Shakespeare destilado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Shakespeare destilado
Título orixinal Shakespeare destilado
Autor/a Xesús Constela
Orixe Galiza
Lingua Galego
Xénero(s) Narrativa
Editorial Editorial Galaxia
Data de pub. 2008
Páxinas 188
ISBN 978-84-9865-134-8

Shakespeare destilado é unha novela de Xesús Constela publicada en 2008, por Editorial Galaxia.

Concibida coma o longo monólogo dun home bébedo, acadou no ano 2008 o Premio Manuel García Barros, organizado polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación de Pontevedra.

Descrición[editar | editar a fonte]

Na novela o autor manexa a linguaxe coloquial, co seu ritmo ás veces sincopado, as súas reviravoltas e o seu sentido do humor, para narrar a historia de Willy, un personaxe que teima en construír a maqueta dunha cidade dentro do piso onde vive enclaustrado e onde se estimula a base de gin tonics e lecturas dos Sonetos de Shakespeare.

O contraste -contrapuntístico e musical- entre a linguaxe informal do monólogo e as alusións á literatura, a mestura entre o delirio etílico e o delirio literario, entre o sublime da alta literatura dos sonetos e a vida ruín e desleixada do protagonista, acada enorme forza narrativa, crea un efecto burlesco que cuestiona o status da ficción, a verosimilitude e mesmo o papel do autor como creador todopoderoso.

A historia de Willy é a historia da construción da maqueta, que a personaxe vai erguendo casa a casa e rúa a rúa ata que a cidade enteira e os seus habitantes cobran vida.

Metáfora burlesca da literatura, Shakespeare destilado é unha novela que procura a diversión do lector, que aproveita o relato para reflexionar sobre o poder da literatura, sobre todo como gozar dela sen perder a liberdade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]