Thee Headcoatees foi unha banda inglesa de garage formada por mulleres e fundada en Chatham, Kent, en 1991.[1] O grupo foi parte da escena Medway. As súas membros foron Holly Golightly, Kyra LaRubia, Ludella Black e "Bongo" Debbie Green.
Thee Headcoatees foi formada por Billy Childish como un grupo de apoio para a súa banda Thee Headcoats. A banda anterior de Ludella Black, The Delmonas, realizara a mesma función para os anteriores grupos de Childish, comezando con The Milkshakes.[2] As súa cancións estaban principalmente compostas por Billy Childish e eran temas que non encaixaban cos seus propios concertos. Despois de que Holly Golightly fixese un cameo con Thee Headcoats, Childish engadíuna á formación de The Delmonas, e pouco despois a banda pasou a chamarse Thee Headcoatees.
Como banda de apoio, Thee Headcoatees inicialmente só tocaría un feixe de cancións para quentar ao público para Thee Headcoats. O seu tema "Headcoat Girl", aparecido no recompilatorio The Sisters of Suave, incuso indica "I wanna be a headcoat girl" (quero ser unha rapaza headcoat). En 1991 a banda lanzou o seu primeiro álbum, Girlsville, a través do selo Hangman Records. Estaba formado por cancións escritas por Billy Childish e versións de temas de The Kinks ("Last Plane Home"), The Beatles ("Run For Your Life"), The Tamrons ("Wild Man") e máis. En 1998 Debbie Green marchou da banda, quedando reducida a un trío para o seu derradeiro álbum, Here Comes Cessation. Thee Headcoatees continuaron xirando con Thee Headcoats ata a súa disolución en 1999.[3]
Holly Golightly continuou a súa carreira en solitario, gravando máis de dez álbums. Tamén traballou coas bandas The Greenhornes e The White Stripes, e en 2006 formou o grupo Holly Golightly & The Brokeoffs.[4] Kyra e Debbie pasaron a cantar en The A Lines (con Delia de Mambo Taxi e Julie Hamper de Billy Childish's Musicians of the British Empire);[5] Debbie e Delia tocan no presente en Ye Nuns.[6] Kyra e Ludella apareceron despois en The Shall I Say Quois xunto a Julie Hamper,[7] mentres que Debbie tamén pasou a tocar con Dutronc,[8] Baby Birkin[9] e The Speed of Sound; tamén tocou a batería e cantou con Would-Be-Goods, e gravou en The Buffets, xunto a Hamper.[10]