The Room é un filme independente estadounidense escrito, dirixido, producido e protagonizado por Tommy Wiseau. O filme céntrase nun triángulo amoroso entre o banqueiro Johnny (Wiseau), a súa futura esposa Lisa (Juliette Danielle) e o seu mellor amigo Mark (Greg Sestero). Unha porción significativa do filme está dedicado a unha serie de eventos non relacionados co argumento, a maioría dos cales implican polo menos un personaxe secundario, e que quedan sen resolver por mor da inconsistente estrutura narrativa do filme. Segundo Wiseau, o título fai referencia ó potencial dunha habitación de ser o escenario de eventos bos e malos;[1] o escenario do cal deriva o guión ten lugar nunha única sala. Sestero explicou que o filme é semi-autobiográfico, e pretendía ser "unha advertencia sobre os perigos de ter amigos".[2]
Numerosas publicacións consideran The Room como un dos peores filmes xamais feitos. Ross Morin, profesor asistente de cine na Universidade de St. Cloud State en Minnesota, describe The Room como "o Cidadán Kane dos filme malos".[3] Aínda que orixinalmente só se exhibiu nun pequeno número de cines de California, The Room converteuse axiña nun filme de culto por mor da súa bizarra e pouco convencional historia, erros técnicos e narrativos e a interpretación desconcertante de Wiseau. Malia que Wiseau describiu o filme como unha comedia negra, o público considerouno polo xeral como un drama mal feito, unha opinión compartida polos membros do elenco.