Alfabeto tifinagh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tifinagh»)

O tifinagh, ou líbico-bérber, é un alfabeto empregado polos bérberes, esencialmente os tuaregs. Outrora foi un abjad, un alfabeto consonántico.

Este alfabeto sufriu modificacións e variacións inevitábeis desde a súa orixe ata os nosos días. Do líbico ata os neo-tifinaghs pasando polo tifinagh sahariano e os tifinagh tuaregs, imos trazar a continuación os aspectos máis importantes de acada unha destas etapas.

Líbico[editar | editar a fonte]

Cartel no porto de Essaouira, en francés, árabe e tachelhit.
  • Hai dúas formas do líbico, o oriental e o occidental;
  • A forma occidental foi empregada ao longo da costa mediterránea da Cabilia ata Marrocos e as Illas Canarias. A forma oriental foi empregada na rexión de Constantina, nos Aurès e en Tunisia;
  • Só a forma oriental foi descifrada, grazas especialmente á existencia de importantes inscricións bilingües púnico-líbicos. Este desciframento permitiu determinar o valor de 22 dos 24 signos;
  • Segundo Février (1964-65), a forma occidental sería máis primitiva, pois a forma oriental recibiu influencias da escritura púnica;
  • O alfabeto líbico é estritamente consonántico;
  • A xeminación non se notaba;
  • A forma occidental comporta 13 letras suplementarias;
  • As inscricións son a miúdo dedicatorias ou epitafios. A meirande parte son breves;
  • O sentido da escritura non é fixo (pero o máis habitual é verticalmente de abaixo arriba). Cada liña constitúe unha palabra fonética ou un sentido completo;
  • Unha minoría de letras permitía determinar o inicio da liña. Estas letras son chamadas letras directrices ou signos directores;
  • Avanzouse como hipótese que certas letras serían secundarias en relación a outras.

Tifinagh sahariano[editar | editar a fonte]

O tifinagh sahariano é un alfabeto tuareg antigo. Contén signos suplementarios, como o trazo vertical para notar a vogal final /a/.

A idade das inscricións máis recentes é quizais de 200 anos. As modalidades do paso do líbico ao tifinagh sahariano son descoñecidas. Non se sabe se estes dous alfabetos eran contemporáneos das formas líbicas, nin sequera se é comparábel á forma occidental ou oriental do líbico. O período de utilización deste alfabeto non está aínda establecida: se precede a chegada dos árabes, se a segue inmediatamente ou se acaeceu moito despois.

O valor dos signos énos transmitido por Charles de Foucauld.

Tifinagh tuareg[editar | editar a fonte]

Existe no seo do tifinagh tuareg algunhas diverxencias nos valores dos signos que corresponden ás variacións dialectais tuaregs. Se dunha rexión a outra, a forma e o número dos signos poden cambiar, os textos fican en xeral mutuamente intelixíbeis pois a maioría das diferenzas gráficas seguen a lóxica das variacións fonéticas dialectais.

Particularidades[editar | editar a fonte]

A innovación máis rechamante é a ligadura na derradeira consoante /t/ ou na primeira consoante /n/. Como no sahariano, o tifinagh tuareg dispón dun signo /./ para notar as vogais finais chamadas tighratin (masc. tighrit). Nas rexións do Hoggar, do Ghat e do Adrar, este signo só se emprega para a vogal /a/. As vogais /i/ e /u/ son notadas polos signos que se corresponden cos /y/ e /w/. Os outros dialectos emprégano para todas as vogais finais e, segundo P. de Foucauld, para todas as vogais iniciais sen distincións.

As letras son chamadas de diferentes maneiras segundo as rexións. No Ghat, a pronunciación segue o modelo «ya-valor consonántico». Por exemplo, /b/ lese «yab», /d/ «yad» etc.

No Ayer e entre os Iwelmaden, será máis ben «ebb-valor consonántico»: /b/ «ebba»; /d/: «edda» etc. Unha lixeira variación no sur colorea «ebba» en «abba».

Entre as tribos marabut da rexión de Tombuctú, percíbese o emprego dos diacríticos árabes para notar as vogais breves.

Uso[editar | editar a fonte]

Á parte dalgunhas raras utilizacións para a notación de textos longos, os tifinagh tuaregs foron a miúdo utilizados para inscricións sobre obxectos (alfaias, armas, tapices etc.), para declaracións amorosas e para epitafios. Toda transcrición comeza pola fórmula «awa näk [Untel] innân», é dicir «Son eu [Untel] quen o dixo».

Parece que un de cada tres homes unha de cada muller son quen de escribiren sen dúbidas. Desde hai pouco, os tifinagh son utilizados como apoio pedagóxico para a compaña contra o analfabetismo.

Non hai orde para enunciar as letras do alfabeto. Pero unha fórmula mnemotécnica, citada por Foucauld (1920), contén todas as letras ou case: awa näk, Fadîmata ult ughnis, aghebbir nnit ur itweddis, taggalt nnit märaw iyesân d sedîs, «Son eu, Fadimata, filla de Ughnis: a súa cadeira non se toca, o seu dote é de dezaseis cabalos».

Neo-tifinaghs[editar | editar a fonte]

Tifinagh IRCAM

A finais dos anos 1960, desexosos de volver a poñer en uso o tifinagh, xoves bérberes intelectuais e artistas e xornalistas crearon en 1965 unha asociación cultural, a Academia bérber (AB), rebautizada Agraw Imazighen en 1967, ata a súa disolución en 1978. Esta asociación propuña un alfabeto estándar sobre a base dos tifinagh difundidos en Marrocos e en Alxeria (na Cabila e os Tuaregs), co obxectivo de facer revivir un alfabeto con varios milenios de historia e de poder transcribir o conxunto dos dialectos bérberes.

Salem Chaker, profesor do INALCO, propuxo unha revisión deste alfabeto (v. Tafsut. 1990 n° 14.). Propuxéronse outros sistemas a través da asociación Afus Deg Wfus (Roubaix), a revista Tifinagh (editada en Marrocos), o programa de Arabia Ware Benelux Arabia Ware BeneluxArquivado 05 de xullo de 2020 en Wayback Machine. e o IRCAM, e son relativamente similares.

Segundo S. Chaker (1994 - 33), «faltoulle aos neo-tifinagh todo o traballo de reflexión fonolóxica». En efecto, o bérber evolucionou moito, e hoxe divídese en varios dialectos (ver artigo). Hai variación no mesmo seo dos tifinagh tuaregs, e comportan un predominio dos punteados. Ao sufrir a falta de dúas vogais, o alfabeto AB inventou algúns signos que non teñen base histórica ningunha (a elaboración destes signos faise a miúdo unindo os punteados) O AB inventou así os signos correspondentes ás consoantes seguintes /dj/, /tc/, /k/, /R/, /q/, /x/, /w/ etc. Abandonou as ligaduras e a comezou a marcar a tensión.

O aspecto principal que debe ser respectado no que atinxe á adopción dun sistema de escritura é o de reflectir dunha maneira simple o sistema fonolóxico dunha lingua dada. Por sistema fonolóxico entendemos o conxunto das consoantes e vogais dunha lingua que teñen un estatuto pertinente para distinguir entre dúas formas. Dito doutro xeito, un sistema de escritura para o galego por exemplo debe diferenciar entre as dúas consoantes /p/ e /b/ xa que a substitución dunha destas consoantes pola outra cambiaría totalmente o senso dunha palabra: par ≠ bar. Pola contra, esta mesma lingua non ten necesidade de dous signos para distinguir entre o ‘’’b’’’ de ‘‘’bico’’’, que é unha oclusiva labial sonora, e o de ‘’’cuba’’’, que é unha fricativa. O alfabeto non está obrigado a reflectir esta diferenza e sobrecargar o inventario alfabético da lingua posto que esta diferenza está condicionada polo contexto. Non se trata, xa que logo, de dous fonemas, senón máis ben de dous alófonos dun mesmo fonema /b/. Estas reflexións de orde fonolóxica, entre outras, non foron tidas en conta desgraciadamente pola AB, cousa que creou un sistema alfabético sobrecargado. Así, notou as espirantes /t/, /d/, /k/ e /g/ e as africadas /tch/ e /dj/ que, para un sistema fonolóxico común a todos as falas amazigh, non teñen razón de ser. A espirantización e a africación dalgunhas consoantes son variacións rexionais (rifain e cabila, por exemplo) a miúdo condicionados polo contexto e que non teñen máis que unha feble pertinencia mesmo nestas falas. O sistema alfabético amazigh pode polo tanto pasar sen o risco da incomprensión.

Como antes precisamos, a tradición alfabética amazigh non notaba as vogais. Notaba secundariamente a vogal /a/ en final de enunciado. Os signos adoptados polos novos sistemas notaban normalmente as semivogais /y/ e /w/. Outros signos foron inventados para designar estas mesmas semivogais. Esta confusión reflicte paradoxalmente o carácter específico das vocoides bérberes. En bérber, como ocorre en chleuh, agás a vogal /a/, os vocoides /I/ e /U/ realízanse como vogais /i/ e /u/ se son silábicos e como semivogais /y/ e /w/ se non ovupan o núcleo da sílaba. Así, o vocoide /I/ realízase na forma seguinte: /Ig°na/ --> [ig°na] (‘’el coseu’’) como unha vogal /i/. Pero realízase como unha semivogal /y/ na mesma forma precedida dunha vogal: /ma Ig°na/ ---> [ma yg°na] (‘’Que coseu?’’)

Pero debemos ignorar estas dúas diferentes realizacións contextuais no sistema gráfico? Imos simplificar o alfabeto amazigh se optamos polos dous mesmos signos para notar tanto as vogais como as semivogais correspondentes? Evidentemente, a resposta é negativa. Outras consideracións poden e deben ser tidas en conta. Imaxinemos a forma seguinte con catro vocoides adxacentes «IIUId» (el devolveu) onde o primeiro e o terceiro vocoide se realizan como semivogais /y/ e /w/ respectivamente e o segundo e o cuarto como a vogal /i/. Sería máis fácil para o lector facer a pronunciación correcta se notamos as semivogais con signos diferentes dos das vogais e así ter a realización testemuñada: «yiwid». Isto faría a interpretación menos laboriosa. S. Chaker (1994 - 34) propón para notar as vogais e as semivogais xogar coas variantes gráficas líbico/tifinagh. Esta solución parece perfectamente adecuada, ten a vantaxe de reflectir unha certa ambigüidade inherente aos vocoides bérberes e de nos impedir inventar signos que non teñen base histórica ningunha.

O schwa /e/ é outra vogal cun estatuto moi particular. Existe o schwa en bérber? Para responder a esta cuestión, compre definirmos o que entendemos por bérber. Se se trata do conxunto das falas amazigh, a resposta ha depender logo da fala en cuestión. O schwa existe en cabila e en rifain pero non en chleuh [5]. Se por bérber entendemos o inventario fonolóxico común a todas as falas, a resposta é evidentemente non. Tamén, se o noso obxectivo é establecer un sistema pan-bérber, podemos desbotar este «lubrificante fonético» sen maior perigo. O verbo «desbotar» está empregado a propio intento. En efecto, a adopción do schwa crearía moitos máis problemas que solucións. En primeiro lugar, ningunha tradición pre-neo-tifinagh notou nunca esta vogal. En segundo lugar, o signo escollido pola AB /÷/ designaba en líbico oriental e occidental as consoantes /R/ e /q/ (v. cadro1). A isto engádese outro hándicap maior: o schwa, mesmo no seo das falas onde existe, non ten estatuto fonolóxico ningún e a súa presenza é moi inestábel.

Hai evidentemente outros aspectos que atinxen á notación a base de tifinagh: o énfase, a asimilación, a labiovelarización, o estado de anexión. Pero estes aspectos non atinxen so ao tifinagh. Deben ser tratados sexa cal for a natureza dos caracteres adoptados: árabes, latinos ou amazighs.

Exemplos de textos en tifinagh[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Théodore Monod, L'Adrar Ahnet, 1932, pp. 135–139
  • Maurice Reygasse, Contribution à l'étude des gravures rupestres et inscriptions tifinagh du Sahara central, Cinquantenaire Faculté Lettres Alger, 1932; pp. 437–534 (citados en Prasse 72)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]