Signo zodiacal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os doce signos do zodíaco nunhas miniaturas dun libro de horas. Edición británica de O ceo, caos ou harmonía? de Jean-Pierre Verdet, colección «Aguilar Universal» (nº 6).

Na astroloxía occidental, os signos zodiacais son os doce sectores de trinta graos da eclíptica dende o equinoccio vernal, unha das interseccións coa elíptica co ecuador celeste, tamén coñecido como Punto Aries. A orde dos signos zodiacais é Carneiro, Touro, Xémini, Cáncer, León, Virxe, Libra, Escorpión, Saxitario, Capricornio, Acuario e Pisces. Cada sector foi nomeado por unha constelación pola que estaba a pasar no momento do nomeamento.

O concepto do zodíaco xurdiu na astroloxía babilónica, e posteriormente foi influenciada pola cultura helenística. De acordo coa astroloxía, os fenómenos celestiais están relacionados coa actividade humana de acordo co principio de "macrocosmos e microcosmos", segundo o cal os signos representan maneiras de expresión características.[1] Os descubrimentos modernos sobre a verdadeira natureza dos obxectos celestes socavaron a base teórica para asignar significado ós signos astrolóxicos, e a investigación científica empírica demostrou que as predicións e recomendacións baseadas nestes sistemas non son precisas.[2]:85;[3]:424 A astroloxía é considerada polo xeral como unha pseudociencia.

Existen varios métodos e sistema para medir e dividir o ceo de acordo coa astroloxía, aínda que a tradición dos nomes do zodíaco e os seus símbolos mantivéronse estables. A astroloxía occidental mide dende os puntos do Equinoccio e do Solsticio (puntos relacionados cos días iguais, máis longos e máis curtos do ano tropical), mentres que a astroloxía jyotiṣa ou védica mide ó longo do plano ecuatorial (ano sideral). O movemento de precesión provocou que as divisións astrolóxicas occidentais non se correspondan na era actual coas constelacións que levan o mesmo nome,[4] mentres que as medicións jyotiṣa aínda se corresponden coas constelacións.[5]

Signos zodiacais occidentais[editar | editar a fonte]

Historia e simbolismo[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Zodíaco e Historia da astroloxía.
Os doce signos eclípticos. Cada punto sinala o comezo dun signo e están separados por 30°. A intersección do ecuador celestial e a eclíptica definen os puntos do equinoccio. Primeiro Punto de Carneiro () e Primeiro Punto de Libra (). O círculo máximo que contén os polos celestiais e os polos eclípticos (P e P'), intersecta a eclíptica en 0° Cáncer () e 0° Capricornio (). Nesta ilustración, o Sol está posicionado esquematicamente no comezo de Acuario ().

A astroloxía occidental é unha continuación directa da astroloxía helenística de acordo ós rexistros de Tolomeo no século II. Á súa vez, a astroloxía helenística estaba parcialmente baseada nos conceptos da tradición babilónica. Especialmente, a división dos doce sectores eclípticos é unha construción conceptual babilónica.[6]

No século -IV, a astronomía babilónica e o seu sistema de presaxios celestiais tivo grande influencia na cultura da Grecia antiga, ó igual que o fixo a astronomía de Exipto no século -II. Isto motivou, ó contrario da tradución mesopotámica, un forte enfoque na carta natal do individuo e a creación de astroloxía de horóscopos, facendo uso do Ascendente (o grao crecente da eclíptica no momento do nacemento.), e das doce casas. A asociación dos doce signos astrolóxicos cos catro elementos clásicos de Empédocles foi un importante desenvolvemento na caracterización dos doce signos.

O corpo da tradición astrolóxica helenística tal como estaba no século II descríbese no Tetrabiblos de Ptolomeo. Este é o traballo seminal para a tradición astronómica posterior, non só en Occidente senón tamén na India e na esfera islámica, e seguiu sendo unha referencia durante case dezasete séculos, xa que as tradicións posteriores fixeron poucos cambios substanciais nas súas ensinanzas principais.

A seguinte taboa enumera as doces divisións da lonxitude celestial, co seu nome e a coa forma na cal se inspiraron, que expresa a constelación. Os intervalos de lonxitude trátanse como pechados para o primeiro punto final ( a ) e abertos para o segundo ( b ); por exemplo, 30° de lonxitude é o primeiro punto de Touro, non parte de Carneiro. Os números de signos, do 0 ó 11, vense no canto dos símbolos nalgunhas obras astronómicas.

Calquera asociación de datas de calendario con estes signos só teñen senso cando se fai referencia ó signo astrolóxico do Sol.

Signo Símbolo Número Lonxitude eclíptica
(aλ < b)
Forma
Carneiro 0 0° a 30° O carneiro
Touro 1 30° a 60° O touro
Xémini 2 60° a 90° Os xemelgos
Cáncer 3 90° a 120° O cangrexo
León 4 120° a 150° O león
Virxe 5 150° a 180° A doncela
Libra 6 180° a 210° A balanza
Escorpión 7 210° a 240° O escorpión
Saxitario 8 240° a 270° O arqueiro (centauro)
Capricornio 9 270° a 300° A cabra
Acuario 10 300° a 330° O carrexador de auga
Pisces 11 330° a 360° O peixe

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mayo (1979), p. 35.
  2. Jeffrey Bennett; Megan Donohue; Nicholas Schneider; Mark Voit (2007). The cosmic perspective (4ª ed.). San Francisco, CA: Pearson/Addison-Wesley. pp. 82–84. ISBN 0-8053-9283-1. 
  3. Zarka, Philippe (2011). "Astronomy and astrology" (PDF). Proceedings of the International Astronomical Union 5 (S260): 420–425. doi:10.1017/S1743921311002602. 
  4. Bobrick (2005), pp. 10, 23.
  5. Johnsen (2004).
  6. Sachs (1948), p. 289. Isolated references to celestial "signs" in Sumerian sources are insufficient to speak of a Sumerian zodiac, see Rochberg (1998), p. ix.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Arroyo, Stephen (1975). Astrology, Psychology and The Four Elements. California: CCRS Publications
  • Arroyo, Stephen (1989). Chart Interpretation Handbook. California: CCRS Publications. ISBN 0-916360-49-0
  • Bobrick, Benson (2005). The Fated Sky: Astrology in History. Simon & Schuster. 369 pp.
  • Caiozzo, Anna (2003). Images of the Sky. París-Sorbona. Signs and Constellations. Arquivado 17 de abril de 2021 en Wayback Machine.
  • Eric Francis (2016). "Why Your Zodiac Sign is Not Wrong"
  • Hone, Margaret (1978). The Modern Text-Book of Astrology. Revised edition. England: L. N. Fowler & Co. Ltd. ISBN 085243-357-3
  • Johnsen, Linda (marzo de 2004). A Thousand Suns: Designing Your Future with Vedic Astrology. Yes International Publishers.
  • Mayo, Jeff (1979). Teach Yourself Astrology. Londres: Hodder and Stoughton.
  • Rochberg, Francesca (1998), "Babylonian Horoscopes", American Philosophical Society, New Series, Vol. 88, No. 1, pp. i–164. doi 10.2307/1006632.
  • Rudhyar, Dane (1943). Astrological Signs – The Pulse of Life.
  • Sachs, Abraham (1948), "A Classification of the Babylonian Astronomical Tablets of the Seleucid Period", Journal of Cuneiform Studies, Vol. 2, No. 4, pp. 271–290. doi 10.2307/3515929.
  • Sutton, Komilla (1999). The Essentials of Vedic Astrology. Inglaterra: The Wessex Astrologer Ltd.