Segundo Leonardo Pérez López
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de decembro de 1948 (76 anos) Guitiriz, España |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade Pontificia de Salamanca |
Actividade | |
Ocupación | arquiveiro |
Segundo Leonardo Pérez López, nado no Buriz, Guitiriz o 8 de decembro de 1948, é un historiador e teólogo galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou filosofía no Seminario Diocesano de Mondoñedo e na Universidade Pontificia de Salamanca onde se doutorou en 1983. Ampliou estudos en Roma e foi investigador do Arquivo Secreto do Vaticano. Foi tamén investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas de Madrid. Foi profesor da Universidade Pontificia de Salamanca e do Instituto Teolóxico Compostelán e do Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas dos que foi director. É catedrático de antropoloxía teolóxica, cóengo da catedral de Mondoñedo[1] e desde 2009 capelán da Orde de Malta para Galicia e Asturias.[2]
Foi membro do consello redactor das revistas Cuadernos de Estudios Gallegos, Encrucillada, Boa Nova e fundador e director da revista Estudios Mindonienses e director da revista Rudesindus. Miscelánea de Arte e Cultura. Membro da Academia Galega de Historiadores e do Instituto de Estudios Viveirenses e presidente da Academia de San Rosendo.[3]
Publicou estudos sobre a Historia da Igrexa galega, a relixiosidade tradicional galega, as peregrinacións xacobeas, o labor social da emigración, o monacato galego e o desenvolvemento cultural galego. Reivindicou a San Rosendo de Celanova e a Aldara de Celanova como figuras claves na configuración histórica do país galego. O seu pensamento teolóxico é próximo a Joseph Ratzinger.[4]
En novembro de 2011 foi nomeado arquiveiro da Catedral de Santiago de Compostela. Máis tarde, foi designado deán desa mesma catedral e tomou posesión do seu cargo en xaneiro de 2013.
Obra
[editar | editar a fonte]- O Buriz. Anacos da memoria (2008), Instituto Teolóxico Compostelán. ISBN 978-84-9362-412-5.
- A escola habanera dos Vilares (Guitiriz) (2008), Instituto Teolóxico Compostelán. ISBN 978-84-9362-411-8.
- Unha visita á terra de Parga en 1613 (2019), Xerión. ISBN 978-84-120210-8-0.
- La diócesis de Mondoñedo vista por sus obispos (2019), Instituto Teolóxico Compostelán. ISBN 978-84-120359-3-3.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ La Academia mirará al pasado para, a partir de aí, pensar el futuro de Galicia Arquivado 05 de decembro de 2014 en Wayback Machine. La Voz de Galicia, 25/11/2010.
- ↑ El teólogo y canónigo Segundo Leonardo Pérez López ha sido investido nuevo capellán de la Orden de Malta La Voz de Galicia 29/11/2010.
- ↑ "«Estudios Mindonienses», a mirada cristiá ante a historia" La Voz de Galicia, 18/7/2007.
- ↑ Segundo Pérez López, José Manuel Sánchez Caro. Ser cristiano en el siglo XXI: reflexiones sobre el cristianismo que viene. Salamanca, 2001. ISBN 84-7299-509-7