Teteira de Russell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Richard Dawkins na 34ª conferencia anual dos Ateos Americanos, en 2008.

A teteira de Russell, chamada tamén ás veces teteira celestial, é unha analoxía creada polo filósofo Bertrand Russell (1872-1970) que ten a finalidade de mostrar que a dificultade de desmentir unha hipótese non fai que esta sexa verdadeira, e que non lles corresponde aos escépticos que dubidan dela desmentila, senón que quen cre nela é quen debe probar a súa veracidade.

Nun artigo titulado Existe un Deus?[1], encargado (aínda que nunca publicado) en 1952 pola revista Illustrated, Russell escribiu o seguinte:

Moitos individuos ortodoxos dan a entender que é papel dos escépticos refutar os dogmas relixiosos, en vez de que os dogmáticos sexan os que teñan que probalos. Se eu suxerira que entre a Terra e Marte hai unha teteira de porcelana que xira ao redor do Sol nunha órbita elíptica, ninguén podería refutar a miña aseveración, sempre que me coidara de engadir que a teteira é demasiado pequena como para que se poida ver aínda cos telescopios máis potentes. Pero se eu dixera que, dado que a miña aseveración non pode ser refutada, dubidar dela é dunha presuntuosidade intolerábel por parte da razón humana, pensaríase con toda razón que estou dicindo parvadas. Porén, se a existencia da tal teteira se afirmara en libros antigos, se ensinara cada domingo como verdade sagrada, se instalara na mente dos nenos na escola, a vacilación para crer na súa existencia sería un signo de excentricidade, e quen dubidara dela merecería a atención dun psiquiatra nestes tempos, ou a dun inquisidor en tempos pasados.
Bertrand Russell

No seu libro O capelán do demo, Richard Dawkins desenvolveu o concepto:

A razón pola que a relixión organizada merece hostilidade aberta é que, a diferenza da crenza na teteira de Russell, a relixión é poderosa, influente, exenta de impostos e se inculca sistematicamente a nenos que son demasiado pequenos como para defendérense. Ninguén fai aos nenos pasar os seus anos de formación memorizando libros tolos sobre teteiras. As escolas subvencionadas polo goberno non exclúen aos nenos cuxos pais prefiren teteiras de forma equivocada. Os crentes nas teteiras non lapidan aos non crentes nas teteiras, aos apóstatas das teteiras e aos blasfemos das teteiras. As nais non advirten aos seus fillos para que non casen con infieis que crean en tres teteiras en lugar de en unha soa. A xente que bota primeiro o leite non da paus nos xeonllos aos que botan primeiro o té.
Richard Dawkins

Conceptos similares ao da teteira de Russell son o Unicornio rosa invisíbel e o Monstro de Espaguete Voador.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bertrand Russell: Existe um Deus?? Arquivado 16 de decembro de 2009 en Wayback Machine. (en portugués), Is There a God? (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]