Stoá Basileos
Stoá Basileos | |
---|---|
Coordenadas | 37°58′34″N 23°43′20″L / 37.97613889, 23.72233333 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Stoá Basileos ou Stoá real (en grego antigo: Βασίλειος Στοά Basíleios stoá) foi unha stoá construída no -500 na ágora de Atenas. É un dos edificios máis antigos da cidade[1].
O primeiro elemento arquitectónico que se erguía ao entrar na vía das Panateneas era este pórtico. Estaba situada na esquina noroeste, coñecida como a dos "Hermes", xa que había moitos hermes erguidos[2].
Era a sede do arconte rei, maxistrado que se ocupaba dos asuntos relacionados co culto, os procesos xudiciais de impiedade e as reunións do tribunal do Areópago, onde se xulgaban os crimes. Contiña as copias das leis de Atenas, inscritas en pedra[1][2].
O edificio primitivo era de orde dórica, cun frontón de oito columnas e un podio na base dos tres muros. Aínda que persiste un problema de datación, xa que os elementos arquitectónicos, polo seu estilo, son do século -VI, mentres que a cerámica atopada baixo o chan pode datarse no -500, o material reutilizado para os cimentos apoiou a teoría de que a construción debe datarse despois da ocupación persa do -480.
A principios de século -IV engadíronse dous corpos laterais con pórticos, que lle daban un aspecto semellante ao da Stoá de Zeus. As súas dimensións eran pequenas, 18 m de longo por 7,5 m de ancho[2].
En liña recta coa construción erguíase unha estatua de Temis, deusa da xustiza, detrás da cal había un gran bloque pétreo sobre o cal os arcontes reis xuraban fidelidade ás leis da polis[3].
Segundo o xeógrafo grego Pausanias "no tellado deste pórtico hai estatuas de terracota: Teseo lanzando ao mar a Escirón e Hémera raptando a Céfalo[4]".
Segundo Aristófanes, a stoà tamén se utilizaba para banquetes oficiais, feito confirmado polos achados de louza. Neste pórtico tivo lugar a vista preliminar do xuízo de Sócrates[3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Roland Martin, R (1942). "La Stoa Basileios. Portiques à ailes et lieux d'assemblée". Bulletin de correspondance hellénique 66 (276): 66-67.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Wycherley, R. E (1940). "The Stoa Basileios". The Journal of Hellenic Studies (60): 95-96.
- ↑ 3,0 3,1 Boardman, John (ed.) (1994). The Cambridge ancient history, plates to volumes V and VI: The fifth and fourth centuries B.C. Cambridge: Cambridge University Press. p. 114-115. ISBN 9780521233491.
- ↑ Pausanias, Descrición de Grecia i.3.1.