Saltar ao contido

Terremoto de Chile de 2010

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa de intensidades do sismo

O terremoto de Chile de 2010 foi un sismo na madrugada do sábado 27 de febreiro de 2010 e que acadou unha magnitude de 8,8 MW, sendo o segundo máis forte da historia de Chile e o oitavo do mundo.[1]

O terremoto tivo lugar ás 03:34:08 am do sábado 27 de febreiro de 2010.[2] O seu epicentro foi submarino a uns 12,5 quilómetros da costa da rexión de Biobío, a unha profundidade de 30,1 km da codia terrestre. Nas zonas próximas o epicentro a duración máxima foi de catro minutos, mentres que en Santiago de Chile foron algo máis de 2. As zonas máis afectadas foron Valparaíso, a Rexión Metropolitana, a de O'Higgins, Maule, Biobío e Araucanía, o que supón máis do 80% da poboación chilena; aínda que tamén se sentiu en puntos máis afastados de América do Sur, como o Río da Prata e o sur do Brasil.[3][4] Especialmente destrutivo foi nas rexións de Maule e Biobío, onde chegou a rexistrarse a intensidade IX na escala Mercalli, chegando a desprazar á cidade de Concepción, a máis próxima ao epicentro, 3 metros cara ao oeste.[5]

Tempos de chegada do tsunami polo Pacífico (hora 0 = 06:34 UTC, 27 de febreiro).

Chile está situado sobre o bordo da placa tectónica de Nazca, que choca contra a de América do Sur. O límite oriental da de Nazca está nunha zona de indución baixo a de América do Sur, avanzando unha sobre a outra uns 7 ou 8 centímetros cada ano.[6] A presión xerada por este movemento é liberada nos terremotos, razón pola que Chile é un dos países con maior actividade sísmica do mundo.

Uns 35 minutos despois do terremoto impactou contra a costa chilena un forte maremoto que arrasou algunhas localidades que xa foran moi afectadas polo sismo. Debido a unha serie de erros nos sistemas nacionais de avaliación e alerta non se puido avisar á poboación con antelación para que se puxeran a salvo.[7][8]O Centro de Alerta de Tsunamis do Pacífico si que avisou do risco de tsunami no océano Pacífico alertando a 53 dos países ribeiregos.[9]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

A presidenta Michelle Bachelet declarou o "estado de excepción constitucional de catástrofe".[1] O número de falecidos estímase en 525, con 500 000 vivendas con graves danos e con 2 millóns de damnificados.[10][11] En moitas das zonas afectadas houbo problemas de abastecemento de alimentos e en localidades como Concepción e Talcahuano houbo saqueos e algúns disturbios que levaron ao goberno a despregar efectivos militares para garantir a orde pública.[12][13] Paralelamente, rexistráronse problemas de subministración de auga potable e electricidade, algo que días despois derivou nun fallo da rede eléctrica a nivel nacional.[14][15]

A reconstrución foi o primeiro grande desafío do seu executivo do goberno de Sebastián Piñera. Deste xeito, presentou o plan "Chile unido reconstrúe mellor" que pretendía dar cobertura a case 200 000 familias que se viran afectadas pola traxedia natural.[16] Este contemplaba dar axudas ás familias para acometer obras nas vivendas afectadas así como dotar de fogares provisionais ás que o precisaran.[17] Este esquema completouse co bono "Mans á obra" cun importe total de 15 millóns de dólares que se destinarían á merca de material de obra para ás familias afectadas. Estas axudas foron acompañadas cun cobizoso programa de reconstrución que destinaba máis de 9 000 millóns de dólares para vivenda, sanidade, educación, infraestruturas.[18]

  1. 1,0 1,1 "El terremoto de Chile de 2010 – Emergencia y Desastre". emergenciaydesastres.mineduc.cl. Consultado o 2022-03-26. 
  2. "Deadly earthquake hits central Chile". the Guardian (en inglés). 2010-02-27. Consultado o 2021-12-04. 
  3. "Un terremoto de 8,8 grados de magnitud sacude Chile". La Vanguardia (en castelán). 2010-02-27. Consultado o 2021-12-04. 
  4. "Terremoto no Chile é sentido em São Paulo". noticias.terra.com.br. Consultado o 4-12-2021. 
  5. "El terremoto cambió de lugar a Concepción". BBC News Mundo (en castelán). 2010-03-09. Consultado o 2021-12-04. 
  6. "¿Por qué hay tantos terremotos en Chile?". BBC News Mundo (en castelán). 2015-09-17. Consultado o 2021-12-04. 
  7. "Tsunami paso a paso: los escandalosos errores y omisiones del SHOA y la ONEMI". CIPER Chile (en castelán). 2012-01-18. Consultado o 2021-12-04. 
  8. "Informe del SHOA: Armada asegura que alerta de maremoto fue oportuna, pero que anticiparon su cancelación « Diario y Radio Universidad Chile". radio.uchile.cl (en castelán). Consultado o 2021-12-04. 
  9. "The most destructive Tsunamis Chile, 2010". www.sms-tsunami-warning.com. Consultado o 2021-12-04. 
  10. Montes, Rocío (2015-09-17). "La tragedia en 2010". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-12-04. 
  11. "¿Cuántos fallecidos? La pregunta sin respuesta". interactivo.latercera.com (en inglés). Consultado o 2021-12-04. 
  12. Concepción, Diario. "El “terremoto social” que obligó el Toque de Queda y el fuerte control militar". Diario Concepción (en castelán). Consultado o 2021-12-04. 
  13. Agencias, RTVE es/ (2010-03-01). "Chile despliega 10.000 soldados tras el terremoto". RTVE.es (en castelán). Consultado o 2021-12-04. 
  14. "Chile trata de recuperarse de un demoledor terremoto con más de 711 muertos". www.elmundo.es. Consultado o 2021-12-04. 
  15. "Lights back on in Chile after huge blackout - CNN.com". www.cnn.com (en inglés). Consultado o 2021-12-05. 
  16. "Presidente Piñera anunció histórico programa "Chile Unido Reconstruye Mejor" - Chile". ReliefWeb (en inglés). Consultado o 2021-12-04. 
  17. "Chile: a un mes del terremoto, Piñera anuncia bono para viviendas". BBC News Mundo (en castelán). 2010-03-27. Consultado o 2021-12-04. 
  18. "Plan de reconstrucción del terremoto y maremoto del 27 de febrero de 2010: resumen ejecutivo." (PDF). Ministerio de Desarrollo Social y Familia de Chile. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xaneiro de 2022. Consultado o 04 de decembro de 2021.