Sabuxo español

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este sabuxo típico do extremo norte da Península Ibérica é de mediano tamaño e ten gran predisposición ó traballo, aínda que necesita un manexo firme.

O sabuxo español[1] é unha raza de can de rastro orixinaria do extremo norte da Península Ibérica, incluída no Grupo VI da clasificación da Federación Cinolóxica Internacional. Vén sendo utilizada nesas rexións dende hai séculos para a caza de toda clase de animais de pelo: xabaril, lebre, oso, lobo, cervo, raposo, corzo e rebezo. Trátase dunha raza exclusivamente de traballo, dedicada á caza con armas de fogo.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira descrición de sabuxos peninsulares aparece no Libro de la Montería de Alfonso XI[2], rei de Castela, escrito durante a segunda metade do século XIV, que no seu capítulo 39 fala de "cuales hechuras deben ser los sabuesos y las sabuesas".

Posteriormente aparecen diversas descricións dos sabuxos ibéricos nos sucesivos tratados de caza españois dos séculos século XV, XVI e século XVII: Tratado de la Montería [3], Discurso de la Montería [4] ou Origen y Dignidad de la Caça.[5]

Cacería de xabarís en Cantabria. Ano 1952.

Durante estes séculos os sabuxos en España utilizáronse sobre todo na caza do oso e do xabaril en Montería. O seu uso como can de sangue foi moi xeneralizado entre os monteiros adicados á arte da ballestería. Ademais dende moi antigo veuse utilizando o sabuxo español na caza a corda para aprazar o encame de osos, xabarís ou lobos. A medida que se foron xeneralizando as armas de fogo e a caza maior foi declinando, o uso do sabuxo no norte de España foi derivando cara a caza menor, sobre todo á caza da lebre "á volta", aínda que tamén seguiu sendo utilizado sen interrupción na caza do xabaril e o corzo.

Hoxe en día a recuperación das poboacións de caza maior no norte de España fixo que de novo se volvera a utilizar de xeito masivo o sabuxo español, xa estandarizado e uniformado como raza dende 1982[6], preferentemente para a caza do xabaril, sobre todo no que na tradición monteira norteña se denomina a caza do xabaril a corda.

Características[editar | editar a fonte]

É un can de talle media, eumétrico e lonxilíneo. De fermosa cabeza e longas orellas acampanadas. Destaca o elevado perímetro torácico da raza e o diámetro lonxitudinal que supera amplamente a alzada á cruz, con costelas redondeadas. De esqueleto compacto e fortes membros; de pelo fino, liso e pegado. De mirada doce, triste e nobre. É agarimoso e manso, non obstante os bos exemplares mostran gran valor na caza do xabaril.

Exemplar de Sabuxa española de antigo tipo Lebreiro.

A aparencia xeral é a dun can forte e resistente, non moi alto pero moi rústico. As dúas cores que presenta son rubio e branco, sós ou combinados. Admítense narices e unllas tanto negras coma cor carne. O rubio pode oscilar dende un ton moi claro (limón) ata un ton rubio amarroado. A raza presenta un elevado dimorfismo sexual, a altura dos machos oscila entre os 52 e os 57 centímetros e a das femias entre os 48 e os 53 centímetros.

Nun principio diferenciáronse dous subtipos dentro da raza: O sabuxo de monte e o sabuxo lebreiro, pero posteriormente unificáronse ambos.

Funcionalidade[editar | editar a fonte]

O sabuxo español é un can de rastro cun gran olfacto, destacando pola súa capacidade de acometer rastros de moitas horas de antigüidade; a súa voz é golpeadora, potente e de groso torgo. Pola súa maneira de modular a voz podemos coñecer a fase na que se encontra a cacería: achegamento, levante, persecución, parado ou chamada a morto. No norte de España ó ladrido do sabuxo durante a caza denomínaselle "latido" ou "llatido", e ó acto de ladrar mentres avanza seguindo un rastro ou "demanda": "latir" ou "llatir". En Galicia dise tamén “cantar” (que un sabuxo canta o rastro) e cante (ó ladrido do sabuxo no rastro).

Exemplar de Sabuxo Español.

É moi utilizado na caza da lebre, tradicionalmente unha vez levantada a lebre esperábase que o sabuxo a forza de tesón e pericia fora quen de facela volver ó lugar onde se producira o levante, onde era agardada polo cazador cun arma de fogo para abatela. É o que se denomina caza da lebre "á volta". Tamén é moi utilizado para a caza do xabaril nas monterías norteñas, sobre todo na modalidade denominada "a corda", a máis xenuína e tradicional, a orixe da cal se perde no tempo. Esta consiste na procura do encame do xabaril (ou outra caza) co auxilio dun sabuxo suxeito dunha corda. Cazador (chamado "monteiro") e sabuxo seguirán o rastro dos andares nocturnos do xabaril ata chegar ó lugar onde está a durmir durante o día, cuestión que se asegura procedendo a efectuar un rodeo da mancha de monte onde está encamado o xabaril. Unha vez asegurado o encame, o lugar é rodeado por varios cazadores e céibanse algúns cans no rastro da presa para facela saltar e conducila cara ós cazadores. O sabuxo español resulta un can excelente para este tipo de cacería.

Este can de caza posúe un carácter marcadamente independente por ter sido seleccionado para cazar só ou acompañado unicamente por un ou dous sabuxos máis, polo tanto non se trata estritamente dun can de manda[7]. Asemade necesita dun manexo firme na súa educación para que unicamente traballe os rastros da especie cinexética que desexa cazar o seu dono.

Trátase dun can de rastro xeneroso á hora de dar a voz, moi resistente e traballador e que tende a perseguir a súa presa durante moita distancia, non sendo raras as persecucións efectuadas por un só can que duran máis de 4-5 horas. Non é un can apto para a vida de mascota. Require moito espazo e moito exercicio, á parte de ser inxusto privalo da súa maior paixón: a caza.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Web da Federación Cinolóxica Internacional
  2. Libro de la Montería de Alfonso XI, Cap. 39: Cuales hechuras deben ser los sabuesos y las sabuesas.
  3. Tratado de la Montería, dun monteiro da Serra de Segura, século XV
  4. Gonzalo Argote de Molina (1582), Discurso de la Montería.
  5. Juan Mateos, Ballestero Mayor de S.M. Felipe IV (1634), Origen y Dignidad de la Caça.
  6. Web Oficial do Sabuxo Español
  7. Manda: Equipo de cans empregados na caza

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]