave interprétase na actualidade como a moi probable representación dun propulsor, que sería outra ferramenta do cazador, perdida no lance co bisonte. A datación actual para a escena é o Solutreano, cunha data por C14 de -18.600 ± 190 anos, o que a faría máis próxima á representación de Roc-de-Sers[8].

Hai unha proposta de Michel Jouvet, que interpreta a escena como a representación pictórica dun soño, o que explicaría que o cazador aparecese figurado con itifalia e que estivesen asociados animais raros (sic): unha ave, un bisonte, un rinoceronte (que inclúe) e un cabalo (sito na parede do fronte); aduce ademais que a única cor empregada sexa o negro[9]. Esta interpretación obvia a relación co resto das representacións similares, facendo da escena do pozo de Lascaux algo totalmente único.

As outras tauromaquias[editar | editar a fonte]

O abrigo de Roc-de-Sers, en Charente, descuberto en 1927, consta dun gran friso semicircular calcáreo ao aire libre, entre dúas cavernas. A representación da escena aludida (ver a imaxe adxunta), un relevo escultórico, corresponde a un bóvido perseguindo a un home, que inicia a fuxida virándose tres cuartos e flexionando as pernas, arma ao ombro. O sistema de representación contén certos principios de perspectiva.

En Villars, as figuras están representadas de perfil. O home está colocado xusto en diante do cornúpeta, cos brazos levantados e, como Leroi-Gourhan indica moi graficamente, nunha postura similar á dun toureiro citando ao touro no terzo de banderillas[10].

A escena de Laugerie-Basse, como xa se dixo, non está fixada en parede, senón gravada sobre un pedazo de hasta de cervo. O bisonte parece alonxarse cun dardo cravado nun costado, deixando atrás o home tendido.

A explicación de Leroi-Gourhan[editar | editar a fonte]

Segundo Leroi-Gourhan os momentos representados son diferentes. En Lascaux é o momento mesmo da acción; en Roc-de-Sers o tempo anterior á acción; en Villars o “futuro inmediato” e en Laugerie-Basse o pasado[11].

Leroi-Gourhan non intenta interpretar o asunto, mais, baseándose na persistencia del durante un tempo tan prolongado e a escolla de momentos diferentes por parte dos artistas, nega que esteamos perante un simple tema venatorio, senón diante de algo máis complexo, sexa lenda, conto ou mito. Nega tamén que se poida probar que hai xamanismo ou totemismo[12].

Desde un punto de vista artístico, a integración do tempo nesas figuracións, leva a Leroi-Gourhan a concluír que estamos ante pictogramas: serie de figuras animadas que dan consistencia a un relato, como el mesmo define o termo. Nese sentido a Traxedia de caza é algo practicamente único na arte paleolítica[13].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cfr., Leroi-Gourhan (1978), L’expression du temps et l’animation des figures au Paléolithique, traduc.española recollida en Leroi-Gourhan, Símbolos, artes y creencias de la Prehistoria. Madrid. Istmo. 1984, páx. 538
  2. Cfr. Johannes Maringer (1958), Vorgeschichlichtliche Religion, traduc.española: Los dioses de la Prehistoria. Barcelona. Destino. 1972, 2ª edic., páx. 108
  3. A rixidez é interpretación de H. Kirchner, 1952, citado por Sigfried Giedion (1958), The Eternal Present-The Beginnings of Art, traduc. española: El presente eterno: los comienzos del arte. Madrid. Alianza Ed. 1981, páx. 568, para Giedion a figura humana vista desde o nivel normal de Lascaux está erguida e non xacente, ibídem, páx. 569.
  4. Henri Breuil cría que o rinoceronte formaba parte do conxunto, cfr. Maringer, op.cit., páx. 108.
  5. Citado por Maringer, op.cit., páxs. 107-108.
  6. H. Kirchner (1952), Ein archaelogischer Beitrag zur Urgeschichte des Schamanismus, in rev. Anthropos, 47, 244:286, citado por Maringer, op.cit., páxs. 110-111 e con reprodución de cita en Giedion, op.cit. páxs. 567-568.
  7. Cfr., p.ex., L. Pericot e J. Maluquer de Motes, La humanidad prehistórica. Madrid. Salvat-Alianza. 1969, páx. 74.
  8. Cfr. para todos os datos contidos neste parágrafo Scène du puits. As obxeccións postas contra que haxa representado un propulsor, pois estes serían unha invención magdaleniana, están refutadas desde o momento que hoxe se coñecen propulsores solutreanos procedentes das grutas de Combe-Saunière, no Périgueux, e de Placard, en Charente, p.ex.
  9. Explicación resumida na dirección indicada na nota inmediatamente anterior.
  10. A. Leroi Gourhan, op. cit., páx. 538.
  11. Leroi-Gourhan, ibídem, páx. 538.
  12. Cfr. Leroi-Gourhan (1964), Les religions de la Préhistoire, trad.española: Las religiones de la Prehistoria. Barcelona. Ed. Lerna. 1987, páxs. 133-134; ultimamente o prehistoriador Norbert Aujoulat, nun artigo publicado na revista francesa “Archéologia”, nº de marzo 2005, destrúe a presunción dunha diferenza cronolóxica “excesiva” entre as máis antigas e as máis recentes destas representacións, que sitúa no Solutreano aínda que sexa en períodos diferentes, e alude a que estiveron situadas en lugares de paisaxe similar, sobre outeiros de pendentes suaves, cfr. a páxina xa citada antes: Scène du puits; con todo, isto non invalida a tese de fondo exposta por Leroi-Gourhan.
  13. A conceptualización do termo pictograma está exposta ao longo de todo o artigo citado; estaban xa expresada noutros artigos do autor, como en Iconographie et interpretación (1975), traduc. española en Símbolos, artes y creencias de la Prehistoria, op.cit., páxs. 603-612, en especial 607-608.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]