Termas de Prexigueiro
As termas de Prexigueiro son unha área de augas termais situada na parroquia de Francelos, no concello de Ribadavia. Estas termas son privadas e atópanse nun ambiente natural, completamente rodeadas por un bosque. Ademais, á beira do río Cerves, por debaixo destas termas, hai unhas pozas termais de libre acceso que proveñen do mesmo manancial.
Historia
[editar | editar a fonte]A finais do sécuo XX unha escola taller de Ribadavia comezou a recuperar o contorno dos mananciais da parroquia, así como a reconstrución de aldeas e a creación de áreas recreativas. A idea inicial era facer da aldea de Prexigueiro unha vila termal con todas as instalacións necesarias.
A recuperación destas termas, inauguradas de novo en xullo de 2010, foi levada a cabo polo arquitecto Álvaro Varela de Ugarte, autor da ponte do Milenio e dos recintos das termas da Chavasqueira e as termas de Outariz, en Ourense.
O edificio alberga un circuíto termal ao aire libre, formado por pozas de auga quente, que recibe o nome de Camiño Kunamo. Recibe este nome porque ese é un dos camiños de peregrinación máis coñecidos do Xapón, e as termas que forman este circuíto teñen nomes dalgúns dos diferentes templos polos que pasa. Por outra parte, a área de tratamentos que se atopa no interior do edifico está formada por varias salas con nomes de diferentes parroquias próximas a Prexigueiro, como Ribadavia ou Pazos de Arenteiro.
Descrición
[editar | editar a fonte]As augas do manancial de Prexigueiro son augas sulfurosas, bicarbonatadas, fluoradas e sódicas, orientadas sobre todo ao tratamento de problemas reumáticos, musculares, dermatalóxicos ou de estrés.
O circuíto termal Camiño Kumano está formado por oito termas ao aire libre, cinco de auga quente (entre 37 °C e 41 °C), dúas de auga fría e outra con chorros de hidromasaxe. Por outra parte, dentro do edificio, atopámonos cunha sauna e un spa, ademais da área de tratamentos, onde hai unha gran variedade deles. Algunhas das técnicas máis actuais son as de chocolaterapia e viñoterapia, entre outras.
Accesos
[editar | editar a fonte]Desde a vila de Ribadavia accédese pola estrada OU-801, paralela ao curso do río Miño. A vía de acceso reformouse no ano 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web das termas de Prexigueiro
- Termas de Prexigueiro en Turismo de Galicia