Eric Erlandson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Eric Erlandson
Eric Erlandson 2012 NYC.jpg
Nome completoEric T. Erlandson
Nacemento9 de xaneiro de 1963 (56 anos)
OrixeOs Ánxeles (California) Flag of the United States.svg
Ocupaciónmúsico, autor-compositor e guitarrista
Instrumento(s)guitarra
Selo(s) discográfico(s)Geffen Records
Relacionado conHole, Rodney & the Tube Tops, RRIICCEE
Tempo en activo1989 - actualidade
editar datos en Wikidata ]

Eric T. Erlandson, nado o 9 de xaneiro de 1963 nos Ánxeles (California), é un músico estadounidense coñecido por ser cofundador e guitarrista da banda de rock alternativo Hole.

Biografía[editar | editar a fonte]

Erlandson naceu e medrou en San Pedro, un distrito dos Ánxeles. A súa familia é procedente de Suecia. Durante os seus anos de universidade traballou na cadea de tendas de discos Licorice Pizza. Posúe un título de grao en económicas, coa especialización en mercadotecnia, obtido na Loyola Marymount University, onde o seu pai, Theodore Erlandson, foi decano.

Antes de formar Hole, Erlandson traballou na Capitol Records. Tiña amizade con Kurt Cobain e Courtney Love e chegou a sair coa actriz Drew Barrymore, que é a madriña da filla de Cobain e Love, Frances Bean. Tamén tivo unha relación coa baixista de Hole Kristen Pfaff, que morreu dunha sobredose de heroína dous meses despois da edición do segundo álbum da banda, Live Through This.

Hole[editar | editar a fonte]

A mediados de 1989 Eric respondeu a un anuncio posto por Courtney Love na revista Flipside e xunto coa baixista Lisa Roberts, irmá da actriz Julia Roberts, formarían Hole. Realizarían os seus primeiros concertos coa batería Caroline Rue e o guitarrista Mike Geisbrecht. Roberts foi substituída por Jill Emery e Geisbrecht deixaría a banda antes da gravación do seu primeiro álbum, Pretty on the Inside, aparecido en 1991.

Pretty on the Inside chegou a ter bastante éxito no underground británico. Rue deixou a banda en abril de 1992 e entraron no grupo a batería Patty Schemel e a baixista Kristen Pfaff. Hole asinou un contrato con selo DGC en 1992, e un ano despois comezou a gravar o seu álbum Live Through This.

En maio do 2002 Eric e Courtney Love anunciaron oficialmente a disolución de Hole a través da súa páxina web, indicando que "non gravarían ou xirarían máis xuntos".

No ano 2009, Love anunciou que o seu seguinte álbum en solitario, Nobody's Daughter, sería editado baixo o nome de Hole e falou dunha reunión da banda, co guitarrista Micko Larkin substituíndo a Erlandson. Auf der Maur foi a primeira en responder á noticia, dicindo que iso poñía en perigo unha reunión real de Hole, e Erlandson afirmou que el e Love "tiñan un contrato". Posteriormente revelouse que ese contrato era para previr calquera reforma sen que ambos estivesen involucrados.

Outros proxectos[editar | editar a fonte]

Durante 1996, Erlandson formou un proxecto de curta vida, Rodney & the Tube Tops, con Thurston Moore de Sonic Youth e outros músicos. Editaron un sinxelo, "I Hate The '90s", e o proxecto disolveuse pouco despois. Cando Hole se desfixo, compuxo temas coa actriz Bijou Phillips e colaborou no álbum de estra en solitario de Melissa Auf der Maur, titulado Auf der Maur, tocando a guitarra na canción "Would If I Could". Saiu de xira coa banda do seu amigo Bill Bartell, White Flag, e actuou dúas veces cun grupo onde estaba o vocalista John Wolfington e o batería Blackie Onassis de Urge Overkill. No 2007, Erlandson formou o proxecto de improvisación RRIICCEE, co seu veciño Vincent Gallo. A banda xirou polos Estados Unidos e Canadá, e tocaron no Fuji Rock Festival en Xapón. Erlandson entón deixou o grupo.

O 31 de outubro do 2010, Erlandson actuou cunha nova banda, Empty Bird, no Show Cave de Los Angeles. Na actualidade está compoñendo cancións coa icona folk Donna Carson.