Rafael Prado Fraguas
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 2 de xaneiro de 1957 Ourense, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 3 de xullo de 2016 (59 anos) Madrid, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,75 m. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1973 - 1981 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Rafael Prado Fraguas, nado en Ourense o 2 de xaneiro de 1957 e finado en Madrid o 3 de xullo de 2016,[1] foi un futbolista galego que xogaba de defensa. A súa carreira desenvolveuna principalmente no Atlético de Madrid, pero estivo marcada por unha grave lesión sufrida en 1976.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado en Ourense, comezou a xogar ao fútbol no Atlético Juventud do barrio da Lonia. Con varios equipos interesados nel, Fernando Bouso levouno a Madrid para probar no Atlético de Madrid, e alí ingresou na canteira do club vermello e branco.[2][3] O 6 de abril de 1974, con 17 anos, debutou co primeiro equipo na Primeira División da man do adestrador Luis Aragonés, que tivo que recorrer a el nun partido contra o Murcia por mor das baixas por lesión de Eusebio Bejarano e Domingo Benegas e por sanción de Ramón Heredia e Rubén Osvaldo Díaz.
Durante os seguintes tres anos gañou co equipo madrileño unha Copa Intercontinental, unha Copa do Rei e unha liga, e debutou na Recopa de Europa, pero a súa carreira viuse truncada o 8 de febreiro de 1976, pouco despois de cumprir 19 anos, cando nun partido contra a UD Salamanca, un choque con Santiago Bartolomé Rial rompeulle a tibia e o peroné. Reapareceu dous anos e unha semana despois, nun partido da Copa do Rei contra a UD Las Palmas. Con todo, só 11 días despois da súa reaparición volveu sufrir unha grave lesión nun partido de liga contra o Cádiz, precisando 22 puntos de sutura.[4] Non volveu xogar esa tempada, mentres que na seguinte pasou ao filial, co que disputou 22 encontros na Segunda B. Nas campañas 1979/80 e 1980/81 xogou sete partidos co primeiro equipo.
No verán de 1981, o club decidiu non seguir contando cos seus servizos, polo que Fraguas regresou a Galicia, onde estivo a proba polo Celta de Vigo de Pavić, co que xogou 65 minutos nun partido amigable contra o Porriño, sen chegar a fichar finalmente.[5] Volveu entón a Madrid, onde xogou co Torrejón na Segunda B. En 1982 volveu á súa cidade natal e fichou polo Ourense, co que xogou durante dúas tempadas na Terceira División.[6] Na campaña 1985/86 xogou no Daimiel, da mesma categoría.
Faleceu o 3 de xullo de 2016, aos 59 anos.[1]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Atlético de Madrid
- Liga española (1): 1976/77.
- Copa do Xeneralísimo (1): 1975/76.
- Copa Intercontinental (1): 1974.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Fallece, Rafael Prado Fraguas, ‘ex’ del Atlético de Madrid". Mundo Deportivo (en castelán). 3 de xullo de 2016. Consultado o 6 de outubro de 2021.
- ↑ Alfaro, Toño (4 de xullo de 2016). "La estrella que no brilló por las lesiones: Fraguas" (en castelán). Consultado o 6 de outubro de 2021.
- ↑ Rodríguez, Luis Manuel (4 de xullo de 2016). "Murió Fraguas, exfutbolista ourensano del Atlético de Madrid". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de outubro de 2021.
- ↑ "Fraguas, 22 puntos de sutura". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de febreiro de 1978. p. 39.
- ↑ "Venció el Celta al Porriño". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de agosto de 1981. p. 44.
- ↑ "El Orense quiere ascender a Segunda «B»". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de agosto de 1982. p. 27.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador en BDFutbol .(en castelán)
- Datos do xogador en footballdatabase.eu (en castelán).