Samantha Maloney
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de decembro de 1975 (48 anos) Queens, Estados Unidos de América |
Actividade | |
Ocupación | música |
Xénero artístico | Hard rock |
Instrumento | Batería |
Selo discográfico | Equal Vision Records (pt) |
Páxina web | samanthamaloney.com |
|
Samantha Maloney, nada en Nova York o 11 de decembro de 1975, é unha batería estadounidense. É coñecida por tocar nas bandas Hole, Mötley Crüe, Eagles of Death Metal e Peaches.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Samantha recibiu a súa primeira batería con 5 anos. Aos 14 entrou na Fiorello H. LaGuardia High School of Music & Art e na Performing Arts in New York City, e durante os tres anos seguintes estudou percusión intensamente.
Aos 16 anos foixo unha audición para a banda de post-hardcore Shift como batería de reposto, pero a banda deulle o posto de batería permanente. Mentres tocaba en Shift, Maloney destacou no equipo de baloncesto do seu instituto, e en 1993 tivo que decidirse entre seguir xogando cunha bolsa de estudos ofrecida pola universidade ou continuar tocando con Shift. Samantha elixiu permanecer na banda que editou dous álbums a través do selo Equal Vision Records en 1994 e 1995. Dous anos despois Shift asinou un contrato con Columbia Records e realizou a súa estrea cunha grande discográfica lanzando o álbum Get In.
En 1998 ofrecéronlle unha audición para ser batería da banda dos Ánxeles Hole, para substituír a Patty Schemel. Foi aceptada na banda polo que deixou Shift para unirse a Hole no seu momento de popularidade máis alto.
No ano 2000 Hole atopábase en hiato e a Maloney ofrecéronlle tocar en Mötley Crüe, debido a que o seu batería, Randy Castillo, atopábase enfermo neses momentos. Cando rematou a xira de Mötley Crüe en xaneiro do 2001, Maloney trasladouse de Nova York a Os Ánxeles para continuar a súa carreira musical.
No 2002, Maloney, xunto con Melissa Auf der Maur, Paz Lenchantin e Radio Sloan crearon unha nova banda chamada The Chelsea. O supergrupo só realizou un único concerto separándose ao pouco tempo.
Despois de ter traballado para outros, a batería decidiu compoñer o seu propio álbum, e a mediados do 2003 comezou a rexeitar concertos co obxectivo de comezar o seu proxecto en solitario, tocando só o 7 de xullo do 2004 coa banda Scarling.
No 2004, cando rematou o seu primeiro feixe de temas, Maloney foi convidada por Courtney Love para voar a Francia e tocar na súa estrea en solitario, America's Sweetheart. Ao regresar aos Estados Unidos, convidárona a formar unha banda en directo para Courtney Love, xunto con Radio Sloan e Lisa Leveridge nas guitarras e Dvin no baixo. Despois de tocar coa banda durante unhas semanas Love decidiu chamar á súa nova banda "The Chelsea" polo anterior proxecto de Maloney. Posteriormente entraría na banda a violinista Emilie Autumn e despois duns poucos concertos entrou en hiato.
Porén, Maloney foi contactada polo seu vello amigo Josh Homme para tocar no seu proxecto paralelo Eagles of Death Metal. Maloney aceptou e xirou coa banda sendo abreconcertos de Queens of the Stone Age por todo o mundo.
No 2006 Samantha xirou coa banda en directo de Peaches, The Herms, xunto co JD Samson e con Radio Sloan para promocionar o seu álbum Impeach My Bush.
En xaneiro do 2009 Samantha uniuse a Allison Robertson (de The Donnas) e a Corey Parks (ex-integrante de Nashville Pussy) para formar "The Chelsea Girls", unha banda de versións. O nome está sacado dunha película de Andy Warhol e a súa intención era a de tocar grandes himnos de artistas como AC/DC, Judas Priest, Blondie ou Madonna. Nas súa actuacións contaron con convidados como Lemmy de Motörhead e Carmen Electra.