Salvador Barbeito Doval

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Salvador Barbeito Doval
Nacemento1 de setembro de 1946
Lugar de nacementoPortonovo
Falecemento4 de xullo de 1976
Lugar de falecementoBuenos Aires
NacionalidadeArxentina e España
Ocupacióncatequista
editar datos en Wikidata ]

Salvador Barbeito Doval, nado en Portonovo (Sanxenxo), 1 de setembro de 1946 e finado o 4 de xullo de 1976 en Buenos Aires (Arxentina), foi un docente e relixioso palotino de orixe galega e nacionalidade arxentina asasinado canda outros catro membros da Sociedade do Apostolado Católico no chamado "Masacre de San Patricio".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade e formación[editar | editar a fonte]

Naceu en Portonovo (Sanxenxo), fillo de Salvador Barbeito Martínez, mariñeiro, e Rosario Doval Solís.[1] Xunto cos seus pais e unha irmá máis nova, emigrou á Arxentina en 1949 instalándose en Lanús, antes de trasladarse á Buenos Aires. Ingresou no Seminario Menor e, logo, en 1965 completou a súa formación eclesiástica no Seminario Maior da arquidiocese de Buenos Aires. Tamén fixo estudos de Filosofía e Pedagoxía no Centro Superior de Educación Católica para exercer como profesor.[2]

Participou como catequista en diferentes colexios e na parroquia de San Patricio, levada polos palotinos irlandeses, onde tamén lideraba un grupo xuvenil chamado Ateneo. Profesionalmente, con 27, en 1974, asumiu a reitoría do colexio San Marón da capital arxentina, ligado á Igrexa Católica Maronita. Decidido a ordenarse como sacerdote, en novembro de 1975, ingresou no noviciado palotino que a comunidade do Sociedade do Apostolado Católico abrira en San Patricio.[3]

Asasinato[editar | editar a fonte]

Fotografía forense dos corpos dos falecidos na Masacre de San Patricio e a tira de Mafalda

Logo do golpe de Estado contra María Estela Martínez de Perón, e a implantación da ditadura militar, o párroco de San Patricio, padre Kelly, fixo unha homilía na que alertaba da deterioración da convivencia cívica e a pobreza. As súas palabras foron polémicas entre algúns sectores do barrio de Belgrano e sinalou á comunidade palotina.[4][1]

Na madrugada do 4 de xullo de 1976 foron asasinados os membros da comunidade palotina de San Patricio na reitoral da parroquia, na rúa Etcheverría con Estomba. Os cadáveres foron atopados polo organista á primeira hora da mañá aliñados e boca abaixo, sobre o corpo de Salvador Barbeito fora colocada unha tira de Mafalda na que se sinalaba a unha porra dicindo "este é o pauiño de abolar ideoloxías". Con xiz escribírase na porta "Polos camaradas dinamitados en Seguridade Federal. Venceremos! Viva a Patria!" en referencia a un atentado dos Montoneros contra unha comisaría de policía uns días antes. E, tamén, nunha alfombra "Estes zurdos morreron por seren adoutrinadores de mentes virxes e son M.S.T.M" en referencia á corrente Movemento de Sacerdotes do Terceiro Mundo, que dentro da Igrexa católica arxentina buscaba participar na renovación teolóxica de logo do Concilio Vaticano II incidindo na reivindicación social.[5][6] O episodio, coñecido co nome da "Masacre de San Patricio" foi o maior ataque violento contra a Igrexa Católica na Arxentina.[7]

As investigacións xudiciais posteriores non lograron aclarar os feitos, aínda que se considera que o asasinato foi responsabilidade dun grupo de tarefas da Escola de Mecánica da Armada.[8]

Considerados mártires pola súa orde, en 2005 o entón cardeal arcebispo de Buenos Aires, Jorge Bergoglio, logo papa Francisco, impulsou a súa beatificación facéndose eco das peticións de canonización que existían na Arxentina dende 2001.[9][10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Los Barbeito reclaman Justicia treinta años después". www.lavozdegalicia.es. Consultado o 2021-12-08. 
  2. "Salvador Barbeito Doval" (en castelán). Consultado o 2021-12-08. 
  3. "Salvador BARBEITO DOVAL (1946-1976)". SAC (en italiano). Consultado o 2021-12-08. 
  4. Sur, Asociación Civil Rumbo (2018-03-13). "Palotinos de la parroquia San Patricio". Rumbo Sur (en castelán). Consultado o 2021-12-08. 
  5. "Masacre de los Palotinos: 45 años sin justicia". Vida Nueva - Revista y portal de noticias religiosas y de Iglesia (en castelán). 2021-07-03. Consultado o 2021-12-08. 
  6. Vedia, Mariano De (2021-07-05). "Los misterios jamás resueltos de la Masacre de San Patricio, uno de los ataques más sangrientos contra la Iglesia argentina". La Nación (en castelán). ISSN 0325-0946. Consultado o 2021-12-08. 
  7. "Masacre de los Palotinos: 45 años sin justicia". Vida Nueva - Revista y portal de noticias religiosas y de Iglesia (en castelán). 2021-07-03. Consultado o 2021-12-08. 
  8. Villar, Carmen (2010-05-23). "Un gallego tiroteado en Argentina por 'zurdo'". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2021-12-09. 
  9. Clarín.com (2005-07-29). "Impulsan la canonización de cinco religiosos asesinados por la dictadura". Clarín (en castelán). Consultado o 2021-12-08. 
  10. Romero, Santiago (2013-03-15). "El santo gallego del Papa". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2021-12-08. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]