Ría de Euraboil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista parcial da ría de Euraboil dende a ribeira oriental. En primeiro termo a península de Ard Neackie e ao fondo a illa de Choraidh.

A ría de Euraboil (en gaélico escocés Loch Euraboil, en inglés Loch Eriboll) é unha ría ou loch setentrional de Escocia, na súa costa norte.

Localización[editar | editar a fonte]

Situada na costa norte escocesa, a ría verte as súas augas directamente ao océano Atlántico. Orientada de sur a norte, ten uns 16 kms de longo e é unha ría relativamente aberta: chega a acadar na súa parte media os 3 km, se ben logo estreita algo e remata nunha boca de 7 km.

A ría fórmaa fundamentalmente o río Srath Beag, se ben tamén achega as súas augas o Hòb, que baleira o lago Hòb, situado en paralelo á ría na súa ribeira oriental. Ten algunhas pequenas illas despoboadas no seu interior, como a Choraidh e a Hoan, de arredor dun km de dimensión máxima. A boca da ría vén delimitada polos cabos Faraid, ao oeste, e Geal (Whiten, en inglés) ao leste.

As súas ribeiras alternan as praias cos cantís, e nela localízanse algúns pequenos lugares, do que os únicos destacables é a aldea de Eriboll (nome oficial), que denomina a ría, e mais o peirao de Portnancon.

Historia e aproveitamento[editar | editar a fonte]

A ría, situada nunha costa perigosa e cunha boca accesible e cómoda, converteuse dende antigo tempo nun refuxio en tempos de treboada. O poboamento humano existía xa na Idade de Bronce, como demostran uns restos ben conservados dun castro na ribeira oeste. No século XIX desenvolveuse unha pequena industria de calcarias.

Pero a importancia da ría foi fundamentalmente bélica, usada como refuxio de navíos de guerra británicos durante a segunda guerra mundial. Por exemplo, o peirao de Portnancon saíu por última vez o cruceiro de combate HMS Hood que foi destruído na batalla do Estreito de Dinamarca, en 1941. E a illa deshabitada de Choraidh foi empregada como albo en prácticas de tiro de avións da aviación británica por ter unhas dimensións e unha aparencia semellantes ás dun buque de guerra. Ademais, os sobreviventes dun submarino alemán rendéronse tamén nesta ría en 1945.