Señorío de Balaguer
O Señorío de Balaguer é un título nobiliario, que creado por primeira vez polo rei Afonso V de Aragón, actualmente é un dos títulos vinculados tradicionalmente ao herdeiro da Coroa de España, sendo a súa titular Leonor de Borbón.
Historia
[editar | editar a fonte]Título creado en 1418 polo rei de Aragón Afonso o Magnánimo para o seu irmán Xoán vinculado simbolicamente á cidade que fora capital do suprimido condado de Urgell, o dominio do gran rival dos Trastámara pola posesión da coroa durante o interregno de Xaime de Urgell. Cando Xoán herdou o trono do reino en 1458 outorgou este título ao seu segundoxénito, o infante Fernando, que o ostentou cando se presentou para acceder ao trono en 1479. Dende entón foi un título propio dos herdeiros da Coroa de Aragón, sempre unido ao de Príncipe de Xirona.
Situación actual
[editar | editar a fonte]Dende o 21 de xaneiro de 1977 os títulos do herdeiro da antiga Coroa de Aragón ostentados de feito polo príncipe Filipe de Borbón, se ben o real decreto de nomeamento (RD 54/1977, BOE do 22 de xaneiro de 1977) especifica de forma explícita o de "Príncipe de Asturias e outros títulos vinculados tradicionalmente ao sucesor da Coroa de España". En cuestión sucesoria, a Constitución española de 1978 (título II, art.º 57.2) indica: O Príncipe herdeiro, dende o seu nacemento ou dende que se produza o feito que orixine o chamamento terá a dignidade de Príncipe de Asturias e os demais títulos vinculados tradicionalmente ao sucesor da Coroa de España.
En 1990, nunha visita oficial a Balaguer, o Príncipe Filipe de Borbón asumiu o título nunha cerimonia de homenaxe popular. Dende a supresión da Coroa de Aragón a principios do século XVIII é o primeiro herdeiro real que o ostenta, se ben non fixo uso público del salvo nas ocasionais visitas a Cataluña e na cerimonia da súa voda.
O 19 de xuño de 2014 accede ao trono tras a abdicación do seu pai Xoán Carlos I co nome de Filipe VI, polo que a súa filla, Leonor de Borbón herdou todos os títulos vinculados ao herdeiro da Coroa e que antes pertencían ao seu pai.