Torres Hejduk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exterior das torres.

As Torres Hejduk son unha obra arquitectónica do estadounidense John Hejduk que forman parte do complexo arquitectónico de Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixinalmente as torres foron deseñadas no ano 1992 para outra localización dentro da mesma cidade, o parque de Belvís. Neses primeiros anos noventa Santiago de Compostela estaba comezando a incluír a arquitectura contemporánea na súa paisaxe urbana chea de románico, barroco e neoclasicismo. Nun breve período de tempo levantan obra na capital galega, Álvaro Siza, Giorgio Grassi, César Portela ou Albert Viaplana e Helio Piñón.

As dúas torres pensadas orixinalmente para usos botánicos incluían un invernadoiro na torre acristalada e unha sala para diferentes usos na torre de pedra. Pero pouco antes de que comence a construción vaise cancelar o proxecto.

Peter Eisenman e John Hejduk formaban parte do grupo de arquitectos de Nova York coñecidos como The New York Five Architects e no ano 2000 vai coincidir o pasamento de John Hejduk coa elección do proxecto de Eisenman para Cidade da Cultura. Coma homenaxe ó seu compañeiro recentemente falecido, Eisenman vai rescatar o deseño de Hejduk para a cidade de Santiago e vai levantalo na aba oeste do monte Gaiás[1].

En Cidade da Cultura as torres perden a función orixinal e convértense nun espazo expositivo. Xeralmente son intervidas por artistas novos e as súas instalacións duran varios meses. Moitos dos proxectos que se realizan son de artistas que participaron no Encontro de Artistas Novos que comisaría Rafael Doctor e que organiza a propia Cidade da Cultura[2].

No ano 2013 a compañía Iberdrola financiou a instalación dun sistema de iluminación led na torre de cristal que lle permite iluminarse de diferentes cores durante a noite. A posición na aba da montaña fai que sexa visible dende boa parte da cidade[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Torres Hejduk e contorna | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-05-12. 
  2. "IX Encontro de Artistas Novos: #EAN9 | Cidade da Cultura". www.cidadedacultura.gal. Consultado o 2020-05-12. 
  3. "Iberdrola inaugura la iluminación de las Torres Hejduk, en la Cidade da Cultura de Santiago de Compostela". Iberdrola (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2020. Consultado o 2020-05-12.