Saltar ao contido

Torre de Madrid

Torre de Madrid
A torre vista desde a praza de España.
Coordenadas40°25′28″N 3°42′44″O / 40.424444444444, -3.7122222222222
editar datos en Wikidata ]

A Torre de Madrid é un rañaceos da cidade de Madrid (España). Mide 142 metros de altura e foi construída entre os anos 1954 e 1960.

Foi proxectada polos irmáns Julián e José María Otamendi Machimbarrena como encargo da Compañía Inmobiliaria Metropolitana, para quen xa construíran o Edificio España. Precisamente xunto a este último, e no soar delimitado polo lado noroeste da praza de España e o inicio da rúa Princesa, edificaríase a nova construción.

O proxecto dos Otamendi contemplaba ademais que o edificio albergase 500 tendas, espazosas galerías, un hotel, e ata un cine. Ademais, a torre foi equipada con doce ascensores do modelo máis rápido da época e que permitía percorrer tres metros e medio por segundo. As obras da primeira fase acabaron o 15 de outubro de 1957. Ao ano seguinte comezou a segunda e os traballos finalizaron definitivamente en 1960.

A Torre de Madrid foi durante uns anos o edificio de formigón máis alto do mundo, e ata o termo da torre de telecomunicacións Torrespaña (1982), a construción máis alta de España. Así mesmo, o edificio máis alto de Europa ata 1967, unha década logo da conclusión da súa primeira fase, momento en que foi superada pola Zuidtoren de Bruxelas (Bélxica), cos seus 150 metros de altura.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Debido á súa céntrica localización (xunto ao final da Gran Vía), a Torre de Madrid foi un edificio emblemático da cidade. Xunto co Edificio España, de 117 metros, tamén situado na Praza de España, forman un interesante conxunto arquitectónico. Ambos gozan de protección por parte do Concello da capital.

Alberga tanto vivendas como oficinas. En canto ao segundo, é unha función característica dos edificios da zona en que se acha, como os da Gran Vía. Con todo, a súa altura é notablemente maior que a destes últimos, a maior parte deles construídos a principios do século XX, e que non exceden os cen metros, ao contrario do que sucede, por exemplo, cos situados no distrito financeiro de AZCA, no distrito de Tetuán.

O día 28 de abril de 2005 a Torre de Madrid foi posta á venda pola inmobiliaria Metrovacesa xunto co Edificio España para sufragar parte da adquisición da compañía francesa Gecina. O prezo foi duns 400.000.000 € (510.000.000 $). A venda non se levou a cabo.[1]

Tras unha importante rehabilitación interior e exterior, en 2012, a parte central e superior da Torre de Madrid (pisos 15 a 34), está integramente destinada a vivendas particulares, en réxime de comunidade de propietarios.

  1. El País, ed. (26 de maio de 2012). "Una plaza hueca". 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Edificio España
Edificio máis alto de Madrid
1960-1988
Sucesor:
Torre Picasso

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]