Salomon Israel Cherezli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Salomon Israel Cherezli
Shelomo-Israel-Cherezli.jpg
Nacemento1878
 Xerusalén
Falecemento27 de marzo de 1938
SoterradoCemiterio xudeu do Monte das Oliveiras
Ocupaciónimpresor
editar datos en Wikidata ]

 Salomon Israel Cherezli, nado en Xerusalén o 20 de marzo de 1878 e finado na mesma cidade o 27 de marzo de 1938, foi un libreiro, editor, tradutor, escritorxornalista xudeu,  figura central da cultura xudoespañola en Xerusalén na primeira metade do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia da elite sefardí de Xerusalén, orixinaria de Serres  (Grecia ), de onde lle vén o patronímico. Seu pai era rabino e súa nai era tamén filla de rabino, xefe do comité sefardí de Xerusalén.

Cherezli estudou nun cheder, e a continuación nunha escola da Alizanza Israelita Universitaria. De novo foi membro de círculos sefardís vencellados á promoción do hebreo, e implicouse nas actividades do sionismo hebreo, e nesa época comezou a escribir e traducir en xudeoespañol, a lingua principal dos sefardís en Xerusalén e no conxunto do  Imperio Otomán, publicando en revistas literarias.

No ano 1898 estableceu a librería Sayich, e estivo entre os pioneiros en distribuír literatura secular na cidade. En 1901, xunto con Taragan Ben-Siyón fundou a Güerta de Yerushaláyim, un anuario que se mantivo dous anos, e onde se publicaron colectáneas de traducións de novelas europeas. En 1904 mercou xunta Taragan a imprenta de Eliezer Ben-Yehuda, converténdose en editor dos periódicos dirixidos por Ben-Yehuda HaZvi e Haskafa e do primeiro volume do seu dicionario. Ao ano seguinte Taragan marchou a Exipto e Salomon quedou como único propietario da imprenta. En 1909 fundou o xornal El Paradiso que se publicaba en tres edicións: hebreo, xudeoespañol e yiddish.

Como editor foi un dos primeiros en publicar literatura secular en Xerusalén, a maioría dos libros editados fórono en xudeoespañol, ata totalizar 63 títulos[1], converténdose canda Moshé Azriel no principal editor de libros ladinos na cidade. A produción da súa casa editorial consistía basicamente en novelas e historias que se publicaran serializadas na prensa de Esmirna, propiedade de Alexandre Ben Guiat, e na súa maioría eran traducións da mellor literatura internacional. Amais tamén imprimiu literatura hebrea secular e rabínica, arredor de 50 títulos[2].

Tamén escribiu literatura orixinal e traducións, ás veces adaptadas, entre elas El rey i el shastre : novelah de lah vidah G'udiah en Galisia[3] (1903) de N. N. Samueli, Esperansa de un ipokrita y el arebividor de los muertos(1901) de Ḥ. E Mushḳaṭ. Adaptou de Tolstoi o conto Ožo vazio (1895). Do francés traduciu, Maraviosos akontesimientos de el kapitan Korkoran, novela de Alfred Assollant. El bezero (1905) é unha adaptación dunha lenda xudía. Compilou un dicionario xudeoespañol-francés, Nuevo chiko diksyonaryo judeo-espanyol franses (1898-1899) mais unha colección de proverbios, Refranes[4], e serviu como correspodente en Xerusalén da prensa ladina de TurquíaGrecia. Deixou dous proxectos inacabados, un dicionario xudeoespañol-hebreo e unha enciclopedia de ciencias [5].

Durante a Primeira Guerra Mundial as autoridades otománs obrigárono a vender a súa casa editora. Tivo que servir tamén no exército otomán en Anatolia e no tempo libre ensinou hebreo á comunidade xudía.  Tras a guerra volveu a Xerusalén e estableceu unha pequena librería e implicouse en actividades de caridade e fundou unha asociación para proporcionar tratamento médico aos pobres. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tidhar, D. (1947). Entsiklopedyah le-halutse ha-yishuv u-vonav (Vol. 2, p. 835)
  2. "שלמה ישראל ורחל שיריזלי (הסבא דור ראשון" malon.co.il
  3. Os títulos das súas obras poden variar segundo a fonte, xa que escribía o xudeoespañol co alfabeto hebreo, como era o habitual na época.
  4. "Cherezlí, Salomón Israel" Sefardiweb
  5. Michele (Mike) Heath"Cherezli’s El Paradizo: Before Modern Hebrew Became the National Language of the Jews". Jerusalem Quartely 26 (2006), p. 78