Shio Batmanishvili
Nome orixinal | (ka) შიო ბათმანიშვილი |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1885 Akhaltsikhe, Xeorxia |
Morte | 1 de novembro de 1937 (51/52 anos) República Socialista Soviética Autônoma da Carélia, Unión Soviética (pt) |
Superior xeral | |
1922 – 1937 (morte) | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica e comunidade católica bizantina xeorxiana |
Shio Batmanishvili[1] (en xeorxiano: შიო ბათმანიშვილი), nado en 1885 en Akhaltsikhe e executado o 1 de novembro de 1937 preto de Medvezhegorsk (RASS de Carelia, RSFS de Rusia), foi un sacerdote greco-católico xeorxiano.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Batmanishvili naceu en 1885 en Akhaltsikhe, na gobernación de Tiflis do Imperio Ruso (hoxe en Xeorxia).[2][3] Estudou no seminario de Constantinopla e posteriormente Teoloxía en Roma, sendo ordenado sacerdote en 1912.[2][3] Inicialmente exerceu o seu ministerio en Kutaisi e en Akhaltsikhe, e a partir de 1922 foi superior do mosteiro dos Servitas da Inmaculada Concepción en Constantinopla.[2][3] En 1925 foi recibido polo papa Pío XI xunto a un grupo de sacerdotes católicos orientais, e nomeado administrador apostólico (algunhas fontes indican que exarca) para os católicos xeorxianos de rito bizantino.[2][3]
O 16 de outubro de 1927 foi arrestado en Tbilisi[2] e o 16 de xaneiro de 1928 sentenciado a dez anos de traballos forzados, sen posibilidade de amnistía, baixo os artigos 58-6 e 58-12 do código penal da RSFS de Rusia, e foi enviado ao campo de Solovki, a onde chegou o 12 de febreiro.[2][3] En xullo de 1932 foi acusado de axitación antisoviética, celebrar liturxias e rituais relixiosos, e transmitir ao exterior información sobre a situación dos católicos na URSS; como resultado foi illado do resto de prisioneiros.[3] En maio de 1935 foi trasladado a traballar no ferrocarril de Kirov, e en xuño de 1936 volveu a Solovki. O 14 de outubro de 1937 foi sentenciado a morte polo Directorado do NKVD[2] e executado o 1 de novembro preto de Medvezhegorsk.[2][3][4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tamén Szijo Batmaniszwili, Sio Batmanisvili, Šio Batmanišvili, Chio Batmanisvili, Шио Батманишвили. Tamén citado como Batmalashvili, no que semella un erro de transcrición.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Dzwonkowski, Roman (1998). Losy duchowieństwa katolickiego w ZSSR 1917-1939: martyrologium (en polaco). Towarzystwo Naukowe Katolickiego Uniwersytetu Lubelskiego. pp. 153, 579. ISBN 9788386668670.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Чаплицкий, Бронислав; Осипова, Ирина Ивановна (2000). Книга памяти: мартиролог Католической церкви в СССР (Kniga pamiati: martirolog Katolicheskoi tserkvi v SSSR) (en ruso). Серебряные нити (Serebrianye niti). p. 19).
- ↑ Riccardi, Andrea (2000). Il secolo del martirio (en italiano). A. Mondadori. p. 52. ISBN 9788804476870.