Saltar ao contido

Sistema educativo de Finlandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Universidade de Jyväskylä.

O sistema educativo de Finlandia está considerado o mellor sistema occidental dos avaliados polos informe PISA de 2003. Divídese en dous grandes tipos de formacións a partir dos 3 anos: a formación teórica, que se imparte nas escolas secundarias superiores e as universidades, e a formación profesional, que se imparte nas escolas profesionais.

Principios básicos

[editar | editar a fonte]

Un dos obxectivos centrais da política de educación de Finlandia é darlle a toda a cidadanía as mesmas oportunidades de acceso á educación, sen importar a idade, lugar de residencia, situación económico-social, sexo ou lingua materna. Tanto a educación preescolar, a educación básica e a educación secundaria superior tanto xeral como de formación profesional son, en principio, libres de custos: a ensinanza, a atención social e sanitaria ao alumno e as comidas ofrécense gratuitamente en todos estes niveis. Os libros de texto e outros materiais precisos para a aprendizaxe son gratuítos nos niveis preescolar e básico. Na educación básica tamén o transporte de ida e volta á escola adoita corren a cargo da entidade provedora dos servizos educativos. [1] En Finlandia considérase que a calidade da educación é moi importante, un dos valores máis importantes deste país. É importante que todo o alumnado, independentemente da súa clase social, poida ter a posibilidade de desenvolver o seu talento. As prioridades do goberno son a alta calidade da educación e das titulacións, garantir a dispoñibilidade de man de obra cualificada, e o desenvolvemento das universidades e das escolas superiores profesionais. Unha das prioridades do sistema educativo é a confianza no profesorado e na dirección dos centros educativos.[2]

En Finlandia o 97 % do centros escolares son públicos. Tanto colexios públicos como privados son gratuítos. O Estado achega de media o 57 % do financiamento dos centros, e os municipios o 43 % restante. O Estado só se ocupa ao completo da xestión dos centros de educación especial.[3]

Organización

[editar | editar a fonte]

Educación preescolar: é optativa, e os municipios encárganse da súa organización. O obxectivo desta educación é fortalecer as competencias da aprendizaxe dos nenos, tamén apoia o desenvolvemento multifacético e o crecemento dos nenos e nenas. Comeza aos seis anos e dura unha media de catro horas diarias.

Educación básica: a educación obrigatoria comprende dende os sete ata os dezaseis anos. Ao completar a educación básica, a escola non dá ningún tipo de titulación pero outorga competencias para continuar os estudos. Nos primeiros dous graos a xornada escolar non pode ter máis de cinco horas de clase, nos restantes pode chegar ata sete horas. Prestan unha grande importancia ao sistema de patios, e cada 45 minutos de clase concentrados hai 15 minutos de recreo. Os principais obxectos de desenvolvemento na educación básica son a calidade de ensinanza, a orientación dos estudos e as actividades extracurriculares. Tamén se promove a cooperación entre as familias e a escola.

Educación secundaria superior: comprende o Bacharelato e a formación profesional. Pódese acceder a calquera delas unha vez superada a educación básica. Ambas teñen unha duración de tres anos e outorgan competencias xerais para continuar estudos superiores. Unha vez completado o bacharelato, os estudantes participan no exame nacional para obter o correspondente diploma. A formación profesional outorga unha titulación profesional de grao básico.

Educación superior: consiste en dous sectores complementarios, as escolas superiores profesionais e as universidades. A misión das escolas superiores profesionais é impartir a educación superior para o exercicio cualificado de profesións. As universidades promoven a libre investigación e a educación científica e artística.

Avaliación educativa e informe PISA

[editar | editar a fonte]

O informe do Programa internacional de avaliación do alumnado (PISA) baséase na análise do rendemento de estudantes a partir duns exames que se realizan cada tres anos en varios países. Este informe lévao a cabo a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, que se encarga da realización de probas estandarizadas a estudantes de 15 anos. É considerado coma un sistema obxectivo de comparación. Examinan o rendemento de alumnos en áreas temáticas clave e estudan diferentes resultados educativos. Os estudantes son seleccionados aleatoriamente de colexios públicos e privados. Son elixidos en función do grao escolar no que se encontran e en función da súa idade. Ademais das probas que miden a competencia en lectura, matemáticas e ciencias, os estudantes cubriron cuestionarios sobre eles mesmos, mentres que os directores fixérono sobre as súas escolas. Nas probas PISA de 2012 o alumnado de Finlandia obtivo a súa mellor puntuación na proba de lectura. En matemáticas os fineses obtiveron o segundo mellor posto despois de Singapur e en ciencia, o terceiro mellor despois de Shanghai e Corea.

Segundo o Goberno de Educación, a base do éxito de Finlandia na proba PISA pódese concentrar en nove puntos: oportunidades iguais, exhaustividade da educación, profesorado competente, orientación e a educación dos estudantes con necesidades de apoio educativo, avaliación, importancia da educación na sociedade, sistema flexible, cooperación entre todos os niveis, e concepción de aprendizaxe activa e orientada ao alumnado [4]

Formación do profesorado

[editar | editar a fonte]

En Finlandia a educación é considerada como unha das profesións máis importantes da sociedade, o profesorado goza de gran prestixio. Só un 10 ou 15 % dos solicitantes a estudar maxisterio son seleccionados, teñen que ter puntuacións superiores ao 9 sobre 10. Para a selección levan a cabo os seguintes pasos: avaliación nacional para coñecer as competencias das persoas aspirantes, diversas probas de avaliación das universidades para verificar os coñecementos e as capacidades académicas xerais, entrevistas para verificar a aptitude dos futuros docentes, e traballos en grupo para avaliar as habilidades interpersonais e de comunicación.

O sistema da selección dos estudantes garante que os futuros docentes teñen as aptitudes necesarias para a ensinanza. Posteriormente, o sistema de formación do profesorado desenvolve profesores investigadores autónomos e altamente capacitados tanto para aprender como para axudar a outras persoas a alcanzar as metas establecidas. Este proceso garante a igualdade de oportunidades educativas en toda a poboación.[5] Existen distintas fases para seleccionar e formar ao profesorado:

Fase A: selección nacional. O profesor debe ter unhas “propiedades” individuais que o fagan posible. Deben demostrar a súa capacidade educativa e o grao de sensibilidade social. Para poder seleccionar aos mellores do país é necesario dispoñer dun sistema centralizado, onde se analizan os perfís dos candidatos para poder escoller aos mellores. O proceso realízase na Universidade de Jyvaskylä. As notas deben superar o 9 de media das súas medias de bacharelato e a reválida. A segunda propiedade é a sensibilidade social. Por esa razón valórase se os aspirantes participan en actividades sociais. Esta fase é exclusiva para os mestres de primaria.

Fase B: selección en cada facultade de formación. Ata finais da década de 1980 había tres aspectos esenciais na entrevista: un resumo dunha lectura dun libro, unha explicación ante unha pequena clase sobre un tema, e demostrar aptitudes artísticas. Na década dos noventa engadíronse dous aspectos novos xeralmente: unha proba de matemáticas e outra de aptitudes para a tecnoloxía da información. Na entrevista de entrada analízase que o aspirante a profesor dispoña doutras propiedades necesarias; como por exemplo a capacidade de comunicación, a actitude social e a empatía. Se o elemento analizado non ten estas propiedades e non se percibe a capacidade de incorporalas, prescíndese del e non accede á formación. Isto é importante xa que se asegura que os docentes non teñan dificultades emocionais ou mentais. Esta fase realízase tanto para o profesorado de primaria como de secundaria.

Fase C: período de formación docente. Este período consta de 6400 horas, divididas en créditos de formación, máis de 600 horas de prácticas en centros e por último a tese final. Os centros nos que se realizan as prácticas contan cos mellores profesores de todas as promocións e das especialidades que ensinan. Unha vez obtido o título non se realiza oposición. Os profesores son seleccionados polos directores dos centros.[6] Estas tres fases dan a entender que para ser profesor hai que valer e crer na educación, xa que consideran que o profesorado é a clave do sistema educativo, un piar básico e fundamental para que a educación avance, para que o alumnado poida desenvolver as súas capacidades, habilidades e para que a sociedade conte con persoas formadas, capacitadas, comprometidas e preparadas para desenvolver unha profesión.

Administración

[editar | editar a fonte]

En Finlandia, a educación básica, a ensinanza secundaria superior e a formación profesional son financiadas polo goberno central e polos municipios así como os comedores. As autoridades locais teñen as competencias sobre a educación. Os responsables educativos e as escolas elaboran os seus propios currículos a partir do currículo nacional básico. Estes currículos permiten dar respostas ás necesidades locais. As escolas poden ter perfís propios como, por exemplo, a educación científica ou musical.

A comezos da década de 1990 reducíronse algunhas competencias da administración central en Finlandia. Suspendeuse o sistema de inspección escolar así como a necesidade de autorización dos libros de texto. A consecución dos obxectivos nacionais en lugar de ser avaliada pola inspección, é avaliada mediante avaliacións nacionais e internacionais a partir de mostras. O desenvolvemento educativo baséase en ditas avaliacións e na investigación colaborativa entre docentes, investigadores e asociacións de directores cos centros educativos.

Ao acabar a escola comprensiva non existen exames finais, pero a Xunta Nacional de Educación avalía cada dous anos as aprendizaxes en matemáticas e na lingua materna (finés e sueco). Outras disciplinas como as linguas estranxeiras, a historia e a relixión, avalíanse cun programa específico. Coas avaliacións móstranse os resultados, fanse públicos sen ningún tipo de clasificación. Con estas avaliacións externas, as escolas e docentes teñen a posibilidade de recibir a información periódica sobre as competencias do seu alumnado con respecto a outras escolas e aos obxectivos establecidos a nivel nacional. Coa axuda desta información, as escolas cun rendemento inferior á media teñen oportunidade de comezar programas de mellora.

  1. VV.AA. Sistema educativo de Finlandia (PDF) (en castelán). Dirección Nacional Finlandesa de Educación. ISBN 978-952-13-3362-0. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de xuño de 2018. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  2. Paronen, Paula; Lappi, Olga (2018). Finnish Teachers and Principals in Figures (PDF) (en inglés). Finnish National Agency for Education. ISBN 978-952-13-6460-0. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de xullo de 2018. Consultado o 16 de xullo de 2018. 
  3. "Laukkanen: "Si en Finlandia aplicamos los recortes en educación de España, sería una catástrofe"". Público (en castelán). 15 de marzo de 2013. 
  4. Gripenberg, Martin; Lizarte Simón, Emilio Jesús (2012). "El sistema educativo de Finlandia y su éxito en la prueba PISA" (PDF). Journal for Educators, Teachers and Trainers (en castelán) 3. 
  5. Suárez Ojeda, Magdalena; Mäkelä, Tiina (2013). "El modelo de formación del profesorado investigador en Finlandia, su adaptación y aplicación al EEES". XI Jornadas de Redes de Investigación en Docencia Universitaria: Retos de futuro en la enseñanza superior : Docencia e investigación para alcanzar la excelencia académica (PDF) (en castelán). pp. 1368–1382. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de maio de 2018. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  6. Melgarejo Draper, Javier (2006). "La selección y formación del profesorado:clave para comprender el excelente nivel decompetencia lectora de los alumnos finlandeses" (PDF). Revista de Educación (en castelán): 237–262. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ritva Jakku- Shivonen y hannele Niemi (eds.): Aprender de Finlandia. La apuesta por un profesorado investigador. Prólogo Álvaro Marchesi. Eds. Kaleido Forma, Madrid.