Purim

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Agasallos dos Purim.

Os Purim é unha festa xudía que se celebra o 14 de adar. É unha celebración similar ao Entroido, que se celebra con disfraces, bromas, comida e doces.

A festa commemora que durante o desterro en Mesopotamia, no tempo de Xerxes I, o pobo xudeu librouse dunha orde de exterminio que preparaban algúns ministros do rei, tal como relata o Libro de Esther.

Tamén é posible que o dito libro nacera como un relato que viña darlle unha xustificación relixiosa a unha festa de pura diversión.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Purim, en plural, significa "as sortes". A festa celebra que, cando todo parecía perdido, tornaron as sortes para os xudeus e foron salvados por Ester da vinganza de Hamán.

No libro de Ester establécese unha oposición entre as sortes que bota Hamán para decidir o mellor día para o exterminio dos xudeus:

"(...) e (Hamán) intentou exterminar a tódolos xudeus que había no reino enteiro de Axuero. No mes primeiro, o mes de nisán do ano doce do rei Axuero, botaron "Pur, isto é, sortes, diante de Hamán, para saberen o día e o mes; e caeu a sorte no día trece do mes doce, que é o mes de adar." (Ester 3, 7)

E a sorte final de Hamán e dos xudeus:

"Hamán, fillo de Amedata, o agaguita, o perseguidor de tódolos xudeus, intentara acabar con eles e botara sortes, Pur, para aniquilalos e exterminalos. Pero cando ela, Ester, se presentou diante do rei, díxolle o rei por decreto que o malvado designio que maquinara contra os xudeus, se trocase contra a súa propia cabeza, e foi colgado do alto do madeiro, el e mailos seus fillos. Por iso chamaron a estes días os "Purim", da palabra "pur" (sorte)"

Orixe da festa[editar | editar a fonte]

Pódese enfocar a orixe desta festa desde dúas perspectivas, a bíblica e a antropolóxica.

Desde a perspectiva bíblica[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Libro de Ester.

O Libro de Ester relata como Hamán, ministro do rei Xerxes I, que no libro se lle chama Axuero, prepara un decreto que suporá o exterminio dos xudeus que vivan no imperio persa. Cando Mardoqueo, un xudeu que ocupa un importante posto na corte de Axuero, sabe destas intencións busca desesperadamente unha solución para salvar ao seu pobo.

Ao mesmo tempo, o rei Axuero, furioso coa súa raíña, busca novas concubinas para o seu harén e pon os seus ollos en Ester, sobriña de Mardoqueo, que ao quedar orfa foi criada por el. Mardoqueo aproveita a situación da súa sobriña para facer chegar ata o gran rei as súas peticións, logrando así a anulación do decreto e a caída en desgracia de Hamán.

A festa coa que a comunidade xudía de Mesopotamia celebrou a súa salvación sería a orixe dos Purim.

Desde a perspectiva antropolóxica[editar | editar a fonte]

Con todo, hai moitas razóns para pór en cuestión a historicidade do relato: a tradición tolerante da cultura persa que respectaba as crenzas e cultura propia dos pobos que ía conquistando, o feito de que uns estranxeiros chegaran a ter poder suficiente nunha corte persa como para torcer as ordes dun primeiro ministro.

Visto en perspectiva antropolóxica, a festa dos Purim é similar a outras moitas que se atopan en distintas culturas do mundo: o entroido europeo, as saturnais romanas...

Desde esta perspectiva sería unha máis das festas que actúan como válvula de escape para as tensións sociais. Posteriormente, para darlle certa lexitimidade social e relixiosa, naceu a narración oral de Ester, que algún autor puxo posteriormente por escrito.

Celebración da festa[editar | editar a fonte]

Ao ser como un entroido, hai un elemento de ledicia, broma e parodia en toda a celebración Elementos da festa:

  • Lectura do libro de Ester (megilat ester) na sinagoga. Lese a xeito recitativo, en ton alegre. Os asistentes, provistos de carracas e calquera cousa que faga ruído, interrumpen a lectura cada vez que se pronuncia o nome do odiado Hamán.
  • Xantar, con doces propios desta festa.
  • Disfraces.
  • Agasallos a amigos e viciños.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • A Biblia, ed. SEPT, 1ª ed., Vigo 1989

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns Externas[editar | editar a fonte]