San Martiño de Ozón, Muxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°05′06″N 09°09′58″O / 43.08500, -9.16611

San Martiño de Ozón
Capela do Pilar, Suxo, Muxía.jpg
Capela da Virxe do Pilar, en Suxo
Concello Muxía
Poboación 947 hab. (2009)
Entidades de poboación 20

San Martiño de Ozón é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Muxía. Segundo o INE en 2009 tiña 947 habitantes (509 mulleres e 438 homes) distribuídos en 29 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2004, cando tiña 987 habitantes, e 1999 cando tiña 1080 habitantes.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Igrexa de San Martiño de Ozón[editar | editar a fonte]

A igrexa de San Martiño de Ozón é de orixe románica, aínda que as reformas dos séculos XVII e XVIII mudaron completamente o seu aspecto. Da primeira época consérvanse dúas ábsidas circulares: a central e a lateral da parte sur. Á ábsida central, cuberta con bóveda de canón, accédese a través dun arco triunfal de medio punto, apoiado sobre dúas columnas que rematan en sendos capiteis. A ábsida lateral sur é máis pequena.

A ábsida norte foi substituída en 1708 por unha construción rectangular, rachando a simetría da cabeceira. A modificación foi levada a cabo polo Pai Velasco, segundo consta nunha inscrición no interior da igrexa. O lugar foi ocupado pola capela de San Miguel, pasando máis tarde a ser a do Rosario. En 1964, dita ábsida foi derrubada parcialmente para ampliala cun novo cerramento de ladrillo.

No exterior hai dúas partes diferenciadas. Dunha banda os muros laterais e a fachada, cun campanario barroco. Doutra banda está a cabeceira, cunha fiestra con dúas columnas acodilladas na ábsida central e diversos canzorros nas cornixas das dúas ábsidas semicirculares. Na cornixa central aprécianse dúas rosetas da época románica.

No interior do templo foron soterrados varios membros da familia dos Lema, como Alonso de Lema de Quintáns en 1595 (que fixo a primeira sepultura de dotación dentro da igrexa), e Ana Álvarez de Carantoña, muller de Isidro Vázquez de Lema. A nave central atópase cuberta por lousas funerarias en toda a súa superficie.

Mosteiro de San Martiño de Ozón[editar | editar a fonte]

Igrexa de San Martiño de Ozón.

O mosteiro de San Martiño de Ozón foi construído, ao parecer, polos membros do mosteiro de Santa María de Tosto, da orde de San Bieito, que decidiron mudarse debido ós continuos saqueos sufridos no edificio da parroquia de Xaviña (Camariñas). Este feito provoca certa confusión respecto á denominación orixinal do lugar, que algúns autores refiren como Santa María de Ozón.

Os primeiros documentos coñecidos onde se cita a existencia do mosteiro xa inclúen na súa descrición a denominación de "Martinum de Ouson", "Sancti Martini de Ozon", etc. En 1302 o testamento de Frei San Juan lega ao mosteiro 200 soldos no auto de profesar a regra de San Francisco. En 1334 Leonor González, muller de Luís Soga de Lobera, fai firme no seu testamento a doazón que fixera con anterioridade ao mosteiro de Ozón para que os seus frades lle nomeen a súa alma, segundo se ve nun documento conservado no Tumbo do mosteiro de Toxos Outos (Lousame).

Apenas se conservan restos do edificio primixenio, aínda que algúns dos vestixios que prevalecen corresponden á épocas comprendidas entre os séculos XII e XIII[1]. A entrada ao mosteiro é un pasadizo con arco oxival entre o muro sur da igrexa e o muro que fai de cerca á horta da casa reitoral. Tamén no muro sur da igrexa hai un arco tapiado similar ao anterior, onde estaba a porta da comunicación do cenobio coa igrexa. O conxunto subdivídese en catro grandes construcións das cales dúas pertencen ó século XVIII, momento de auxe para a vida eclesiástica.

Capela da Virxe do Pilar[editar | editar a fonte]

A capela da Virxe do Pilar de Suxo foi construída en 1902.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de San Martiño de Ozón[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de San Martiño de Ozón no concello de Muxía (A Coruña)

Agranzón | Álvaro | A Casa do Monte | Castelo | Castiñeiro | Cebráns | Fumiñeo | A Gatarante | Merexo | Ozón | A Pedreira | Peropombo | Quintáns | A Raposa | San Martiño | Señores | Suxo | Vilar de Sobremonte | O Vilarvello | Vilela

Parroquias de Muxía[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Muxía

Bardullas (San Xoán) | Caberta (San Fins) | Coucieiro (San Pedro) | Frixe (Santa Locacia) | Leis de Nemancos (San Pedro) | Moraime (San Xulián) | Morquintián (Santa María) | Muxía (Santa María) | Nemiña (San Cristovo) | Nosa Señora da O (Santa María) | San Martiño de Ozón (San Martiño) | Santiso de Vuiturón (San Tirso) | Touriñán (San Martiño) | Vilastose (San Cibrán)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eva, Fernández García, (2016-01-01). "Monasterio de San Martiño de Ozón: pasado, presente y futuro". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bello Mato, Ricardo (2013): Mosteiro de San Martiño de Ozón (Muxía).

Outros artigos[editar | editar a fonte]