O filme está protagonizado por Leonardo DiCaprio, que interpreta a un policía de Boston enviado a un centro psiquiátrico, situado nunha pequena illa chamada Shuter Island, para investigar a estraña desaparición dunha perigosa paciente do hospital mental. A produción comezou en marzo do 2008 e fixouse o seu lanzamento para o 2 de outubro do 2010, pero a súa produtora, Paramount Pictures, adiantou esta data e, finalmente, foi estreada o 19 de febreiro do 2010 nos EUA e en Europa.
Está considerado un dos filmes co final máis confuso, e o que máis pescudas en liña xera.[1]
No verán de 1954, os axentes federais Teddy Daniels (Leonardo DiCaprio) e Chuck Aule (Mark Ruffalo) son destinados a Ashecliffe, un perigoso hospital psiquiátrico situado nunha remota illa estadounidense chamada Shutter Island, para investigaren as estrañas circunstancias da desaparición dunha reclusa, Rachel Solando, que internara no centro mental despois de afogar os seus tres fillos.
Por outra banda, o axente Daniels acepta o caso cun interese persoal, atopar a Andrew Laeddis; o asasino da súa muller, o cal, segundo soubera Daniels, se atopa interno nese mesmo centro.
Os dous axentes comezan a facer indagacións acerca de Rachel, sen contar coa axuda do doutor John Cawley, a cabeza visible da institución, que non parece moi disposto a colaborar con eles na investigación. Por este motivo, ambos axentes deciden marchar da illa debido á falta de axuda por parte dos máximo responsable do hospital. Pero, debido a unha forte tormenta na illa, os dous axentes vense na obriga de quedaren uns días máis.
Os seguintes sucesos xirarán en torno á teoría de Daniels, na que sospeita que nese mesmo centro psiquiátrico se realizan crueis experimentos con reclusos. Pero, sen apenas descubrir o que ocorre nesa illa, o axente verase atrapado nun labirinto do que non lle será doado saír.