Teodoro Fanego Bouza
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1882 Ourense, España |
Morte | 24 de maio de 1968 (85/86 anos) Cariño, España |
Actividade | |
Ocupación | industrial, político |
Teodoro Fanego Bouza, nado en Ourense cara a 1882 e finado en Cariño o 24 de maio de 1968, foi un industrial conserveiro e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Construtor e carreteiro, instalouse en Cariño cando se construíu o porto nos anos 1906 a 1910. Casou con Dolores Carrodeguas Domenech, de familia de fábricas de salazón, e fundou a fábrica de salazón El Centauro cara a 1912. Nos anos vinte e trinta comezou coa conserva de peixe. Na fábrica facían conserva para o exército, sobre todo palometa negra e sardiña en tomate, e exportaban anchoa a Italia. Tamén tiñan fábrica de fariña de peixe. Foi correspondente de El Ideal Gallego en Cariño.[1] Foi concelleiro de Ortigueira en 1929,[2] e presidente da sociedade de armadores de Cariño en 1930.[3] Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi xefe de Falange de Ortigueira.[4] Foi nomeado concelleiro de Ortigueira e primeiro tenente de alcalde. Foi destituído polo gobernador civil en agosto de 1937 xunto co alcalde Gonzalo Prieto Cao e o segundo tenente de alcalde Secundino Rodríguez. Teodoro Fanego foi desterrado a Xinzo de Limia e Secundino Rodríguez a Celanova.[5] Finou en Cariño o 24 de maio de 1968.[6]
Á súa morte herdou a fábrica a súa filla Purificación Fanego Carrodeguas, viuva de José Docanto Martínez, e administrárona os seus fillos Teodoro e José Docanto Fanego. A fábrica El Centauro pechou en 1989.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Medalla ao Mérito no Traballo, categoría de prata, en 1967.[7]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en Cariño con Dolores Carrodeguas Domenech, e foi pai de Purificación, José, finado o 27 de novembro de 1968,[8] e Teodoro Fanego Carrodeguas, que finou o 6 de agosto de 1941.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ El Ideal Gallego, 20-8-1926, p. 2.
- ↑ El Pueblo Gallego, 5-4-1929, p. 2.
- ↑ El Ideal Gallego, 19-12-1930, p. 4.
- ↑ El Correo Gallego, 20-10-1936, p. 2.
- ↑ El Compostelano, 4-8-1937, p. 1.
- ↑ Necrolóxica en La Voz de Galicia, 25-5-1968, p. 14, 20.
- ↑ BOE, 4-8-1967, p. 10995-10996.
- ↑ El Pueblo Gallego, 30-11-1968, p, 4.
- ↑ El Ideal Gallego, 7-8-1941, p. 3.