Suria Bai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Suria Bai (ou Surya Bai) é un personaxe feminino mitolóxico e lendario da cultura hindú.

Suria Bai, personaxe mitolóxico[editar | editar a fonte]

Suria Bai é o aspecto feminino de Suria, o Sol, polo tanto é unha deusa solar, filla do deus sol tamén chamado Savitri. Suria Bai é esposa ou amante de Soma ou Chandra, o deus lunar. Nalgúns relatos é a esposa dos Ashvin, deuses xemelgos da luz, con eles atravesa o ceo nun carro e xuntos representan a luz da mañá, do mediodía e do atardecer. Cando é Suria-Savitri representa a alba.[1]

Suria Bai, personaxe lendario popular[editar | editar a fonte]

Suria Bai tamén é a protagonista dunha lenda india onde é a filliña dunha leiteira, mais un día é secuestrada por unha aguia, que coa súa parella a cría na copa dunha árbore. Un día as aguias auséntanse á procura dun anelo co que obsequiar á cativa e déixana na árbore protexida tras sete portas de ferro. Unha Raksha (demo antropófago) aproveita esa oportunidade para tentar caza-la cativa, mais cando trata sen éxito de violar as portas, unha das súas unllas velenosas fica adherida á porta. Máis tarde, cando Suria Bai abre as portas, crávase a unlla na man e morre. As aguias retornan, mais contristadas pola morte da súa filla adoptiva marchan para sempre. Finalmente, un raxá que está cazando no bosque divisa o niño das aguias. Cando sobe e chega ata Suria Bai ela revive. A doncela casa co raxá, mais el ten unha madrasta quen a odia. Cando o raxá se ausenta, a madrasta bótaa nun encoro e a moza, en canto de afogar, transfórmase nunha flor de loto. O raxá, sen entende-la desaparición da súa esposa, fica abraiado perante a flor, entón a madrasta manda arrincala e queimala. Das cinzas xorde unha mangueira que dá un froito. Un día a leiteira senta para descansar baixo a árbore e o froito cae nunha das súas vasillas. Na casa da leiteira, do froito sai unha muller pequena, que é acollida pola familia. Un día o raxá ve a mulleriña e recoñece nela a Suria Bai. Ela finalmente conta a súa historia e así se revela que a madrasta do raxá é unha criminal e que ela é a filla que a leiteira perdera. O raxá decide a morte pública da súa madrasta: proxecta axustizala en aceite fervente mais finalmente execútaa botándoa nun pozo cheo de serpes.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Coulter, Charles Russell e Turner, Patricia. Encyclopedia of Ancient Deities. McFarland & Company, 2000. ISBN 0-7864-0317-9. ISBN 978-0-7864-0317-2. P. 444.
  2. A lenda foi difundida en Occidente pola escritora inglesa Mary Frere, quen reproduciu o relato oral da india Anna Liberata de Souza e o publicou en Old Deccan Days or, Hindoo Fairy Legends Current in Southern India. Collected From Oral Tradition. Cap VI, Little Surya Bai. Londres, J. Murray, 1868. Dispoñible en liña en http://www.sacred-texts.com/hin/odd/odd00.htm).