Purosangue

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Purosangue.

O purosangue[1] é unha raza de cabalos desenvolvida no século XVIII en Inglaterra, cando eguas nais inglesas foron cruzadas con sementais árabes, berberiscos e akhal teke importados, para crear corredores de distancia.

Todos os purosangues ingleses modernos son descendentes dalgún do tres sementais importados a Inglaterra desde o Oriente Medio a finais do século XVII e principios do XVIII: o Darley Arabian, o Godolphin Arabian, tamén coñecido como o Goldophin Barb, e o Byerly Turk (a primeira parte do nome destes sementais refírese ao seu propietario británico, mentres que a segunda parte é un indicador da orixe do cabalo). Estudando o ADN mitocondrial, sábese que a orixe das eguas é bastante cosmopolita,[2] aínda que a contribución británica e irlandesa é a máis importante. A xenética parece indicar que as eguas británicas e irlandesas supoñen o 61%, as provenientes de Oriente Medio o 31% e as da península arábiga tan só o 8% restante.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro purosangue nas colonias americanas foi Bulle Rock, importado por Samuel Gist do Condado de Hanover, Virxinia, en 1730.

No Reino Unido, o rexistro destes cabalos é mantido polo Jockey Club. Unha organización diferente pero co mesmo nome mantén os rexistros en Estados Unidos. Hai rexistros oficiais de Jockey Clubs en 65 países.[4] O primeiro rexistro de purosangues, ou “Stud Book”, foi creado por un home en Inglaterra no século XVIII, e crese que foi esta a primeira invención do seu tipo.

Características[editar | editar a fonte]

A pesar de que os purosangues son primariamente criados para correr, tamén poden ser utilizados para equitación e outros adestramentos combinados debido á súa condición atlética.

Un purosangue típico mide 16 palmos (64 polgadas/1,63 metros) de altura, e pode ser castaño, negro puro, alazán ou tordo en canto á súa pelame. A cara e a parte inferior das súas patas poden ter manchas brancas, pero a cor branca xeralmente non aparece noutras partes do corpo (aínda que algúns xenes relativos á cor, usualmente atopados en exemplares alazanes, traen como consecuencia algúns pelos ou manchas brancas).

O purosangue é criado principalmente para correr ao galope e cunha montura. Existen variacións en canto ao seu tamaño e conformación (a estrutura e aparencia do cabalo), e os compradores de potenciais cabalos de carreira selecciónanos segundo a súa conformación, o seu “papel” (o seu pedigree e campaña de pista dos seus devanceiros tal como aparece no catálogo de vendas) e a súa saúde. Os compradores de “sprinters” (cabalos que correrán distancias curtas, até a milla), xeralmente seleccionan cabalos máis musculares; aqueles interesados en adestrar para as distancias “clásicas” sobre a milla xeralmente seleccionan exemplares máis grandes, con patas máis longas. Algunhas familias de purosangue son coñecidas como de sprinters ou de fondistas, algunhas para correr en area e outras para correr en grama, como usualmente atópanse en Europa. Os compradores xeralmente seleccionan exemplares grandes (Man Ou'War, Secretariat, Dr. Fager e Forego foron cabalos grandes), aínda que con todo un número importante de bos cabalos foron pequenos (War Admiral, Round Table, Seabiscuit, Northern Dancer, e máis recentemente Dalakhani e Smarty Jones).

Moitos expertos na adquisición de purosangues tentan predicir o potencial dun poldro determinado observando o seu balance estrutural de maneira xeral, o atlético e a súa disposición ao camiñar, a intelixencia que mostran e a correcta conformación das súas patas. Os compradores de cabalos máis caros con frecuencia contratan expertos veterinarios para que examinen e infórmenlles da condición do aparello respiratorio dun cabalo, a saúde da súa estrutura ósea e o tamaño do seu corazón.

Os exemplares nados no hemisferio norte tecnicamente cumpren un ano máis de idade o 1 de xaneiro; mentres que aqueles nados no hemisferio sur fano o 1 de xullo. Estas datas artificiais foron estabelecidas para permitir a estandarización dos cabalos de carreira en diferentes grupos de idade.

Aproximadamente 35.000 poldros nacen e son rexistrados cada ano nos Estados Unidos. A maior cantidade de poldros nacen en Kentucky, Florida e California.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Entrada purosangue en Digalego
  2. Las madres de todos los caballos purasangre
  3. Bower, M., Campana, M., Whitten, M., Edwards, C., Jones, H., Barrett, E., Cassidy, R., Nisbet, R., Hill, E., Howe, C., & Binns, M. (2010).
  4. International Statistics & Technical Information (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]