Río Tombigbee

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Río Tombigbee
USACE Coffeeville Lock and Dam Tombigbee.jpg
Esclusa e presa de Coffeville no Río Tombigbee preto de Coffeeville, Alabama. En Coffeeville están a última esclusa e presa antes do Golfo de México.
PaísEstados Unidos de América Estados Unidos
EstadoMississippi e Alabama
NacementoCondado de Itawamba
Lonxitude644 km
DesembocaduraRío Mobile
Tombigbeerivermap.png
Mapa do río Tombigbee

O río Tombigbee é un afluente do río Mobile, de aproximadamente 644 quilómetros de lonxitude, nos estados norteamericanos de Mississippi e Alabama. É un dos dous principais ríos, xunto co Alabama, que se unen para formar o pequeno río Mobile antes de desembocar na baía de Mobile no Golfo de México. A conca fluvial das augas do Tombigbee abrangue a maior parte da chaira costeira rural do oeste de Alabama e do nordés de Mississippi, e discorre xeralmente cara ao sur. O río proporciona unha das rutas principais de navegación comercial no sur dos Estados Unidos, navegable ao longo da maior parte da súa lonxitude a través de esclusas e unido na súa parte superior co río Tennessee a través da canle de Tennessee-Tombigbee.

Descrición[editar | editar a fonte]

O río nace no nordés de Mississippi, no condado de Itawamba. No pasado considerouse que o nacemento do río estaba, máis ao sur, no norte do condado de Monroe, na confluencia do río Town Creek (tamén coñecido como a Galla Oeste do Tombigbee) coa galla Leste do Tombigbee . Hoxe, con todo, o treito que antes era coñecido como esa galla leste tense polo Tombigbee.

Discorre cara ao sur a través do lago Aberdeen, preto da vila de Aberdeen (Mississippi), e do lago Columbus, preto de Columbus (Mississippi). Cruza as pozas de Aliceville, na fronteira entre Mississippi e Alabama, e prosegue, xeralmente dirección sur-sueste, a través do oeste de Alabama nun curso con moitos meandros, pasando as vilas de Gainesville e Demopolis, onde se lle une polo nordés o río Black Warrior. Ao pasar Demopolis discorre cara ao sur a través do suroeste de Alabama, deixando á esquerda Jackson. Únese ao río Alabama ao norte dos condados de Mobile e Baldwin, aproximadamente a 48 km ao norte da cidade de Mobile, para formar o río Mobile.

Logo da finalización da canle de Tennessee-Tombigbee en 1985, a maior parte do curso medio do río no noroeste de Mississippi foi desviado cara á nova canle. Ao norte do lago Aberdeen, a canle discorre ao pé do curso orixinal do río.

O Refuxio Nacional de Fauna de Choctaw (hábitat protexido do pato carolino (Aix sponsa) atópase ao longo do río, no suroeste de Alabama, aproximadamente 32 quilómetros ao noroeste de Jackson.

As chairas superiores do Tombigbee eran a terra dos pobos chickasaw antes da súa retirada en 1838. O Tombigbee foi a ruta tomada pola campaña de Le Moyne de 1736 contra eles.

Afluentes[editar | editar a fonte]

Na ribeira esquerda, río Buttahatchee, o río Sipsey e o Black Warrior. Na ribeira dereita o principal afluente é o río Noxubee, que se lle une á altura de Gainesville.

O incidente do Cahaba[editar | editar a fonte]

O incidente do Cahaba fai alusión a un accidente fluvial. O 28 de abril de 1979, un remolcador chamado Cahaba estaba no Tombigbee, á altura de Demopolis. Ía pasar por baixo unha ponte levadiza, que non se atopaba aberta, durante unhas medras do río. As rápidas correntes botaron a embarcación contra a ponte en augas pouco profundas. A forza era tan intensa que envorcou o barco e pasouno por baixo a ponte botada, metido completamente na auga. O barco xurdiu alén da ponte con danos na súa maior parte estéticos e endereitouse en por si.

Notas[editar | editar a fonte]