Amaro (beato)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Santo Amaro")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Amaro
SaintAmaro-SanAmaro.JPG
Nacemento1522
Falecementovalor descoñecido
Relixióncristianismo
Ocupaciónrelixioso
editar datos en Wikidata ]

Amaro (coñecido coma Santo Amaro) foi un abade e navegante que segundo a tradición realizou unha atarefada viaxe polo mar até o Paraíso Terreal, na que, atravesando o Océano, protagonizou cos seus compañeiros innumerábeis aventuras. É moi loado en Galicia, onde se venera o 15 de xaneiro. É patrón dos eivados.

Existen dous personaxes históricos que puideron servir de base para o mito: Un deles foi un penitente francés, Amaro, que no século XIII peregrinou a Santiago de Compostela e que á súa volta se estableceu en Burgos, dedicando dende aquela os seus coidados aos doentes pobres e aos peregrinos no Hospital del Rey (fundado contra o ano 1195 por Afonso VIII). O outro candidato é Mauro de Anjou, discípulo de San Bieito de Nursia, e que fundou o primeiro mosteiro bieito da historia de Francia.

Sexa como for, arredor da figura do Amaro histórico aglutínanse toda unha sorte de tradicións pagás cristianizadas presentes en Galicia e Asturias, relacionadas cos immrama (viaxes ás illas paradisíacas do Occidente) irlandeses, e que ligan a historia deste santo coa de abades doutros países do Arco Atlántico como San Brandán, así como con mitos pagáns dos que as viaxes de Máel Dúin e Bran mac Febal constitúen bos exemplos.

Aínda Santo Amaro é hoxe venerado en multitude de ermidas galegas, especialmente no concello ourensán de San Amaro. Tamén na pequena aldea do concello de Castrillón en Asturias, que leva o seu nome. En Portugal venérase en Coímbra e Viseu onde se lle ofrecen piñas, noces e figos secos; e tamén na parroquia de Ponta Delgada e en Beja.

O dito popular di: Polo santo Amaro andan os trompos polo tellado[1].

O periplo de Santo Amaro[editar | editar a fonte]

Segundo relatan as crónicas, Santo Amaro era un nobre pío de Asia que vivía obsesionado coa idea de visitar o Paraíso Terreal. Con esta fin, preguntaba a todos os seus hóspedes sobre a maneira máis axeitada de chegar a el. Ao non recibir unha resposta satisfactoria abandonouse á desesperación e ao pranto, até que unha noite Deus se lle apareceu e reveloulle como acadar o seu obxectivo: Construíndo unha barca e seguindo con ela o camiñar do Sol a través do Océano.

Téndose lanzado ao mar, navegou durante sete días e sete noites até chegar á Terra Deserta. Era esta un país ubérrimo que contaba con cinco cidades habitadas por homes xotos e horríbeis e mulleres moi fermosas. Logo de ter pasado seis meses nesta terra unha voz exhortouno en soños a desleixar esta terra maldita por Deus.

Tras facerse á vela, navegou polo Mar Vermello até que chegaron á Fonte Clara, onde a xente era fermosísima e vivía unha vida plácida que duraba trescentos anos. Amaro ficou en tal lugar durante tres semanas até que unha muller anciá aconsellouno abandonar a illa para non se acostumar á boa vida.

Unha vez partiron da illa, navegaron durante moito tempo sen saber onde estaban até que divisaron uns barcos que creron que poderían auxilialos. Mais cal sería a súa sorpresa que cando arribaron ás naves atopáronas invadidas por monstros que levaban os cadáveres ás profundidades: Chagaran ao Mar Callado. Amaro non soubo nese intre como saír do transo, mais daquela aparecéuselle unha muller nunha visión que, acompañada doutras doncelas, dille de verter o contido dos pelellos de viño e aceite ao mar, e despois diso deberían enchelos de ar. Así fixeron os freires e o barco logrou saír do Mar Callado.

Tres días despois arriban á Illa Deserta, habitada por bestas salvaxes e hostís cara os homes. Aló atoparon un ermitán que lles di que a vida na illa é case imposíbel por mor das bestas que alí moran, que se aniquilan en combate o día de San Xoán, ficando o fedor dos seus cadáveres durante todo o ano. O ermitán forneceunos de todo o que cumprían e encomendounos marchar cara Oriente, onde hai unha terra moi fermosa que satisfacería todas as súas necesidades.

Partiron logo cara aquel lugar o día seguinte e chegaron ao seu destino á hora sexta (as tres da tarde). Atopáronse perante un fermoso mosteiro chamado de Valdeflores, do que saíu a recibilos un freire de de cabelos con canas chamado de Leónites. Este comunica a Amaro que recibira a nova da súa chegada a través dunha visión, e despois diso deulle instrucións sobre como acadar o Paraíso Terreal: diríxase coa súa barca cara un peirao onde debe ficar un mes, despois diríxase a un vasto e fragoso val, onde acadará os seus arelos. Tras concluír a súa parola Leónites bótase a chorar, laiándose de ter atopado o home que máis quería neste mundo e que agora vaino abandonar. Pero nese intre chega Baralides, unha muller de vida santa que agasalla a Leónites unha póla da árbore do conforto que é, xunto coa árbore do amor doce, unha das árbores do Paraíso Terreal. Con iso Leónites fica consolado.

Santo Amaro encamiñouse ao lugar indicado por Leonites, onde permaneceu un mes. Unha vez transcorrido este tempo abandonou os seus compañeiros e dirixiuse cara o cobizado Val. Tras procurar durante dous días chega a un mosteiro feminino situado nun cumio e que se chamaba de Flor de Donas. Alí chegara uns días antes Baralides, que tiña o costume de comungar coas irmás na Pascua de Resurrección, polo Nadal e na Cinquesma. O santo ficou naquel lugar durante 17 días nos que recibiu instrucións de Baralides para chegar ao Paraíso Terreal.

Santo Amaro no Paraíso[editar | editar a fonte]

Por fin, ambos partiron cara aquel lugar, e tras atravesar unha ampla serra chegaron aos confíns do Paraíso Terreal. Alí Santo Amaro recibiu un hábito branco, elaborado por Bríxida, sobriña de Baralides que vivía no Paraíso Celta. Nese intre, Amaro despediuse de Baralides e avanzouse en solitario pola ribeira do Paraíso.

O que ollou non puido ser máis encandeante: perante del erguíase un enorme castelo construído con pedras e metais preciosos, con ameas de ouro e torres de rubí así como muros multicores cuxos tixolos por veces eran brancos e por outras de cores zafiro e esmeralda. Amaro achegouse á entrada e petou na porta. No momento o porteiro do castelo sae e dille que o que ten ante os seus ollos é o Paraíso Terreal, e como ser humano ten prohibida a entrada. O santo pregoulle que lle deixase seguir ollalo un chisco a través da fenda da fechadura.

A sentinela accedeu e perante os ollos de Amaro amosáronse todas as marabillas do Paraíso: Viu a árbore da que comera Adán así coma verdes pradeiras onde imperaba unha primavera eterna e das que abrollaba un recendo delicioso. Asemade ollou árbores enormes cuxas copas non podían verse e nas que pousaban paxaros cuxo chío era tan suxestivo que se se lles escoitase durante mil anos semellaría un só día. Por todos sitios deambulaban rapaces con instrumentos cuxa música era indescritíbel, así como belas doncelas ataviadas con grilandas e vestidos brancos que andaban arredor da máis fermosa delas, a Virxe María.

Santo Amaro prega logo á sentinela que lle deixe entrar. O porteiro, porén, rexéitao e dille que durante a súa breve visión transcorreran 300 anos. Amaro regresa entón ao porto onde deixara aos seus compañeiros e cal foi a súa sorpresa que atopou unha cidade que levaba o seu nome. Tras lles contar a súa historia, os moradores recoñecérono e construíronlle unha casa á beira do mosteiro de Valdeflores, onde viviu uns anos até finar. Foi soterrado xunto a Baralides e a súa sobriña, Bríxida.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Santo Amaro venérase o 15 de xaneiro

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fernando Sánchez Dragó, Gargoris y Habidis. Una historia mágica de España, Madrid, Editorial Hiperión, 1985
  • M.C. Díaz y Díaz, Visiones del Más Allá en Galicia durante la Alta Edad Media, Santiago de Compostela, Artes Gráficas Galicia, 1985

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]