TIAM Gz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
TIAM Gz
OrixeChantada, Galicia Galicia,
Período2018 - actualidade
Xénero(s)Rap, hip hop, outros
MembrosTorozas
Iagueiro
Alessov
Mr. Mati

TIAM Gz é un grupo de rap galego formado en Chantada no ano 2018 por Iago Suárez «Iagueiro», Álex Varela «Alessov», Brais Vázquez «Torozas» e Matías Zelarayán «Mr. Mati». Os integrantes do grupo definen a súa música como «rap feito na casa» a través do cal, ademais de transmitir as súas ideas persoais, inclúen temática político-social que se encadraría no galeguismo combativo[1]. Afirman que o rap é o xénero musical que máis os representa porque outorga máis liberdade de expresión a quen canta e convida á reflexión e ao pensamento a quen escoita[2].

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

A primeira parte do nome do grupo é unha sigla formada a partir dos alcumes dos seus integrantes (Torozas, Iagueiro, Alessov e Mr. Mati)[1]. A segunda parte do nome, Gz, é a forma abreviada popular de Galiza[3].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

TIAM Gz nun dos seus concertos

TIAM Gz naceu no verán do 2018 despois de que catro amigos de sempre decidiran comprar un micrófono e gravar de xeito caseiro unhas letras reivindicativas con melodía de rap. No entanto, non sería até outubro de 2018 cando publicarían as súas primeiras melodías integradas na mixtape Cantigas composta polos temas «Escarnio», «Amigo» e «Amor» na plataforma YouTube.[2][4]

En marzo do 2019 sacaron o sinxelo «Akelarre» a partir do cal comezaron a chegar as primeiras propostas de directos pola comarca e arredores[1]. Ese mesmo ano lanzaron «Entropía» e «Arabic». Este último, «Arabic», supuxo unha aposta polo descoñecido xa que mesturaba os ritmos combativos do rap galego cos ritmos latinos do reggeaton, o que foi denominado reggeaton combativo. «Entropía», pola contra, seguiu a liña das publicacións anteriores e logrou gran recoñecemento na comunidade galego de hip hop ao ser seleccionada entre os 25 mellores temas do ano 2019 polo programa Hip Hop em galego.[2]

A finais de xaneiro do 2020 publicaron o tema «Flows da nada», o cal tivo unha grande acollida entre a crítica e o público[2] e que supuxo a gravación do primeiro videoclip do grupo[4]. Ese mesmo ano, a mediados de xullo, lanzarían, en colaboración con Julia Vázquez, "Sandungueirada", que mestura o rap galego típico da agrupación con ritmos de trap e samples de salsa.[5] Este último sinxelo, coa participación dunha voz feminina, converteríase na primeira colaboración do TIAM Gz.

[DE]CONSTRUCIÓN foi o último traballo do grupo (publicado en xullo de 2021), un álbum de 11 cancións que mestura todo tipo de xéneros, dende hip-hop ata sons acústicos, pasando por trap, pop ou unha reversión da tradicional Muiñeira de Chantada. O álbum conta con catro colaboracións: Julia Vázquez (Sandungueirada), Nerea (Males Endémicos), Amorodo (A Danza da Revolución) e Ezetaerre (Ferreiras dun Mundo Mellor).

Membros[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

Mixtape[editar | editar a fonte]

  • Cantigas (2018)

Sinxelos[editar | editar a fonte]

  • «Akelarre» (2018)
  • «Entropía» (2019)
  • «Arabic» (2019)
  • «Flows da nada» (2020)
  • «Sandungueirada» (2020)

Disco[editar | editar a fonte]

  • [DE]CONSTRUCIÓN (2021)

Colaboracións[editar | editar a fonte]

  • «Hakai», de Amorodo (2021)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Lugo, El Progreso de (2020-03-31). "Tiam GZ: unha banda de Chantada que chega con hip hop "feito na casa"". El Progreso de Lugo. Consultado o 2020-07-18. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 X.M.F. (2020-05-31). "TIAM Gz, hip hop galeguista e combativo feito en Chantada". Xornal de Lemos. Consultado o 2020-07-18. 
  3. "Significado de GZ no Dicionário Estraviz". estraviz.org. Consultado o 2020-07-18. 
  4. 4,0 4,1 "TIAM Gz - YouTube". www.youtube.com. Consultado o 2020-07-18. 
  5. TIAM Gz (18 de xullo de 2020). Sandungueirada (YouTube).