Rally de Terra do Carballiño de 1993
Tipo | Tempada 1993 do Campionato de Galicia de Rallys de Terra |
---|---|
Parte de | Rally de Terra do Carballiño e Tempada 1993 do Campionato de Galicia de Rallys de Terra |
Número de participantes | 60 |
Localización e Datas | |
País | España |
Número de edición | 6 (1993) |
Competición | |
Primeiro posto | José Alonso Vidal |
O Rally de Terra do Carballiño de 1993 foi a sexta edición de dito rally. Celebrouse o 26 de setembro de 1993 e foi a segunda proba puntuable para a tempada 1993 do Campionato de Galicia de Rallys de Terra. O vencedor foi o piloto José Alonso conducindo un Citroën AX 4x4.[1]
O rally estivo protagonizado polas protestas dun grupo de mulleres, veciñas de Gabián, no concello de Boborás, que impediron o paso dos vehículos por unha das pistas forestais, por desacordos coa organización.[2]
Itinerario
[editar | editar a fonte]Estaban programados 244,575 km, dos cales 34 serían cronometrados, divididos en tres treitos con dúas pasadas a cada un deles. Os treitos cronometrados a percorrer eran Feás-A Fenteira, Alto do Paraño e Osmo-Cenlle.[3] Por mor das protestas das "mulleres do Gabián" e dun pequeno incendio a proba reduciuse a só tres treitos e uns 15 km cronometrados.[1]
Protestas das "mulleres do Gabián"
[editar | editar a fonte]Un grupo de mulleres veciñas de Gabián autodenominadas "as mulleres do Gabián" cobraron protagonismo no rally, cortando o tráfico e impedindo a competición en parte do percorrido.[1] Días antes da celebración do rally xa mostraran a súa oposición ao paso da proba por unha das pistas forestais, entre Gabián e o alto do Paraño, alegando que dito camiño fora aberto co seu traballo e o seu diñeiro e que nos anos anteriores o paso do rally o deixara bastante estragado, tendo que amañalo elas sen a axuda de ninguén.[2] Por este motivo pedíronlle 100.000 pesetas á organización para permitir o paso da proba, petición que foi aceptada nun principio pola organización. Con todo, tras o pago da metade da cantidade acordada, o ICONA obrigou ás mulleres a devolver o diñeiro.[2]
Na tarde anterior á celebración da proba as mulleres abriron unha gabia de grandes dimensións na pista forestal, que foi pechada pola noite e reaberta de novo no amencer do día do rally. Atrincheiráronse nela "armadas" con apeiros de labranza e colocaron ademais bloques de cemento e grandes pedras obstaculizando o camiño.[2] Finalmente conseguiron o seu obxectivo e suspendéronse as dúas pasadas por dito treito.[1]
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O Citroën AX 4x4 do vigués José Alonso dominou os dous primeiros treitos, seguido de preto polo Peugeot 205 GTI de Manuel Senra e Pepe Maceiras, e con Andrés González en terceiro lugar. No derradeiro treito, o coche de Senra envorcou a falta de poucos metros para a meta, deixando o camiño libre para a vitoria de Alonso.[1]
Clasificación
[editar | editar a fonte]Pos | Piloto | Copiloto | Vehículo |
---|---|---|---|
1 | José Alonso | Agustín Rodríguez | Citroën AX 4x4 |
Abandonos | |||
- | Manuel Senra | Pepe Maceiras | Peugeot 205 GTI |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Un incendio y protestas de los vecinos en el Rally de Carballiño". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 1993. p. 56.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "«As mulleres do Gavián»". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de setembro de 1993.
- ↑ "El Ralli de Terra también existe". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de setembro de 1993.
Predecesor: Rally de Narón |
Campionato de Galicia de Rallys de Terra Tempada 1993 |
Sucesor: Rally de Terra de Lugo |