Saltar ao contido

Telescopio reflector

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Telescopio Hubble

Un telescopio reflector é un telescopio óptico que emprega espellos en lugar de lentes para enfocar a luz e formar imaxes.

Ilustración dun telescopio reflector en "Construction d'un telescope par reflexion, de mr. Newton, ayant seize pouces de longueur..." publicada en Acta Eruditorum, 1741

Non se sabe con seguridade cal foi o primeiro telescopio reflector, mais a idea da utilización de espellos cóncavos e convexos colocados en ángulos indicados para observar grandes rexións a grandes distancias, foi atribuída a Leonard Digges no seu libro Pantometría. O libro póstumo foi completado e publicado polo seu fillo Thomas Digges en 1571.

En 1636, Marin Mersenne, un relixioso da orde dos Mínimos, ideou un telescopio reflector que consistía nun espello parabólico cun pequeno orificio fronte a outro de menor tamaño de xeito que a luz se reflectise cara ao ollo a través do orificio.

En 1663 James Gregory tomou a idea de Mersenne e perfeccionou o telescopio engadindo un pequeno espello secundario cóncavo e elíptico que reflectise a luz procedente do espello primario ao segundo plano focal da elipse, situado no centro do buraco deste, e de aí ao ocular.[1] Isaac Newton perfeccionou o telescopio reflector arredor de 1670.[2]

Os telescopios reflectores evitan o problema da aberración cromática, unha degradación salientable das imaxes nos telescopios refractores da época (posteriormente este problema resolveuse empregando lentes acromáticas). O reflector clásico formado por dous espellos e un ocular coñécese como reflector Newtoniano.

Consideracións técnicas

[editar | editar a fonte]

O telescopio reflector emprégase comunmente no mundo da astronomía afeccionada. Os observatorios profesionais utilizan un desño algo máis complexo cun foco Cassegrain. En 2001 existían polo menos 49 reflectores con espellos primarios cun diámetro superior a 2 metros. Os máis grandes consisten en espellos primarios modulares e poden ter aberturas de ata 9-10 m.

Os telescopios reflectores ou Newtonianos empregan dous espellos, un no extremo do tubo (espello primario), que reflicte a luz e a envía ao espello secundario e este envíaa ao ocular.

No plano focal pódese situar un instrumento científico como unha cámara CCD, un espectrógrafo ou un ocular para a observación visual directa.

Os telescopios reflectores eliminan a aberración cromática mais posúen outros tipos de aberracións ópticas. Algúns telescopios dispoñen de deseños máis complexos para corrixiren algunhas destas aberracións.

As principais vantaxes dos reflectores con respectoa aos refractores son:

  • A lente ten que estar libre de imperfeccións, mentres que nun espello abonda asegurar a perfección da súa superficie.
  • A luz de diferentes lonxitudes de onda atravesa a lente medio a diferentes velocidades causando unha aberración cromática. A creación de lentes acromáticas de gran tamaño que corrixan este defecto é un proceso moi custoso. Este problema non existe nun espello.
  • Existen problemas estruturais importantes para manipular lentes de grande abertura. As lentes só poden estar suxeitas polos seus extremos e se son de gran tamaño a distorsión producida pola gravidade pode distorsionar a imaxe. Un espello pode estar suxeito por toda a súa superficie, evitando este problema.
  • Newtoniano: desenvolvido por Newton pouco despois da morte da súa nai.
  • Cassegrain: desenvolvido no século XVII pouco despois dos telescopios newtonianos.
  • Ritchey-Chrétien: a máis utilizada nos telescopios profesionais.[3]
  • Gregory: grazas a un espello secundario cóncavo permiten obter unha imaxe non invertida apta para a observación terrestre. Non son moi populares na actualidade.
  • Schmidt-Cassegrain: o espello primario parabólico substitúese por un espello esférico e a aberración esférica corríxese cunha placa de Schmidt no espello secundario. Permite combinar boas características de reflectores e refractores e adoitan utilizarse para obter imaxes de amplo campo. Tamén son populares entre os afeccionados.
  • Maksutov.
  • Schmidt: utilizado para fotografías de gran campo, como na astronomía.
  1. Fred Watson (2007). Stargazer: The Life and Times of the Telescope. Allen & Unwin. p. 117. ISBN 978-1-74176-392-8. 
  2. Hall, A. Rupert (1996). Isaac Newton: Adventurer in Thought (en inglés). Cambridge University Press. p. 67. ISBN 978-0-521-56669-8. 
  3. Sacek, Vladimir (14 de xullo de 2006). "8.2.2 Classical and aplanatic two-mirror systems". Notes on AMATEUR TELESCOPE OPTICS. Consultado o 2009-06-22. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pendergrast, Mark (novembro de 2003). "Capítulos 3 e 4". Historia de los Espejos (Mirror, mirror) (1.ª ed.). Barcelona: Vergara. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]