A Rugby Football Union (RFU) é a autoridade que regula a práctica do rugby masculino en Inglaterra. Entre as súas competencias están a organización dos partidos internacionais da Selección de rugby de Inglaterra, a promoción do rugby en Inglaterra e a formación de xogadores e árbitros. O Twickenham Stadium é da súa propiedade e nel están as súas oficinas. Ten 2'5 millóns de xogadores federados.
O empeño por parte da RFU de non crear un campionato de liga e de que no rugby o profesionalismo estivese prohibido, supuxo que en 1895 un grupo de 22 clubs do norte de Inglaterra proclamasen a súa secesión e fundasen a Northern Rugby Football Union que daría lugar á creación de normas novas, a novas competicións e finalmente a un deporte novo, o rugby a 13. Dende entón o rugby tradicional coñécese como rugby union para distinguilo do novo rugby league.